8/10/21

Recomendacións en Radioleiros: 8 outubro 2021

- Infantil (a partir de 4 anos):

¡Deprisa deprisa!, de Clotilde Perrin
Juventud, 2020

O protagonista desta obra é un neno que nos mostra como na época actual a maioría das cousas se fan de présa, vístese de présa para coller cos seus amigos o autobús, que atravesa a cidade como un lóstrego, chega a unha praia e suben a unha barca que surca a auga a toda velocidade, sen ter tempo nin para bañarse. Cando chegan suben a un avión que atravesa as nubes de présa, pero, onde están? O avión é un punto no ceo e el non foi o suficiente rápido.

Nesa louca carreira esqueceu de pararse a mirar a xoaniña que voaba, as árbores que había no seu camiño, o peixe que saltaba encima das ondas, o paxaro que cantaba... e a súa casa que o estaba agardando. Saborea o almorzo e pensa en todas as cousas que lle quedan por facer con calma, pouco a pouco, tranquilamente.


Estamos ante un libro que xa destaca só ao velo porque ten un formato diferente aos demais, é apaisado, isto xunto coas imaxinativas ilustracións provócanos sensación de movemento na primeira parte e tranquilidade na segunda.

É un libro que serve para reflexionar cos nenos/as de que a veces non paramos a observar o que nos rodea e gozar coas pequenas cousas como pode ser un riquísimo almorzo ou un xirasol brillando cara o sol.

- Mozas/os e adultas/os:

17 mujeres Premios Nobel de ciencias, de Hélène Merle-Béral
Plataforma Editorial, 2018

Presenta os Premios Nobel en ciencias concedidos a mulleres desde a súa creación en 1901 ata o ano 2015.

Nese período de tempo, en todas as categorías, o Premio Nobel concedeuse a 814 homes e a 46 mulleres, un 5,3%. Esta disparidade home/muller tan patente indícanos como a muller tivo un acceso moi restrinxido á cultura, ás ciencias e á posibilidade de formación. Ao mesmo tempo tamén vemos como solo son moi coñecidas unhas poucas como Marie Curie que o recibiu 2 veces, en 1903 na categoría de física (compartido con Pierre Curie e Henri Becquerel) e en 1911 na de química, ou a súa filla Irene Joliot-Curie que o recibiu en 1935 na categoría de química (compartido con Frédéric Joliot-Curie), ou Barbara McClintock que o recibiu en 1983 na categoría de fisioloxía ou medicina, Rita Levi-Montalcini que o recibiu en 1986 na mesma categoría (compartido con Stanley Cohen) ou Françoise Barré-Sinoussi, premiada en 2008 tamén na mesma categoría. As demais son máis descoñecidas e se as oímos nomear esquecémonos rapidamente do seu nome e apelidos.

Este libro pretende dar a coñecer quen foron estas 17 mulleres, a súa distinta procedencia familiar e social, a súa diversidade e características particulares, como cada muller tivo que loitar contra a súa problemática e tamén o traballo que lles levou realizar esas investigacións tan importantes para a humanidade. As súas investigacións abarcan un variado cadro: desde os fenómenos da radiación, o radio e o polonio, os factores do crecemento, o control xenético no desenvolvemento embrionario, o descubrimento do virus da inmunodeficiencia humana, etc.

Segundo a autora, a curiosidade intelectual e a busca do saber é a principal constante de todas estas científicas. O seu éxito acompáñase dun desexo de transmisión do saber e da ética científica, foron mulleres que destacaron nun ambiente en gran medida masculino, principalmente durante o século XX.
 

Esta interesante obra ofrécenos a ocasión de reflexionar sobre a importancia cultural e social de xénero na investigación científica.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario