30/4/21

Recomendacións en Radioleiros: 30 abril 2021

- Infantil (nenas-os a partir de 8 anos):
"Niñas que imaginaron lo imposible (y lo consiguieron)" de Tony Amago e Nuria Rodríguez. En Algar.
Álbum ilustrado que recolle as historias de 19 mulleres de todo o mundo que loitaron por facer posible o seu soño, e conseguírono. Aviadoras, navegantes, almirante de flota, motoristas, zoólogas, naturalistas, pilotos, cosmonautas, alpinistas, xornalistas, etc.
Cada muller ven descrita a dobre páxina. Na da esquerda figuran ilustracións, curiosidades e algunha anécdota da súa infancia e na da dereita unha breve biografía, a explicación dalgunha das súas proezas e datos sobre as súas viaxes ou fazañas.
A máis antiga é Isabel Barreto de Castro. (1567-1612). Almirante de flota galega. A 1ª muller almirante dunha flota de barco expedicionario.
Por antigüidade séguenlle, Sacagawea (1787-1812). Guía e exploradora estadounidense da tribo shoshone. Tradutora e guía da expedición de Lewis e Clark, unha das viaxes máis importantes de exploración do territorio de Norte América.
Ida Pfeiffer (1797-1858). Exploradora e escritora austríaca. Pioneira en facer como forma de vida as viaxes e as exploracións a outras culturas e países.
Marianne North (1830-1890) Pintora e naturalista inglesa. Máis de 830 pinturas certifican a súa dedicación. A súa obra pode ser visitada na Marianne North Gallery ubicada no Xardín Botánico de Kew en Londres. Moitas especies vexetais foron catalogadas e pintadas por ela por 1ª vez. Algunhas levan o seu nome.
Nellie Bly (1861-1922). Xornalista estadounidense. Para moitos, inventora do xornalismo encuberto. O seu 1º traballo importante foi un artigo sobre un asilo psiquiátrico de Nova York. Ingresou no centro, facéndose pasar por unha paciente. O seu impresionante relato sacou á luz prácticas inhumanas e as terribles condicións ás que se sometía aos pacientes, incluída ela mesma. Tras o éxito da novela de Julio Verne “La vuelta al mundo en 80 días”, o seu editor pensou nela para intentar emular a xesta descrita no libro. Aceptou e deu a volta ao mundo en 72 días establecendo un novo récord mundial.
Genevra Delphine Mudge (1881-1964). Piloto de coches estadounidense. Foi a 1ª muller que obtivo a licencia de conducir. Aconteceu en Nova York en 1898.
...
Por citar só algunhas.
Un libro moi interesante, atractivo e fácil de ler, que presenta inquedanzas e proezas que conseguiron algunhas mulleres que nos precederon.
 
- Mozas-os e adultas-os:
"Feliz Idade" de Olga Novo. Editado por Kalandraka.
Premio Nacional de Poesía, ano 2020.
Premio Gala do Libro Galego, ano 2020. 
Fermosa obra de poesía, escrita ao longo de sete anos, que responde a unha parte da vida da autora: o nacemento da súa filla e a morte de seu pai.
O xurado do Premio Nacional de Poesía destacou que se trata dun relato vitalista que “celebra o amor e a existencia máis alá do tempo”. Tamén resaltou  a súa gran potencia que conxuga autenticidade e verdade.
Comeza cunha preciosa carta limiar dirixida a súa filla Lúa. Escrita seis anos despois da súa concepción e un ano despois da morte do avó, na que lle di textualmente que o libro “foi vivido” ao longo de sete anos, un ciclo de existencia na que se atopan ela e o seu avó. A súa concepción coincidiu co inicio da enfermidade do avó, polo que mentres a nena avanzaba medrando, o avó ía empeorando. Nela dinos que “a poesía é un acto radical de vida”.
A partir desta carta, o libro está dividido en sete partes.
Parte I, titulada “Fogonazo” formada por poemas que nos falan da concepción da filla.
Parte II, “Poesía en posición fetal”, dedicada a Xosé Maceda.
Parte III, “A Lúa su o negrillo”, dedicada á filla.
Parte IV, “Zona Tigre”, dedicada a seu pai.
Parte V, “Da beleza indómita”.
Parte VI, “Amor es”.
Parte VII, “Harmonía fractal”.
Estamos ante un magnífico libro, que presenta unha continuidade vital, unha memoria agraria e unha parte da cultura tradicional galega.
É un canto ao amor e á busca da “felicidade cada día”.
 
Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario