5/3/21

Recomendacións en Radioleiros: 5 marzo 2021

- Xuvenil (a partir de 10 anos):

Feminino singular en plural, textos e poesías de Concha Blanco con ilustracións de Laura Romero
Baía Edicións, 2020

Versión dixital en Galiciale

12 sinxelos poemas biográficos dedicados a mulleres galegas pioneiras e singulares (de aí o título), pero tamén a outras mulleres anónimas e das que non coñecemos os seus nomes. Todas elas valentes e loitadoras, desde a antiga Gallaecia ata a Galicia contemporánea actual, con nomes como: Rosalía de Castro, Xulia Minguillón, Exeria, Elisa e Marcela, Concepción Arenal, MariCastaña, Sofía Casanova, Mª Xosé Queizán, ás dúas Marías (Maruxa e Coralia), Emilia Pardo Bazán, Olimpia Valencia e a todas as mulleres anónimas, viúvas de vivos, silenciadas, descoñecidas, que sacaron este país adiante.

Intercalados con estas poesías hai breves textos dunha nena e un neno (Sabela e Roi) con comentarios infantís sobre estas mulleres.

A autora di que son mulleres sobre as que investigou na súa historia para provocar unha reflexión sobre as súas vidas, o seu labor, a súa forza, a súa intelixencia ou a súa entrega... e unha vez interiorizado este gran problema social facer algo de xeito particular e tamén colectivo para cambiar. A unión fai a forza.


Desde Baía Edicións definen a obra como un canto agradecido a mulleres que loitaron individualmente e con moitos atrancos pola súa colectividade.

Un libro que fala da loita pola igualdade e pola liberdade, para acadar unha sociedade máis xusta.

- Mozas/os e adultas/os:

Totalidad sexual del cosmos, de Juan Bonilla
Seix Barral, 2019

Versión dixital en eBiblio

Premio Nacional de Narrativa en 2020

Recupera a figura da poeta e pintora mexicana Nahui Olin, unha muller intelixente e con ansias de liberdade, ao mesmo tempo que extravagante e irreverente. Ultimamente está considerada como unha figura carismática da arte mexicana do século XX.

O seu verdadeiro nome era Carmen Mondragón, pero decidiu asinar como Nahui Olin. Naceu en Veracruz (México) en 1893. Viviu en París nos primeiros anos do século XX, onde coñeceu, entre outros, a Matisse e a Picasso. Ao estalar a 1ª Guerra Mundial trasladouse a San Sebastián ata que volveu a México en 1921, onde participou activamente na vida intelectual e artística do seu país e destacou polas súas ideas feministas e unha actitude provocadora. Unha artista de gran beleza e sensualidade que se auto-representou na súa pintura, o que se relaciona co seu coñecemento do feminismo anglosaxón e mexicano que a leva a explorar a súa creatividade.

Nahui Olin formou parte dese grupo de mulleres que durante as décadas de 1920 e 1930 produciron un dos períodos más activos da cultura e a arte en México.

Nesta novela, mesturando realidade e ficción, o autor reconstrúe e dá a coñecer un personaxe histórico a través da busca que realiza un personaxe de ficción, que é o restaurador Tomás Zurián, namorado desta muller, dos seus fermosos ollos verdes, despois de ver unha fotografía súa. Debido a esta obsesión, a súa propia vida queda anulada en función da recuperación da biografía e produción literaria e artística de Nahui Olin.


O xurado do Premio Nacional de Narrativa elixiu esta obra por: “su prosa poderosa y transparente, de rítmica tensión narrativa, y por su análisis sobre la investigación como acto de amor exacerbado”. Tamén destacou: “la aproximación literaria a un personaje femenino anticanónico e iluminador es modélica y constituye, al mismo tiempo, una reivindicación de las vanguardias que atraviesan la propia escritura a lo largo de toda la obra”.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas


No hay comentarios:

Publicar un comentario