28/8/15

Recomendacións en Radioleiros: 28 de agosto

http://bibliotecasoleiros.blogspot.com.es/search/label/Recomendaci%C3%B3ns%20en%20Radioleiros
- Infantil (maiores de 6 anos):  
http://bmpg.rbgalicia.org/cgi-bin/koha/opac-detail.pl?biblionumber=83418
Un saco de estrelas, de Fina Casalderrey ; ilustracións de Enjamio
Xerais

Presenta unha muller extravagante, que vestía de forma rara, andaba descalza, levaba as uñas pintadas de varias cores, polo que había nenas e nenos que se metían con ela chamándolle tola, bruxa, e outros insultos, ao que ela respondía cun sorriso.

Chegaba coa primavera e cando camiñaba parecía que non tocaba o chan, non facía ruído ningún. Levaba sempre un saco luminoso que semellaba ter dentro a luz de numerosas estrelas. Observándoa, pasaron de facer burla a sentir unha mestura de medo e fascinación, polo que unha tarde decidiron seguila. Entre estes/as nenos/as estaba Alba. Un día, Alba torceu un pé e tivo que permanecer en repouso, como seus pais non estaban sempre na casa, decidiron que quedara coa tía Lola durante dúas semanas. Foi daquela cando se decatou que desde a ventá dun dos cuartos da casa de súa tía se vía a casiña de Sobredorrio a onde ía esa muller extravagante... 


Fermosa obra que nos fala do respecto e a non discriminación das persoas que poden ser diferentes a nós, vestir ou comportarse dunha maneira distinta.

- Mozos/as e adultos/as:

http://bmpg.rbgalicia.org/cgi-bin/koha/opac-search.pl?q=crematorio+chirbes&idx=Crematorio, de Rafael Chirbes
Anagrama

Recomendamos a obra Crematorio a modo de homenaxe e lembranza do escritor Rafael Chirbes, recentemente falecido.

Unha novela sobre a corrupción urbanística en España, na que realiza unha revisión crítica da sociedade española de finais do franquismo e a transición.

A morte de Matías Bertomeu, antigo revolucionario transformado en agricultor-ecoloxista e o feito que desencadena o que vai acontecer ao longo do libro. O título xa fai referencia ao crematorio onde serán incinerados os seus restos.

Familiares e amigos lembran a súa relación con el. A dor, os pensamentos e a reflexión que provoca a súa morte en diferentes persoas: no seu irmán Rubén, un arquitecto e constructor sen escrúpulos enriquecido rapidamente que na súa mocidade tiña certos ideais, pero que foi perdendo co paso do tempo;  en Silvia, filla de Rubén, unha restauradora de arte oposta ao urbanismo salvaxe do pai,  casada con Juan Mullor, o catedrático que prepara a biografía do escritor Federico Brouard, vello amigo dos Bertomeu; en Ramón Collado, o home que fixo os traballos suxos do constructor; en Traian, o mafioso ruso, antigo socio de Rubén; ou en Mónica, a nova e ambiciosa segunda muller do constructor.


Presenta unha corrupción que o abarca todo, un urbanismo salvaxe,  un capitalismo desaforado, o control da mafia rusa, o poder dos cartos, as contradicións do ser humano, etc. Un libro excelente pero complexo, considerado pola maioría dos críticos literarios como unha das mellores obras da literatura española dos últimos anos.  Recibiu o Premio da Crítica no ano 2007, Premio Cálamo ao libro do ano 2007 e Premio Dulce Chacón.

Foi adaptada ao cine como miniserie de televisión (dispoñible na Biblioteca Central Rialeda) con excelentes críticas. Pepe Sancho como protagonista no papel do constructor Rubén Bertomeu.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.


No hay comentarios:

Publicar un comentario