14/5/21

Recomendacións en Radioleiros: 14 maio 2021

- Adolescentes (a partir de 12 anos):
"A pintora libertaria" de Pepe Carballude. Editado por Galaxia.
Unha interesante novela xuvenil que trata o tema da falsificación de obras de arte.
No concello de Vila do Pazo están restaurando a antiga escola, construída no ano 1906 pola emigración cubana, para convertela nun museo da emigración, idea do escritor Neira Vilas, e que o alcalde e os/as concelleiros/as consideraron acertada polo que decidiron levala a cabo. O edificio é de baixo e piso. Antigamente na planta baixa estaba a escola propiamente dita, e no 1º andar situábanse as vivendas dos mestres. Debido a que a restauración non dá acabado antes das eleccións municipais, deciden facer a inauguración só da planta baixa instalando nela unha exposición con obras da gran pintora galega Maruja Mallo. A maioría dos cadros foron prestados polo propio construtor que fai a restauración, Roberto Moreira, e a maiores hai cinco que prestou a Xunta de Galicia. O comisario da exposición, e autor do catálogo razoado da mesma, é o profesor Carlos Caramés que ven á inauguración acompañado de tres alumnos de arte de 2º de bacharelato. Pero ao día seguinte deste acto, sae unha noticia no xornal que fala de que hai cadros falsos, que a maioría das obras expostas ofrecen serías dúbidas de autenticidade...
 
O autor, Pepe Carballude, é un coleccionista de pintura galega, unha persoa que sabe moito de arte, o que queda ben reflectido no libro. Estamos ante un texto que provoca a reflexión sobre esta temática, pero que tamén trata outras como a da emigración, a relación entre Alberti e Maruja Mallo ou entre Maruja Mallo e Miguel Hernández, ao mesmo tempo que se vai desenvolvendo o misterio coa denuncia de se as pinturas son falsificacións ou non. Unha entretida novela cunha lectura moi áxil, con capítulos curtos que se len rapidamente e unha suxestiva intriga por resolver.
 
- Mozas-os e adultas-os:

"Darío a diario" de Xela Arias. Ilustracións de Iván R. Limiar de Berta Dávila. En Xerais.
Nesta edición, publicada neste ano 2021, os poemas veñen acompañados de ilustracións de Iván R.  
Hai unha edición anterior, que é do ano 1996, na que a cuberta ten unha fermosa fotografía de Darío espido suxeito polas mans da nai.
 
Deliciosa obra de poesía formada por 24 poemas breves dedicados ao seu fillo Darío, na que ofrece unha visión desmitificada da maternidade pero ao mesmo tempo tenra, fonda e entrañable. Abrangue desde que o neno é feto, que mide só uns centímetros, ata que dá algúns pasos e di ma-ma-má.
 
En palabras da propia poeta: “Darío a diario non naceu coa vocación de ser o que hoxe é: un libro encadernado e público. Foi, no seu principio, a necesidade imperiosa de explicarlle ao meu fillo o manifesto íntimo e interno de intencións maternas nas que el mesmo, polo feito de existir, me obrigaba a moverme; o compendio de contradicións que a maternidade me provoca”.
 
Fálanos dunha relación co fillo non como pertenza senón como un proxecto de acompañar a un individuo na conquista da súa liberdade, preocúpase porque sexa autónomo. Acompañar e non impoñer.
A voz poética de Xela Arias está marcada pola innovación e unha intención transgresora da palabra. Cunha linguaxe clara e uns fermosos poemas, temos ante nós un libro especial que trata unha temática moi especial como é a maternidade.
 
Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario