23/3/19

Homenaxe a Xabier P. DoCampo

http://xabier-docampo.gal/documents/24.html
Con esta homenaxe queremos lembrar o escritor e amigo Xabier P. DoCampo organizando diversas actividades e exposicións bibliográficas e convidar a todo o alumnado a que leven os seus libros en préstamo para que gocen coa súa lectura.

- Un conto de tres noites, a cargo do contador de contos Caxoto.
22 de marzo, ás 10:00, Biblioteca Municipal “Manuel María” (Oleiros), para alumnado de 4º  de EP do CEIP Rabadeira.
Deixarémonos levar polo enigma que fai que unha illa xurda do medio do mar sen previo aviso. Que malos augurios pode traer? Acaso o inmenso mar non gardará alá no fondo historias e segredos que ninguén coñece?

- A nena do abrigo de astracán, a cargo da actriz e contadora de historias Soledad Felloza.
26 de marzo, ás 10:00, na Biblioteca Central Rialeda (Perillo) para alumnado de 4º de ESO do IES Neira Vilas.
Esta novela é unha viaxe a esas tardes de cine en localidades pequenas. O percorrido desas películas alongábase coas persoas que logo repetían o argumento en cada casa. A nena da obra enche os ocos do seu corazón cos mundos que imaxina máis aló da pantalla.
Paralelamente asistimos a un mundo onde hai xenreiras, prexuízos, intransixencias, traxedias e un mundo máxico que traspasa a vida cotiá das xentes que ven con asombro o milagre que acontece no corazón da carballeira de Ribadeínsua na segunda metade dos anos 40. En tempos nos que "as forzas vivas" dun pobo pequeno deciden as vidas das persoas, xorde a voz de Susana que sofre por ser orfa...  

- Cando petan na porta pola noite, a cargo do contador de contos Caxoto.
5 de abril, ás 10:15 h. e ás 11:35 h., na Biblioteca Central Rialeda (Perillo), para o alumnado de 5º de primaria do CEIP Valle Inclán.
10 de abril, ás 10:35 h., na Biblioteca Municipal Rosalía de Castro (Santa Cruz), dirixida a alumnado de 1º de ESO do IES María Casares.
12 de abril, ás 10:30 h., na Biblioteca Municipal Rosalía de Castro (Santa Cruz), dirixida a alumnado de 1º de ESO do IES Miraflores.
Xabier P. DoCampo demostrou posuír ao longo de toda a súa traxectoria unha especial habilidade para recoller a esencia da oralidade galega e trasladala á súa obra. Neste espectáculo farase un percorrido polas historias contidas nun dos seus libros máis premiados Cando petan na porta pola noite (Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil en 1995, entre outros galardóns). Nelas exploraremos a Terra Chá natal do autor, as lendas espalladas por toda a súa xeografía, as nosas tradicións...

- Contos de medo que deixan durmir, a cargo do contador de contos Caxoto.
2 de maio, ás 10:00, na Biblioteca Central Rialeda (Perillo), dirixida a alumnado de 2º de ESO do IES Neira Vilas.
A través destas historias o alumnado aprenderá unha maneira de afrontar o medo, de rirse del, a sacarlle proveito e a convertelo nunha porta cara un mundo cheo de aventuras e fantasía. Servirase da música, a imaxe e a maxia nunha sesión onde o público será unha parte máis do espectáculo.

- Cun ollo aberto e... a cargo do actor e contador de contos Ramiro Neira.
21 de maio, ás 10 h., na Biblioteca Rosalía de Castro (Santa Cruz), dirixida a alumnado de 2º de primaria do CEIP Isidro Parga Pondal.
Peza de narración oral baseada na obra Cun ollo aberto e outro sen cerrar de Xabier P. DoCampo, formada por 16 relatos breves moi influenciados pola literatura de tradición oral e os contos marabillosos, pero destacando a relación entre realidade e fantasía tan característica do autor.

No hay comentarios:

Publicar un comentario