Fermoso álbum ilustrado cun texto en letras grandes acompañadas de coloridas e magníficas ilustracións que presentan as cores ás nenas e nenos máis pequenos.
As distintas cores poden indicar diversas cousas. A tranquilidade do azul e a súa lembranza co mar. O perigo que pode significar o vermello, ao mesmo tempo que podemos pensar nas papoulas ou nunha xoaniña. A felicidade do amarelo xunto co recordo dun sol dourado cheo de millo ou de chorimas...
Pero, a nena protagonista, cando colle o branco, estráñase e pregúntalle a súa nai, por que o branco non pinta?
Segundo a editorial este libro é unha aproximación desde a literatura infantil ao branco e ao seu valor conceptual, como unha oportunidade para reflexionar sobre as preguntas da infancia.
- Mozas/os e adultas/os:
"A voz insurrecta: Mª Victoria Moreno, entre a literatura e a vida", de Montse Pena Presas
Galaxia
María Victoria Moreno é a autora á quen se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas. Naceu en Valencia de Alcántara (Cáceres) pero asumiu, falou e escribiu en galego como lingua propia, xunto cunha constante entrega nas aulas e un compromiso coa incipiente literatura infantil e xuvenil galega.
Profesora apaixonada que apostou polo galego nunha época moi difícil. Ela dirá “o meu corazón florece nas aulas”. Unha docente namorada da súa profesión, moi motivada e esperanzada en que “o mundo pode cambiarse”.
Non era unha nena lectora, pero cambia a raíz dos anos en que estuda o bacharelato, principalmente despois de ler “O principiño” de Saint-Exupery, un texto que xa lera en francés (unha lingua que dominou moi axiña) e do que comentaba que non coñecía mellor tratado de amor que o capítulo XXI dese libro no que aparece o inseparable raposo do principiño, onde nos mostra a importante compañía que dan os animais.
Escritora singular que tivo recoñecementos literarios escribindo en tres linguas: francés, castelán e galego. Xa de maior confesará que comezou a escribir xusto cando se atopou cara a cara coa vida e coa súa dureza, unha dureza que podía combater ideando outros mundos posibles.
Con esta obra coñecemos mellor a esta ilustre autora, que foi profesora, escritora, tradutora, conferenciante e impulsora de diferentes iniciativas culturais e nela preséntase o seu roteiro vital e literario, destacando a súa capacidade para adiantarse ao tempo que lle tocou vivir.
No hay comentarios:
Publicar un comentario