Desde a Biblioteca e Centro de Documentación da Muller Rosalía de Castro, para conmemorar o Día da Poesía e relacionado tamén co Día da Muller que acabamos de celebrar, queremos facer referencia a unha muller labrega e case analfabeta, que pode ser considerada como unha das primeiras “escritoras” galegas contemporáneas. Deixou escritos uns exquisitos versos que apenas se coñecen. Chamábase Nicolasa Añón Paz, naceu un 28 de febreiro de 1810 en Boel, aldea da parroquia de San Pedro de Outes, nunha acomodada familia de labregos, irmá maior do precursor do Rexurdimento Francisco Añón.
Sendo muller e labrega sabía escribir o seu nome e pouco máis, sen embargo “imaxina”, como ela mesma di, versos como quen non quere a cousa mentras debulla o millo ou coida as vacas. As súas poesías de carácter oral foron recollidas no ano 1885 nun manuscrito polo mestre Jacobo Lema Fernández de Olveira (Dumbría) onde tamén era párroco o fillo maior da poeta. Son poesías de tema relixioso, maiormente dedicadas á Virxe do Rial (venerada na freguesía de Santo Ourente de Entíns, no concello de Outes), que se plasma na totalidade das coplas en castelán e mais nun dos textos en lingua galega; o outro poema galego trata da primeira visita do rei Afonso XII a Santiago de Compostela.
Información extraída do Álbum de mulleres de www.culturagalega.org
No hay comentarios:
Publicar un comentario