1/12/17

Recomendacións en Radioleiros: 1 decembro 2017

https://youtu.be/B0lQ-X7vNf0

https://catalogo-rbgalicia.xunta.gal/cgi-bin/koha/opac-detail.pl?biblionumber=1012359- Infantil (a partir de 2 anos):

"Pan de millo" de Migallas. Ilustracións Dani Padrón. Editado por Kalandraka.
Texto de María Campos e Carlos Yus. Música de Paulo Nogueira e Carlos Yus.


As adaptacións e os arranxos están realizados por Paulo Nogueira e Magoia Bodega, músicos e educadores membros do grupo Treixadura e conta coa colaboración de diversos músicos galegos como Pancho Álvarez, César Longa, Begoña Riobó ou Segundo Grandío, entre outros. 
Seleccionado para a Bienal de Bratislava.

Premio Isaac Díaz Pardo ao mellor libro ilustrado concedido, en 2014, pola AGE.
Un divertido libro-disco ilustrado de cancións infantís. Reúne 14 cancións escritas en galego que ofrecen temas de creación propia, xunto con versións doutras tradicionais. Coa elaboración do pan de millo como fío condutor, pódense cantar e dramatizar as cancións, xogar e divertirse con ritmos diversos como a muiñeira ou pandeiradas, pero tamén con melodías de inspiración latinoamericanas. Tratan temas como a paz, a colaboración, as actividades extraescolares...

Migallas con este divertido libro-disco  anima a cantar e a bailar a toda a familia, pero é especialmente indicado para nenas e nenos a partir dos 2 anos de idade.

- Mozas-os e adultas-os:

"Berta Isla" de Javier Marías. En Alfaguara.


Unha magnífica novela que nos fala da espera e do engano. Móstranos como un acontecemento condicionará o resto da existencia dun dos protagonistas. Tamén é a historia dunha relación amorosa condenada ao silencio, á ocultación pero tamén ao amor e á lealdade.
Ten dous narradores: por un lado Berta e por outro un narrador omnisciente en terceira persoa que todo o coñece.
Os dous protagonistas principais son Tomás Nevinson e Berta Isla. Coñecéronse no instituto e Berta namorouse axiña de Tom. Nesa época el era alegre e tiña unha aparencia amistosa e diáfana. El era español por parte da nai e inglés polo pai. Totalmente bilingüe e un superdotado para as linguas, os acentos e as imitacións. Realizou o bacharelato en Españahttps://catalogo-rbgalicia.xunta.gal/cgi-bin/koha/opac-detail.pl?biblionumber=1250538 e despois marchou estudar a  Oxford. Alí, as súas destacadas dotes lingüísticas farán que algún profesor se fixe nel. Berta era madrileña, leda e parecía estar sempre contenta. Despois duns anos de noviazgo Berta e Tom casaron, pero debido ao traballo del no Foreign Office terá que pasar longas tempadas fóra da casa. Ela sempre lle pregunta que fai, a que se dedica, pero el dille que non lle pode dar explicacións e que é mellor para ela e para os fillos que saiba o menos posible, polo tanto que non pregunte. El marcha, a muller espera.
Preséntanos a espionaxe por dentro e asistimos á vida persoal e interior do espía, aos enganos, falsidades e traizóns, pero tamén ao seu desasosego, á súa angustia, a como envellece en pouco tempo por ter que facer cousas que non lle gustan.
Segundo avanza o libro leremos versos de T. S. Eliot, textos de Shakespeare, mencionará algunha obra de Balzac e Dickens e lembrarémonos de Penélope da Odisea. Aparecen algúns personaxes que xa coñecemos da súa novela Tu rostro mañana como o profesor Wheeler ou o maquiavélico Bertram Tupra, pero tamén nos remite ao seu libro Los enamoramientos para falarnos do desaparecido ou do morto que aparece.
Asistimos a como era a sociedade durante os últimos anos do franquismo, á Guerra Fría, ao conflito de Irlanda do Norte e incluso á Guerra das Malvinas.
Unha inquietante e espléndida obra, escrita coa mestría literaria do excelente escritor Javier Marías.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario