24/2/17

"O sabor das Letras": expo bibliográfica en Santa Cruz

Queremos conmemorar o Día de Rosalía cunha exposición que denominamos “O sabor das Letras”, a partir da lembranza  do poema “Miña casiña, meu lar” de Follas novas e doutros poemas nos que Rosalía fala da comida dos pobres, mulleres pobres que contan capítulos da súa épica diaria: a de sobrevivir.

Miña casiña, meu lar,
cantas onciñas
de ouro me vals.
Vin de Santiago a Padrón
cun chover que era arroiar,
descalciña de pé e perna,
sin comer nin almorzar...

Esta muller que vén de Santiago a Padrón e chega á casa mollada e esfameada, a pesar de que carece de todo e de que os seus avaros veciños lle negan o que lles sobra, consegue o milagre da supervivencia: facer un humilde caldo de gloria e un bolo do pote. No seu triunfo sobre a desventura e a pobreza, ao pé da quentura da lareira no seu fogar, está tamén a lección de como con case nada o ser humano é quen de sobrevivir e ademais ser feliz.

Nunha das paredes da sala de contacontos temos unha pequena exposición con cubertas de libros de Rosalía, poemas nos que fala sobre comidas, parras e pobreza, asi como as fotos destas comidas.
Durante todo o Día de Rosalía os usuarios e usuarias que leven materiais en préstamo na Biblioteca de Santa Cruz recibirán o agasallo dun libro en galego, porque tamén esta Biblioteca e Centro de Documentación da Muller “Rosalía de Castro” está un “pouco” de celebración…

No hay comentarios:

Publicar un comentario