14/3/23

Kenzaburō Ōe: a conciencia crítica do Xapón, 1935-2023

Kenzaburō Ōe: a conciencia crítica do Xapón, 1935-2023

Kenzaburō Ōe, naceu en 1935 nunha pequena aldea da illa de Shikoku. Finou o pasado 3 de marzo. Marcado por dous acontecementos, a Segunda Guerra Mundial e o nacemento do seu fillo, a súa obra divídese naqueles libros que cuestionan os mitos nacionais, reflectindo a historia de Xapón e o choque da súa sociedade tradicional fronte á modernidade, e naquelas outras centradas na súa vida familiar, a convivencia co seu fillo e a creación literaria. A obra literaria de Kenzaburō Ōe centrouse na vontade de transmitir as transformacións da sociedade moderna. Foi recoñecido pola súa firme postura antibelicista que o levou a defender a paz e a manifestarse contra a guerra nuclear. Pertenceu a aquela xeración na que a Segunda Guerra Mundial deixou unha profunda fenda e á vez que a esperanza dun mundo mellor. A chegada do seu fillo Hilari en 1963 foi a segunda ferida da súa vida. A súa doenza víuse reflectida na súa literatura en títulos como "Una cuestión personal" ou "Dinos cómo sobrevivir a nuestra locura".
 
Ōe estudou literatura francesa na Universidade de Tokio, unha formación que marcou a súa literatura xa que sempre se considerou moi influido pola narrativa gala, especialmente por Sartre.
En 1958, gañou o premio Akutagawa para xoves autores con "La presa", sobre un piloto afroestadounidense cativo nunha comunidade rural xaponesa durante a Segunda Guerra Mundial, e nese mesmo ano, publicou a súa primeira gran novela, "Arrancad las semillas, fusilad a los niños", fábula social sobre a infancia dun correccional en Xapón durante a guerra.
 
A súa consagración chegaría en 1994 cando obtivo o Nobel de Literatura. Ata os seus últimos anos continuou sendo un gran loitador pola paz como o foi durante toda a súa vida.
 
O seu libro "La bella Annabel Lee" (dispoñible tamén en eBiblio) foi unha suxestión nas Recomendacións en Radioleiros. Podes visitar a expo bibliográfica adicada a Kenzaburō Ōe no vestíbulo da Bibliteca Central Rialeda (Perillo).

No hay comentarios:

Publicar un comentario