Mostrando entradas con la etiqueta Día das Bibliotecas. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Día das Bibliotecas. Mostrar todas las entradas

27/10/25

Día das Bibliotecas 2025 en Bibloleiros

Día das Bibliotecas 2025 en Bibloleiros
Desde 1997, cada 24 de outubro, se celebra o Día das Bibliotecas, en lembranza da destrución da Biblioteca de Sarajevo, incendiada en 1992 durante o conflito balcánico. A partir de 2019, o Ministerio de Cultura incorporou o lema “Aptas para todos os públicos”.
O lema deste ano, "Contra a desinformación: bibliotecas", pretende destacar o papel fundamental que desempeñan as bibliotecas de calquera tipo (municipais, escolares, universitarias, etc) na loita contra a desinformación.
As bibliotecas combaten a desinformación non só a través dos seus recursos (coleccións bibliográficas e prensa, bases de datos) se non tamén a través dun uso axeitado das tecnoloxías da información. Sobre todo, as bibliotecas son un dique de contención contra a desinformación grazas ao seu persoal bibliotecario, que traballa como mediador do coñecemento, guiando ás-aos usuarias-os na busca de información en fontes fiables e contrastadas.

As-os profesionais da información levan desenvolvendo desde hai tempo labores de infomediación, intervención que é agora máis necesaria que nunca. As bibliotecas como servizos e axentes da comunidade, debemos constituír un elemento facilitador neste proceso: reubicando e redefinindo as novas alfabetizacións mediáticas, fomentando o pensamento crítico e convertíndonos nun elemento clave no noso papel de defensa da sociedade no que respecta ao debate das posverdades e trolas, que comeza a estar na axenda política de organismos e gobernos. A viralidade e inmediatez coa que a información circula polas redes, forza a comportamentos rápidos no seu consumo e difusión. Moitas-os internautas non van máis aló do resume da noticia en redes, sen verificar o contido xeral da noticia que moitas veces ten pouco que ver co seu rechamante titular.

Á programación habitual das Bibliotecas Municipais de Oleiros (Tertulias literarias, Hora do conto, Exposicións bibliográficas, etc) queremos xuntar para este día a proposta de Lecturas Sorpresa: este ano escollemos a ficción literaria como canle axeitada para comprendermos realidades, conflitos e desencontros, históricos ou contemporáneos. Suxerimos citas a cegas con novelas que nos presentan dúbidas, debates e cuestións candentes, intoxicadas, moitas veces, con posverdades, noticias falsas, trolas e desinformación. Novelas cun aquel especial, escollidas para ti. Como ben dixo Amos Oz, "se les unha novela, consegues unha entrada aos pasadizos máis secretos doutro país e doutro pobo. A lectura dunha novela é un convite a visitar as casas doutras persoas e a coñecer as súas estancias máis íntimas". Podes participar nesta actividade na Biblioteca Central Rialeda (Perillo).
Feliz Día das Bibliotecas 2025!!!

24/10/24

Día das Bibliotecas (24 de outubro): celebrámolo con Ledicia Costas

Día das Bibliotecas (24 de outubro): celebrámolo con Ledicia CostasDía das Bibliotecas (24 de outubro): celebrámolo con Ledicia CostasNa Biblioteca Central Rialeda (Perillo) teremos este xoves 24 de outubro, Día das Bibliotecas, ás 18:30, unha actividade especial de dinamización á lectura coa escritora Ledicia Costas, na que narrará “Sete dentes de león” e “Barbabuela”, dirixida a crianzas maiores de 5 anos (o aforo está completo).
Ledicia Costas recibiu o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil en 2015 pola súa obra “Escarlatina, a cociñeira defunta”, libro que tamén conseguiu o Premio Merlín de Literatura Infantil e o  Premio Xosé Neira Vilas da Asociación Galega de Editores e gañou en tres ocasións o Premio Lazarillo por “A lebre mecánica”, “A balada dos unicornios” e “Jules Verne e a vida secreta das Mulleres Planta”, Premio Merlín por “O neno de lume”, Premio Fervenzas Literarias por “A señorita Bubble”, Premio Antón Losada Diéguez de Creación Literaria por “Un animal chamado néboa”. Tamén lle outorgaron o Premio da Cultura Galega das Letras e a Medalla Castelao.
Obras de Ledicia Costas en Bibloleiros que podes levar en préstamo (consulta dispoñibilidade)
Na plataforma de libros electrónicos GaliciaLe e en eBiblio

23/10/24

Conmemoración do Día das Bibliotecas 2024 en Bibloleiros

Conmemoración do Día das Bibliotecas 2024 en Bibloleiros
O lema deste ano seleccionado polo Ministerio de Cultura para conmemorar o Día das Bibliotecas é "Por un futuro sostible". Pretende destacar o papel fundamental que desempeñan todas as tipoloxías de bibliotecas na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable da Axenda 2030. “A través das súas coleccións, servizos e actividades con usuarios, as bibliotecas contribúen a construír unha sociedade cada vez mellor informada, máis igualitaria, solidaria e xusta, plenamente consciente da necesidade de levar un modo de vida sostible como compromiso coas xeracións futuras”.
Lecturas sorpresa, contacontos, fábulas, obradoiros de divulgación científica, clubs de lectura para mozos/as e adultos/as, exposicións e mostras bibliográficas e outras actividades (encrucillados, realización de marcapáxinas, debuxos para colorear, etc.) realizaranse nas Bibliotecas Municipais de Oleiros desde o 21 ata o 31 de outubro para conmemorar o Día das Bibliotecas.


24 de outubro: Actividade especial de dinamización á lectura coa escritora Ledicia Costas, na que narrará “Sete dentes de león” e “Barbabuela”, dirixida a crianzas maiores de 5 anos.
Ledicia Costas recibiu o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil en 2015 pola súa obra “Escarlatina, a cociñeira defunta”, libro que tamén conseguiu o Premio Merlín de Literatura Infantil e o  Premio Xosé Neira Vilas da Asociación Galega de Editores  e gañou en tres ocasións o Premio Lazarillo por “A lebre mecánica”, “A balada dos unicornios”“Jules Verne e a vida secreta das Mulleres Planta”, Premio Merlín por “O neno de lume”, Premio Fervenzas Literarias por “A señorita Bubble”, Premio Antón Losada Diéguez de Creación Literaria por “Un animal chamado néboa”, tamén lle outorgaron o Premio da Cultura Galega das Letras e a Medalla Castelao.

O propio día 24 de outubro pédimoslle ás-aos nosas-os usuarias-os a súa participación nas Lecturas Sorpresa: seleccionamos novelas e álbumes ilustrados que teñen relación con algún dos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable da Axenda 2030 da ONU. As persoas que leven os libros en préstamo non saberán de cal se trata. Iso si, daremos algunha pista, como é a denominación do ODS que leva aparellado. 

23 de outubro: Club de lectura para moz@s e adult@s, grupo B, denominado Tertulias Literarias, no que se comentará a obra “No te veré morir” de Antonio Muñoz Molina.
30 de outubro: Club de lectura para moz@s e adult@s, grupo A, no que se comentará a obra “Desgracia” de J. M. Coetzee.

23 de outubro: Obradoiro de divulgación científica con Heroes para a Ciencia, para nenas e nenos maiores de 6 anos.
A Biblioteca Recicla, selección de libros infantís tanto de contidos como de ficción; desde a biblioteca, téntase plantar esa semente xa desde a infancia para construír unha sociedade cada vez máis concienciada co coidado do noso planeta.
22 de outubro, ás 17:30 h: Club de lectura para moz@s e adult@s do grupo A, no que se comentará a obra “Todo cuanto amé” de Siri Hustvedt.
22 de outubro, ás 11 h: Club de lectura para moz@s e adult@s do grupo C, no que se comentará a obra “La nieta del señor Linh” de Philippe Claudel.
29 de outubro: Club de lectura para moz@s e adult@s do grupo B, no que se comentará a obra “Canciones de amor a quemarropa” de Nicolás Butler.

25 de outubro: Contacontos titulado “Ollo, piollo” coa actriz Chus Álvarez, para nenas e nenos de 2 a 4 anos.
Exposición bibliográfica: "A Arte de Ler: Libros que honran Bibliotecas", a exposición formada por títulos que tratan sobre bibliotecas e libros, busca celebrar a conexión entre os libros e as bibliotecas, inspirando aos usuarios a explorar estas obras e a reflexionar sobre o papel que as bibliotecas desempeñan nas súas propias vidas.
Debuxos e marcapáxinas para colorear.
21 de outubro: Club de lectura para moz@s e adult@s do grupo A, no que se comentará a obra “El extranjero” de Albert Camus.
28 de outubro: Club de lectura para moz@s e adult@s do grupo B, no que se comentará a obra “El coronel no tiene quien le escriba” de Gabriel García Márquez.

24 de outubro: Contacontos titulado “Pipo, o paxaro que non sabía voar” coa compañía Trémola Teatro, para nenas e nenos de 2 a 4 anos.
Mostra bibliográfica relacionada cos libros, bibliotecas, librerías, así como  exemplares co tema deste ano “Por un futuro sostible” que pretende resaltar o papel que desenvolven todas as tipoloxías de bibliotecas.
Actividades para nenos, con pasatempos dispoñibles coa temática vinculada co Día das Bibliotecas,  elaboración de marcapáxinas para colorear, debuxos para recortar... Decoración da biblioteca con motivos relacionados coa lectura, para que os nenos e nenas a vinculen cunha actividade lúdica.

22 de outubro: Contacontos titulado “Fábulas no berce” coa contadora Charo Pita, para nenas e nenos de 2 a 4 anos.
Mostra bibliográfica, para todas as idades, na que atopar libros que amosan a beleza e o sufrimento do Planeta e a importancia do coidado do medio ambiente.
Marcapáxinas conmemorativos do Día das Bibliotecas para colorear, do 21 ao 25 de outubro.
24 de outubro: Club de lectura para moz@s e adult@s, no que se comentará a obra “Historia de los vertebrados” de Mar García Puig.

21 de outubro: Contacontos titulado “Cambio e conto” coa actriz Raquel Queizás, para nenas e nenos de 2 a 4 anos.
Exposición bibliográfica de libros onde figuran bibliotecas. Debuxos e para agasallar a nenas e nenos.

Exposición bibliográfica de libros infantís onde figuran bibliotecas, titulada “Contando bibliotecas”.
Debuxos e marcapáxinas para agasallar a nenas e nenos.
Todas as actividades pretenden conseguir os obxectivos de fomentar a lectura, difundir a existencia dun servizo público de proximidade á cidadanía que contribúe de xeito eficaz a promover a lectura e a facilitar o acceso á cultura, á información e ao coñecemento a todas as persoas e en condición de igualdade.  
Poderán consultalas na páxina web do Concello de Oleiros (na sección de bibliotecas) e tamén no blog de Bibloleiros.
Feliz Día das Bibliotecas!

21/10/23

Conmemoración do Día das Bibliotecas nas Bibliotecas Públicas Municipais de Oleiros

O lema do Ministerio de Cultura y Deporte deste ano para a celebración do Día das Bibliotecas é "Tecendo comunidades".
Sumámonos a esta cita porque imaxinamos as bibliotecas como teares onde se establecen relacións, se incrementan os coñecementos... 

"Tecendo comunidades" salienta a importante función social das bibliotecas xa que contribúen a dar forma á nosa comprensión colectiva, facilitan o intercambio de ideas diferentes e proporcionan un espazo seguro para o medre persoal e colectivo. Cada visita, cada lectura, cada conversa, aporta o seu fío único a este tecido comunitario. A través destes intercambios e conexións, as nosas diferencias e similitudes únense, amosando a diversidade e a riqueza dos nosos contornos.

Nas Bibliotecas Públicas Municipais de Oleiros, desde o día 23 ao 27 de outubro, co obxectivo de festexar esta conmemoración realizaremos diversas actividades.

Teatro "As Torres". Santa Cruz.

Recital de poesía e música a cargo da escritora Yolanda Castaño, Premio Nacional de Poesía pola súa obra "Materia", acompañada do músico e compositor Isaac Garabatos.
Xoves, 26 de outubro, ás 19 h.
A voz de Yolanda Castaño únese ás composicións musicais de Isaac Garabatos, en diálogo constante entre música e poesía, nun espectáculo de gran calidade artística e cargado de emocións.
Invítase ás persoas que desexen asistir, ata completar o aforo, para que gocen coa poesía e coa música.

Biblioteca Central Rialeda. Perillo.

Tecendo comunidades
Mostra bibliográfica composta por obras que presentan historias de xentes que atan lazos, establecen
unións, conforman ligazóns, crean comunidades e lugares referenciais onde estenden o tecido da vida. As bibliotecas queremos ser abrigo para as persoas que a elas se acheguen na procura dun cobertor de palabras, trama e urdido de verbas que ao entrenzárense compoñen textos que son a alma, a fantasía e a ligadura dos libros. Suxestións que procuran o gozo da nosa fabulosa sociedade de lectoras e lectores.

Contos, Cubismo e artistas do Vangardismo!
Obradoiro a cargo do colectivo Mirlotil, o 26 de outubro, ás 17:30 h., dirixido a nenas e nenos a partir de 6 anos. Poderán realizar creacións propias con técnicas como o debuxo sobre acetato, collage ou pintura e gozarán a través dos libros de obras de artistas como Picasso, Laxeiro, Seoane ou Maside.

Biblioteca Pública Municipal "Rosalía de Castro". Santa Cruz.

Protagonista a biblioteca
Selección de libros, para nenos e adultos, que teñen como protagonista ás bibliotecas e aos bibliotecarios: La biblioteca de los muertos, Colección Harry Potter,  La bibliotecaria de Basora, El libro de las horas, etc  
Marcapáxinas para colorear conmemorativos do Día das Bibliotecas.

Contacontos "Riciños de ouro", por Trinke Trinke Teatro
O 25 de outubro, ás 18:30 h, contacontos "Riciños de ouro" para crianzas de 2 a 4 anos.

Biblioteca Pública Municipal "Mª José Trincado". Mera.

Tecendo comunidades
Expoñeranse libros, para todas as idades, que falen ou teñan como escenario as bibliotecas e os libros.

Biblioteca Pública Municipal "Manuel María". Oleiros.

Ai, que medo!
Mostra bibliográfica  para o público infantil e xuvenil "Ai, que medo!" con contos de cabazas, casas
enmeigadas, estrañas visitas, vampiras, minimortos, cociñeiras defuntas, zombis, monstros  e pantasmas.

Tecendo comunidades
Mostra bibliográfica, para a mocidade e persoas adultas, composta por libros de autores e autoras locais ou que teñen unha especial relación con Oleiros.

Contacontos "Leo e as cores", por Trémola Teatro
O 24 de outubro, ás 18:30 h, contacontos titulado "Leo e as cores" para crianzas de 2 a 4 anos.

Marcapáxinas para colorear
Para o público infantil repartiremos marcapáxinas para colorear conmemorativos do Día da Biblioteca.

Biblioteca Pública Municipal "Mª José Ruso". Dorneda.

Mirar un libro
Selección de libros singulares que destacan pola súa encadernación, deseño e ilustracións. Libros para mirar, sentir e ler.

Pasatempos A voltas coa biblioteca
As nenas e nenos poderán realizar diversos xogos e pasatempos relacionados co mundo da biblioteca.

Contacontos "O conto de sempre contado ao revés", por Fran Amil
O 23 de outubro, ás 18:30 h, contacontos "O conto de sempre contado ao revés" para crianzas de 2 a 4 anos.

Biblioteca Pública Municipal "Ánxel Fole". Nós.

Contando bibliotecas
Mostra bibliográfica con obras literarias que falan de bibliotecas ou de bibliotecarios/as para público infantil.

Marcapáxinas para colorear
Para o público infantil repartiremos marcapáxinas para colorear conmemorativos do Día da Biblioteca.

Contacontos "Ollo, piollo", por Chus Álvarez
O 27 de outubro, ás 18:30 h, contacontos "Ollo, piollo" para crianzas de 2 a 4 anos.

Biblioteca Pública Municipal "Xograr Mendiño". Lorbé.

Libros dentro de libros
Mostra bibliográfica, para todos os públicos, coa temática das bibliotecas, librerías e libros.

Sobre sorpresa
Sobre sorpresa para nenas e nenos que incluirán: unha lectura infantil e un marcapáxinas para colorear.



24/10/22

Conmemoración do Día das Bibliotecas (24 de outubro) en Bibloleiros

Desde o ano 1997, cada 24 de outubro, celébrase o Día das Bibliotecas, en lembranza da destrución da Biblioteca de Sarajevo, incendiada en 1992 durante o conflito balcánico. Unha efeméride que busca resaltar a súa importancia para a historia como resgardo da cultura e dos seus escritos, e como un instrumento de mellora da formación e a convivencia humana.
Este ano céntrase en destacar o papel das bibliotecas como espazos libres e abertos que se preocupan por atender as necesidades dos seus usuarios/as.
Nas Bibliotecas Públicas Municipais de Oleiros, co obxectivo de festexar esta conmemoración, do 21 ao 28 de outubro realizaremos diversas actividades relacionadas coas bibliotecas.
- Biblioteca Central Rialeda. Perillo
Pílulas para sandar diversos tipos de doenzas
Ofrecemos unha escolla de novelas que poden curar oito tipos de doenzas. "Prescribimos” tres novelas por padecemento. As nosas presentacións, rústica, cartoné e dixital, producen idénticos beneficios. Iso si, poden darse adiccións, que nos casos máis graves cursan con insomnio. Temos a nosa botica lista con Relatox forte para o mal de amores, Novelina para a mitomanía, Contofol para a astenia outoniza, Letera para o trastorno carencial, Palabratal para o repouso obrigado, etc.
Biblio-novidades para todas as idades
Boletín de novidades con suxestións de libros para todas as idades. Presentamos unha selección de títulos de obras literarias, coñecementos e banda deseñada, para divertir e emocionar, reflexionar e aprender. Animamos a todas as persoas a que visiten a biblioteca, utilicen o servizo de préstamo e gocen coa lectura.
Contacontos Rato Canguro, a cargo de Trinke Trinke Teatro
O 27 de outubro, ás 18:30 h, contacontos Rato Canguro, a cargo de Trinke Trinke Teatro, para nenas e nenos a partir de 6 anos.
- Biblioteca Pública Municipal Rosalía de Castro. Santa Cruz
Bibliotecas, sustentos de palabras
Exposición de libros escritos por autores/as que foron bibliotecarios/as. Escritores e escritoras que compaxinaron,polo menos nalgún momento da súa vida, a escritura co seu traballo nunha biblioteca.
Persoeiros como Borges, Lewis Carrol, Goethe, os irmáns Grimm, Rubén Darío, Marcel Proust, Stephen King, María Moliner, León Felipe, Vargas Llosa ou Gloria Fuertes, forman parte dese elenco que consideraban o seu traballo coma un paraíso. Porque, que mellor profesión para un autor ou autora que unha que lle permita pasarse o día entre libros, aínda que non sexan os seus? Imaxina entrar nunha biblioteca e que te atende o mesmísimo Stephen King!! En 1969 iso era posible.
Contos na lareira, a cargo de Iván Davila
O 26 de outubro, ás 18:30 h, contacontos titulado Contos na lareira, a cargo de Iván Davila, para nenas e nenos a partir de 6 anos.
- Biblioteca Pública Municipal Mª José Trincado. Mera
O mellor acubillo, a biblioteca

Mostra bibliográfica con libros de ficción para adultos/as con temáticas referentes a bibliotecas ou ambientadas nelas.
Contacontos Fíos de contos, a cargo de O Maquinista
O 21 de outubro, ás 18:30 h, contacontos titulado Fíos de contos, a cargo de O Maquinista, para nenas e nenos de 2 a 5 anos.
Exposición Fíos de contos
Exposición de contos que xiran en torno á imaxinación e á fantasía relacionados co contacontos.
- Biblioteca Pública Municipal Manuel María. Oleiros.
Mostra bibliográfica Biblio-cóidate 
A  mostra bibliográfica Biblio-cóidate, con libros de literatura para todas as idades, pretende  facilitar  o acceso a unha lectura que acompaña, que entretén e enriquece. Que nos fai a vida máis agradable.
Contacontos Princesos e principetas, a cargo de Raquel Galavís
O 25 de outubro, ás 18:30 h, contacontos titulado Princesos e principetas, a cargo de Raquel Galavís, para nenas e nenos de 2 a 5 anos.
Marcapáxinas para colorear
Para o público infantil repartiremos marcapáxinas para colorear conmemorativos do Día da Biblioteca.
- Biblioteca Pública Municipal Mª José Ruso. Dorneda
Biblioterapia: lecturas para coidar a mente e o corazón
Mostra bibliográfica de literatura infantil e xuvenil con libros que divirten e axudan a coidar a mente e o corazón.
Pasatempos
As nenas e nenos poderán realizar diversos pasatempos relacionados co mundo da biblioteca.
Contacontos Os ratiños da caixa, a cargo de Trinke Trinke Teatro
O 24 de outubro, ás 18:30 h, contacontos Os ratiños da caixa, a cargo de Trinke Trinke Teatro, para nenas e nenos de 2 a 5 anos.
LibrosLibres
Liberación de libros procedentes de doazóns, de agasallo para os visitantes da biblioteca. Estarán colocados no vestíbulo da biblioteca e cada persoa poderá levar o que queira. Son libros usados pero todos en bo estado.
- Biblioteca Pública Municipal Ánxel Fole. Nós
Bibliomostra
Mostra bibliográfica de literatura infantil con obras que falan de bibliotecas ou de bibliotecarios/as.
Marcapáxinas para colorear
Para o público infantil repartiremos marcapáxinas para colorear conmemorativos do Día da Biblioteca.
Encrucillado
As nenas e nenos poderán realizar un encrucillado relacionado co mundo da biblioteca.
Contando números, cantando cores, a cargo de Pablo Díaz
O 28 de outubro, ás 18:30 h, contacontos e mini-concerto titulado Contando números, cantando cores, a cargo de Pablo Díaz, para nenas e nenos de 2 a 5 anos.
- Biblioteca Pública Municipal Xograr Mendiño. Lorbé
Obradoiro de decoración de marcapáxinas
Actividade dirixida ao público infantil que consiste na decoración de diferentes marcapáxinas conmemorativos do Día das Bibliotecas.
As bibliotecas como protagonistas
Mostra bibliográfica na que se expoñerán libros de adult@s e infantís nos que as biblitoecas sexan as protagonistas.
Contacontos A memoria das estrelas, a cargo de Raquel Galavís
O 27 de outubro, ás 18:30 h, contacontos titulado A memoria das estrelas, a cargo de Raquel Galavís, para nenas e nenos de 2 a 5 anos.

27/10/21

Eis o vídeo “Descubrindo cousas alén das Torres” na Biblioteca Rosalía de Castro (Santa Cruz)

Aproveitando o lema deste ano para conmemorar o Día das Bibliotecas, “Ler, aprender, descubrir”, na Biblioteca Municipal Rosalía de Castro (Santa Cruz) durante as tres últimas semanas de outubro estamos realizando a actividade “Descubrindo cousas alén das Torres” para poñer en alza estes valores: abriremos as portas e as fiestras das Torres para que sexa a biblioteca a que vaia ata as usuarias e usuarios que queiran participar. 

Eis o vídeo coas gravacións realizadas no exterior da biblioteca nas que participaron algunhas-algúns das-dos usuarias-os que devolveron  libros entre o 11 e o 20 de outubro. Contáronnos o que descubriron coas lecturas feitas nas súas casas. Podes ver na biblioteca a expo cos libros que leron as persoas que participaron nas gravacións.

24/10/21

“Biblioteca feita novela” para o Día das Bibliotecas (24 de outubro) en Rialeda (Perillo)

De bibliotecas privadas de escritoras-es, de bibliotecas de exemplares que nunca foron editados, de bibliotecas clandestinas, de enigmáticas bibliotecas familiares, de caóticas bibliotecas que esconden certa orde, de raíñas que buscan a lectura nun humilde bibliobús, de anónimas bibliotecarias que convidan a probar as boas lecturas, de bibliotecas fantásticas, entre outras moitas, van estas obras que presentamos en "Biblioteca feita novela"

Unha expo de libros para que celebres connosco o 24 de outubro, adicado a estes marabillosos lugares poboados de libros e historias e ás xentes que traballan nelas. 

As bibliotecas son lugares cun magnetismo especial que sendo sempre continente brincan de cando en vez ás páxinas dos libros para seren historias que atrapan a nosa atención e minguan o noso sono. 

Agardamos que esta escolma sexa do teu agrado e convidámoste a perderte entre os corredores da Biblioteca Central Rialeda (Perillo) e sentir o borboriñar das voces agochadas entre cuberta e contracuberta.

21/10/21

“As bibliotecas nos libros” para o Día das Bibliotecas (24 de outubro) na Biblioteca Ánxel Fole (Nós)

O 24 de outubro para celebrar o Día das Bibliotecas, na Biblioteca Municipal Ánxel Fole (Nós) contaremos cunha exposición de libros para usuarias-os de todas as idades coa temática das bibliotecas titulada "As bibliotecas nos libros"

Agasallaremos ás-aos máis pequenas-os con marcapáxinas para colorear e teremos pasatempos para que as-os cativas pasen uns intres divertidos.

20/10/21

“Cita a cegas cun libro” para o Día das Bibliotecas (24 de outubro) na Biblioteca Mª José Ruso (Dorneda) e na Biblioteca Mª José Trincado (Mera)

Para conmemorar o Día das Bibliotecas, a Biblioteca Municipal Mª José Ruso (Dorneda) e a Biblioteca Municipal Mª José Trincado (Mera) convídante a unha "Cita a cegas cun libro": libros sorpresa e unhas poucas pistas para poder facer a escolla. 

Presentaremos unha escolma de títulos en forma de paquetes postais con só unhas pistas sobre o seu contido para que as-os lectoras-es podan facer a súa selección. Os libros teñen que ser prestados no seu envoltorio para manter a curiosidade ata o final. Serán obras para todos os públicos: fondo infantil, xuvenil e de adultas-os. 

Déixate levar pola curiosidade, fai a túa escolla e sorpréndete!

“Lecturas de ida e volta” para o Día das Bibliotecas (24 de outubro) na Biblioteca Manuel María (Oleiros)

Do 18 ao 29 de outubro, a biblioteca repartirá ás-aos cativas-os marcapáxinas conmemorativos do Día das Bibliotecas para que os pinten e decoren nas súas casas. Levarán o lema deste ano “Bibliotecas: ler, aprender, descubrir”. 

Exposición bibliográfica “Lecturas de ida e volta” : aos libros desta expo non lles gusta estar quedos. Viaxan polo mundo en busca de lectoras-es inquedas-os de todas as idades. Nesta ocasión visitarán a Biblioteca Municipal Manuel María (Oleiros) e botarán aquí unha tempada, non sabemos canto tempo, o que eles queiran. O que si sabemos é que chegan o  21 de outubro. Que nervios!


19/10/21

“Descubrindo cousas alén das Torres” para o Día das Bibliotecas (24 de outubro) na Biblioteca Rosalía de Castro (Santa Cruz)

Aproveitando o lema deste ano para conmemorar o Día das Bibliotecas, “Ler, aprender, descubrir”, na Biblioteca Municipal Rosalía de Castro (Santa Cruz) durante as tres últimas semanas de outubro realizaremos a actividade “Descubrindo cousas alén das Torres” para poñer en alza estes valores: abriremos as portas e as fiestras das Torres para que sexa a biblioteca a que vaia ata as usuarias e usuarios que queiran participar. 

Realizaremos videos no exterior da biblioteca nos que as-os usuarias-os que devolvan libros entre o 11 e o 20 de outubro contarán o que descubriron coas lecturas feitas nas súas casas. Posteriormente, as gravacións viaxarán, ata o blog das bibliotecas de Oleiros para espallarse por todos os fogares.
Despois, montaremos unha expo con eses libros nos que se pegarán uns carteliños coas palabras da persoa que participou na gravación.

"Sobres sorpresa" para o Día das Bibliotecas (24 de outubro) na Biblioteca Xograr Mendiño (Lorbé)

O 24 de outubro celebramos o Día das Bibliotecas e na Biblioteca Municipal Xograr Mendiño (Lorbé) teremos unha exposición bibliográfica con temática de bibliotecas e libros cun mural que recollerá o lema “Bibliotecas: ler, aprender, descubrir”

Entregarémoslles “Sobres sorpresa” ás nenas e nenos cun libro sorpresa, un marcapáxinas para colorear e unha tarxeta para que poñan a súa opinión ou fagan un debuxo sobre o libro, que despois expoñeremos na biblioteca.