Sumámonos a esta cita porque imaxinamos as bibliotecas como teares onde se establecen relacións, se incrementan os coñecementos...
"Tecendo comunidades" salienta a importante función social das bibliotecas xa que contribúen a dar forma á nosa comprensión colectiva, facilitan o intercambio de ideas diferentes e proporcionan un espazo seguro para o medre persoal e colectivo. Cada visita, cada lectura, cada conversa, aporta o seu fío único a este tecido comunitario. A través destes intercambios e conexións, as nosas diferencias e similitudes únense, amosando a diversidade e a riqueza dos nosos contornos.
Nas Bibliotecas Públicas Municipais de Oleiros, desde o día 23 ao 27 de outubro, co obxectivo de festexar esta conmemoración realizaremos diversas actividades.
Teatro "As Torres". Santa Cruz.
Recital de poesía e música a cargo da escritora Yolanda Castaño, Premio Nacional de Poesía pola súa obra "Materia", acompañada do músico e compositor Isaac Garabatos.
Xoves, 26 de outubro, ás 19 h.
A voz de Yolanda Castaño únese ás composicións musicais de Isaac Garabatos, en diálogo constante entre música e poesía, nun espectáculo de gran calidade artística e cargado de emocións.
Invítase ás persoas que desexen asistir, ata completar o aforo, para que gocen coa poesía e coa música.
Biblioteca Central Rialeda. Perillo.
Tecendo comunidades
Mostra bibliográfica composta por obras que presentan historias de xentes que atan lazos, establecen
unións, conforman ligazóns, crean comunidades e lugares referenciais onde estenden o tecido da vida. As bibliotecas queremos ser abrigo para as persoas que a elas se acheguen na procura dun cobertor de palabras, trama e urdido de verbas que ao entrenzárense compoñen textos que son a alma, a fantasía e a ligadura dos libros. Suxestións que procuran o gozo da nosa fabulosa sociedade de lectoras e lectores.
Contos, Cubismo e artistas do Vangardismo!
Obradoiro a cargo do colectivo Mirlotil, o 26 de outubro, ás 17:30 h., dirixido a nenas e nenos a partir de 6 anos. Poderán realizar creacións propias con técnicas como o debuxo sobre acetato, collage ou pintura e gozarán a través dos libros de obras de artistas como Picasso, Laxeiro, Seoane ou Maside.
Biblioteca Pública Municipal "Rosalía de Castro". Santa Cruz.
Protagonista a biblioteca
Selección de libros, para nenos e adultos, que teñen como protagonista ás bibliotecas e aos bibliotecarios: La biblioteca de los muertos, Colección Harry Potter, La bibliotecaria de Basora, El libro de las horas, etc
Marcapáxinas para colorear conmemorativos do Día das Bibliotecas.
Contacontos "Riciños de ouro", por Trinke Trinke Teatro
O 25 de outubro, ás 18:30 h, contacontos "Riciños de ouro" para crianzas de 2 a 4 anos.
Biblioteca Pública Municipal "Mª José Trincado". Mera.
Tecendo comunidades
Expoñeranse libros, para todas as idades, que falen ou teñan como escenario as bibliotecas e os libros.
Biblioteca Pública Municipal "Manuel María". Oleiros.
Ai, que medo!
Mostra bibliográfica para o público infantil e xuvenil "Ai, que medo!" con contos de cabazas, casas
enmeigadas, estrañas visitas, vampiras, minimortos, cociñeiras defuntas, zombis, monstros e pantasmas.
Tecendo comunidades
Mostra bibliográfica, para a mocidade e persoas adultas, composta por libros de autores e autoras locais ou que teñen unha especial relación con Oleiros.
Contacontos "Leo e as cores", por Trémola Teatro
O 24 de outubro, ás 18:30 h, contacontos titulado "Leo e as cores" para crianzas de 2 a 4 anos.
Marcapáxinas para colorear
Para o público infantil repartiremos marcapáxinas para colorear conmemorativos do Día da Biblioteca.
Biblioteca Pública Municipal "Mª José Ruso". Dorneda.
Mirar un libro
Selección de libros singulares que destacan pola súa encadernación, deseño e ilustracións. Libros para mirar, sentir e ler.
Pasatempos A voltas coa biblioteca
As nenas e nenos poderán realizar diversos xogos e pasatempos relacionados co mundo da biblioteca.
Contacontos "O conto de sempre contado ao revés", por Fran Amil
O 23 de outubro, ás 18:30 h, contacontos "O conto de sempre contado ao revés" para crianzas de 2 a 4 anos.
Biblioteca Pública Municipal "Ánxel Fole". Nós.
Contando bibliotecas
Mostra bibliográfica con obras literarias que falan de bibliotecas ou de bibliotecarios/as para público infantil.
Marcapáxinas para colorear
Para o público infantil repartiremos marcapáxinas para colorear conmemorativos do Día da Biblioteca.
Contacontos "Ollo, piollo", por Chus Álvarez
O 27 de outubro, ás 18:30 h, contacontos "Ollo, piollo" para crianzas de 2 a 4 anos.
Biblioteca Pública Municipal "Xograr Mendiño". Lorbé.
Libros dentro de libros
Mostra bibliográfica, para todos os públicos, coa temática das bibliotecas, librerías e libros.
Sobre sorpresa
Sobre sorpresa para nenas e nenos que incluirán: unha lectura infantil e un marcapáxinas para colorear.
No hay comentarios:
Publicar un comentario