1/12/23

AVISO: A Biblioteca de Lorbé estará pechada os días 4, 5 e 7 de decembro

A Biblioteca Municipal "Xograr Mendiño" de Lorbé permanecerá pechada ao público (16 a 20 h.) os seguintes días:

- Luns 4 de decembro
- Martes 5 de decembro
- Xoves 7 de decembro


Desculpen as molestias

Recomendacións en Radioleiros: 1 decembro 2023

Recomendacións en Radioleiros: 1 decembro 2023
"Don caballito de mar" de Eric Carle- Infantil (crianzas menores de 8 anos): 
"Don caballito de mar" de Eric Carle. En Kókinos.

Dispoñible en eBiblio

Un fermoso álbum ilustrado, que conta como hai peixes que se encargan de coidar os ovos para que nazan os futuros peixes, en vez de deixalos abandonados. Entre estes están o cabaliño de mar, pero tamén hai outros como os peixes trompeta, o peixe espiñoso, o peixe león, a tilapia ou o peixe frauta.
A maioría dos peixes unha vez que a nai expulsou os ovos e que o pai os fecundou, déixanos sen encargarse deles, pero hai excepcións como estas que mostra este libro.
Vemos uns cabaliños de mar de todas as cores, nadando pola auga e unha vez que a señora cabaliño de mar depositou os ovos na pequena bolsa que o señor cabaliño de mar tiña na barriga, el prometeu coidar deles. Nesta misión vai paseando polo fondo do mar e atópase a un conxunto de peixes trompeta camuflados detrás duns xuncos, ao peixe espiñoso, ou ao peixe león oculto tras un arrecife de coral...
Un libro de gran tamaño, cunhas coloridas e preciosas ilustracións que alternan con páxinas transparentes nas que pinta xuncos ou diversos tipos de algas que ocultan outros peixes.
As ilustracións de Eric Carle son moi recoñecibles porque utiliza “collages”, papeis pintados a man, superpón páxinas, etc. Todo para realizar un conxunto de gran calidade e beleza, o que unido a unhas imaxinativas historias fai que consiga unhas obras atractivas e de gran calidade, ao mesmo tempo que moi divertidas para as crianzas.

"Unha cervexa Chang" de Manuel Portas
- Mocidade e persoas adultas:
"Unha cervexa Chang" de Manuel Portas. Editado por Galaxia.

Dispoñible en GaliciaLe

Unha novela negra que nos introduce no mundo da investigación pseudodetectivesca e no comercio ilegal dos tesouros perdidos no fondo do mar.
Preséntanos a Daniel, un home nunha crise persoal e económica, que decide aproveitar as vacacións de Nadal para descansar unha semana nunha praia de Tailandia, antes de enfrontarse á difícil situación na que se atopa. Posiblemente sexa a última viaxe que poida permitirse en moito tempo. 
Estudou Xeografía e Historia, pero o pai determinou que rexentara o negocio familiar de antigüidades, e el aceptou. Hai pouco que o estafaron na compra dun mapa que supostamente era do século XV e no que inverteu todos os cartos que tiña aforrados. Quería mercar unha peza única, e foi un engano. Vai ter que informar á familia e pechar dúas das tres tendas, co conseguinte despedimento de oito empregados. Non sabe como dicírllelo, pero  iso ou a bancarrota. Pensa que vai ser visto como un fracasado e un parvo. Principalmente fronte aos seus cuñados, uns fachendosos, en especial Pepe que casara en segundas nupcias coa súa irmá maior Carme; pero tamén do outro, Primitivo, un urólogo e profesor a tempo parcial na Universidade, que partindo da súa suposta superioridade intelectual sempre tomaba a broma os proxectos nos que Daniel se embarcaba. Encima de todo isto, hai menos dun ano que se divorciou. Sentíase desbordado, sobrepasado polo pesadelo, polo que aceptou a suxestión de facer a viaxe.
O último día da estadía, cando está a punto de volver para a casa, ve desaparecer no mar unha moza que estaba nadando placidamente. O avión márchalle nunhas horas, van vir a recollelo, a esa persoa non a coñece de nada, e descoñece que aconteceu no mar. Que fai? Non o sabe ben, pero como sempre foi un home de arroutadas, decide informar na recepción, ven a policía  e todo se complica. É detido como principal sospeitoso da desaparición da moza...
Estamos ante un argumento que parece simple, pero que pouco a pouco se vai complicando, cun protagonista pouco social e pouco empático, unha persoa solitaria, que se sente perdida e soa, e que non sabe a quen pedir axuda. 
Que fariamos nós se somos testemuña dun acontecemento similar? Esqueceriámonos do tema e colleriamos o avión, ou denunciaríamos?
É unha novela curta que mantén a intriga debido a que o autor vai dosificando a información.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

Ler conta moito, Obradoiros e a Hora do conto: 4 de decembro de 2023

Ler conta moito, Obradoiros e a Hora do conto:  4 de decembro de 2023
- Aforo limitado: chama á biblioteca na que se realiza a actividade e reserva a túa praza. 
Podes inscribirte desde 10 días antes da data de realización da mesma. 

Luns 4 de decembro, ás 18:30  
Para crianzas de 5 anos en adiante (Imprescindible reservar praza, tlf.: 981 626 638)
TÍTULO: “Brinca vai! De aquí a acolá”
CONTACONTOS: Paco Nogueiras

AVISO
A-o adulta-o responsable de cada menor de idade deberá permanecer necesariamente no recinto da biblioteca ata que remate a actividade e recolla a-o nena-o.

30/11/23

25 libros nun roscón, en Rialeda

25 libros nun roscón, en Rialeda
25 libros nun roscón, en RialedaComo se fose un calendario de advento,
ofrecémosche un libro para
cada día de Nadal: unha variedade de lambetadas para os padais infantís, na Biblioteca Central Rialeda (Perillo).

Boas festas!!!

28/11/23

Tertulia literaria en Rialeda: mércores 29 novembro 2023 (Grupo A)

Biblioteca Central Rialeda. Perillo.
17:30 a 19:30 h.

Sesión moderada por Rosa García Vilariño, profesora xubilada de lingua e literatura galegas.

Comentario de "O paraíso dos inocentes" de Antón Riveiro Coello.
Documentación.

Ao remate da sesión entregaráse a seguinte lectura: "El grupo" de Mary McCarthy.

Tertulia literaria en Santa Cruz: martes 28 novembro 2023 (Grupo A)

Biblioteca e Centro de Documentación da Muller
"Rosalía de Castro". Santa Cruz
17:30 a 19 h.

Sesión moderada pola profesora de lingua e literatura galegas Pepe Taboada.

Comentario de "O frío azul" de Ramón Caride.
Documentación.

Ao remate da sesión entregaráse a seguinte lectura: "Desgracia" de J. M. Coetzee.