Mostrando entradas con la etiqueta Letras Galegas. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Letras Galegas. Mostrar todas las entradas

16/5/25

Día das Letras Galegas 2025 nas Bibliotecas Municipais

Día das Letras Galegas 2025 nas Bibliotecas Municipais
Nas Bibliotecas de Oleiros celebramos o Día das Letras Galegas 2025 homenaxeando o cancioneiro popular galego e todas as cantareiras nas persoas de Adolfina e Rosa Casás Rama, Eva Castiñeira Santos, Prudencia e Asunción Garrido Ameijende, Teresa García Prieto e Manuela Lema Villar. Mulleres marabillosas que deixaron o seu herdo en boas mans (e gorxas) como as das cantadoras que podemos escoitar no video “O bruar das cantareiras” de Xosé Lois Romero e Aliboria.

Nas bibliotecas municipais teremos as seguintes actividades:
- Exposición bibliográfica "As cantareiras e a poesía popular oral" sobre o vizoso patrimonio que recibimos das cantareiras, figuras centrais na creación, preservación e transmisión da cultura musical popular.Día das Letras Galegas 2025 na Biblioteca Central Rialeda (Perillo)
- Exposición "Escoita as nosas cantareiras": os nosos cedés faránche un paseo musical, desde o máis tradicional ata as novísimos xeitos desta expresión creativa.
- Actividade plástica para as crianzas: decoraremos a biblioteca con pandeiretas coloridas, con imaxes rebuldeiras das foliadas, seráns, ruadas, etc.

Día das Letras Galegas 2025 na Biblioteca Rosalía de Castro (Santa Cruz)
- Obradoiro de olería : "Arte para os teus libros"
O xoves 22 de maio, como actividade complementaria ás tertulias literarias de Santa Cruz, farase un obradoiro en colaboración co Museo Os Oleiros. Cada tertuliana-o, de cada un dos tres grupos de lectura da Biblioteca de Santa Cruz, realizará un separador de páxinas de barro que decorarán e despois cocerase e esmaltarase para que poidan levalos de agasallo.
- Exposición bibliográfica, "Letras, cancións e pandeiretas": expoñemos unha escolma de libros e material audiovisual para dar a coñecer e visibilizar o traballo destas figuras que coidaron, arrequeceron e transmitiron esta tradición centenaria.
Sesión sobre as Cantigas populares nos tres grupos de tertulias da Biblioteca Rosalía de Castro (Santa Cruz)
- Sesión sobre as cantigas populares: nos tres grupos de tertulias de Santa Cruz realizouse unha sesión sobre as cantigas populares. Ás persoas integrantes dos tres grupos entregóuselles unha selección destas cantigas que despois foron comentadas por Pepe, facendo especial fincapé nas cantigas de traballo. Tras cada explicación, Adela, tocaba e cantaba fragmentos destes cantos para así exemplificar o ritmo usado en cada unha delas. As cantigas foron escollidas principalmente do libro: Schubart, D., Santamarina, A. (1983). Cántigas populares. Vigo: Galaxia.


Día das Letras Galegas 2025 na Biblioteca Mª José Trincado (Mera)
- “Versos e Cantos de Galiza: Letras Galegas 2025”: realizaremos unha exposición bibliográfica adicada á riqueza da poesía popular oral galega e á súa profunda relación coa música tradicional e os cantares populares. 

Día das Letras Galegas 2025 na Biblioteca Mª José Ruso (Dorneda)
- Exposición "Eu cantar, cantar, cantei" na sala infantil-xuvenil: mostra de libros-disco en lingua galega para achegar a música ao público infantil.
- Exposición "Eu cantar, cantar, cantei" na sala de adultas-os: percorrido pola nosa historia musical a través dunha selección de discos e libros sobre a historia da música en Galicia. Na sala infantil haberá debuxos e pasatempos dispoñibles para as crianzas.

- Exposición bibliográfica, e pasatempos, para as-os máis pequenas-os.

Día das Letras Galegas 2025 na Biblioteca Manuel María (Oleiros)
- “A pandeireta na manhe”: actividade para público infantil: a pandeireta é un símbolo da cultura musical tradicional. As crianzas que visiten a biblioteca entre o 12 e o 24 de maio poderán colorear pandeiretas de papel con cantos recollidos no cancioneiro popular galego de Dorothé Schubarth e Antón Santamarina.
- “Canta miña compañeira”: mostra bibliográfica, para todos os públicos, de obras que recompilan o cancioneiro popular galego. Durante todo o mes de maio.


Día das Letras Galegas 2025 na Biblioteca Xograr Mendiño (Lorbé)
- Carteis e murais informativos, debuxos para que coloreen os máis pequenos relacionados coa temática do Día das Letras Galegas 2025 e exposición bibliográfica sobre os cancioneiros populares da nosa cultura.

12/5/25

13 de maio: Espectáculo poético-musical "Un idioma de música e tinta" con Yolanda Castaño e Isaac Garabatos

Espectáculo poético-musical "Un idioma de música e tinta" con Yolanda Castaño e Isaac Garabatos: 13 de maio
Teatro As Torres (Santa Cruz)
Martes 13 de maio ás 20:00 h
Conmemoración do Día das Letras Galegas e 40 anos das Bibliotecas Municipais de Oleiros 
Un percorrido polos últimos anos dunha poeta que se consolidou nas Bibliotecas de Oleiros, arroupado para esta celebración pola música de Isaac Garabatos. Entre a envolvente música en directo do compositor e instrumentista Isaac Garabatos, Yolanda Castaño (Premio Nacional de Poesía 2023) ofrécenos un paseo guiado a través dos seus poemas culminando cos do seu novo libro, "A falsa autónoma".
A voz de Yolanda Castaño únese ás composicións musicais de Isaac Garabatos, en diálogo constante entre música e poesía, nun espectáculo de gran calidade artística e cargado de emocións.
Yolanda Castaño é poeta, filóloga e unha activa xestora cultural, coa súa propia residencia para escritores-as na Coruña. Premio Nacional de Poesía (2023) e Premio da Crítica en lingua galega (2022) polo seu libro Materia. Entre as súas obras podemos destacar: A falsa autónoma, Vivimos no ciclo das erofanías, O libro da egoísta, Profundidade de campo, A segunda lingua, Elevar as pálpebras ou Delicia. Ademais dos citados, ten no seu haber outros premios literarios, como por exemplo: Premio da Cultura de Galicia (2023), Premio Irmandade do Libro a autora do ano (2014), Premio Fundación Novacaixagalicia (2013), Premio Ojo Crítico (2009), Premio Espiral Maior (2007), Premio Nacional da Crítica (1999).
Isaac Garabatos é un dos músicos e compositores máis versátiles do panorama musical galego. Realizou numerosos traballos de composición para diferentes obras de danza contemporánea, teatro, curtametraxes e grupos de Jazz, Fusión, Latin-Jazz, Funk, Folk, Pop, Rock e Dance.
Desde as bibliotecas municipais invítase ás persoas que desexen asistir, ata completar o aforo, para que gocen coa poesía e coa música.

20/5/24

Tertulia literaria en Santa Cruz: martes 21 maio 2024 (Grupo A)

Biblioteca e Centro de Documentación da Muller
"Rosalía de Castro". Santa Cruz.
17:30 a 19 h.

Sesión moderada pola profesora de lingua e literatura galegas Pepe Taboada.

Celebramos o Día das Letras Galegas con "Mulleres, poetas e galegas", unha escolma de textos poéticos seleccionados pola biblioteca.
Documentación.

Ao remate da sesión entregaráse a seguinte lectura: "Sobre los huesos de los muertos" de Olga Tokarczuk.

15/5/24

"Poéticas galegas" coa actriz Chus Álvarez e a música de Ángeles Dorrio: 16 de maio 2024

Teatro "As Torres" (Santa Cruz)
Xoves 16 de maio ás 19:00 h.

Conmemoración do Día das Letras Galegas cun recital poético que honra a 31 escritoras galegas, a cargo de Chus Álvarez (selección poética, interpretación e dirección), acompañada ao piano e a voz cantada por Ángeles Dorrio.
Comeza e finaliza con poesías de Luísa Villalta, pero tamén recitará poemas de Yolanda Castaño, Pilar Pallarés, Alba Doval, Antía Otero, Rosalía de Castro, Lupe Gómez, Lucía Aldao, entre outras.

Desde as bibliotecas municipais invítase a todas as persoas que desexen asistir, ata completar o aforo.

Luísa Villalta, a vontade íntima de voar. Recomendacións para o Mes das Letras

Historias e contos para namorar, a xeito de notas musicais que acompañan a festa das nosas letras. 


 

14/5/24

Día das Letras Galegas nas Bibliotecas Municipais

Consulta todas as actividades dedicadas á escritora e música Luisa Villalta.

 


Mes das Letras nas Bibliotecas Municipais

 Exposicións, paneis informativos, xogos e pasatempos para nenas e nenos. Eis unha mostra de como lucen as Bibliotecas Municipais durante o Mes das Letras. Maio dedicado á escritora, docente, filóloga, tradutora e violinista Luísa Villalta.

Biblioteca de Dorneda
  

Pasatempos extraídos das páxinas web do Seminario Galán e Primavera das Letras.

Letras Galegas 2024: Luísa Villalta Gómez "Literatura e música, emoción e compromiso"

Desde as Bibliotecas Municipais de Oleiros presentamos este díptico informativo sobre a escritora, docente, filóloga, violinista e tradutora Luísa Villalta, con motivo do Día das Letras Galegas dedicado a súa figura.


Tertulia literaria en Santa Cruz: martes 14 maio 2024 (Grupo B)

Biblioteca e Centro de Documentación da Muller
"Rosalía de Castro". Santa Cruz.
17:30 a 19 h.

Sesión moderada pola profesora de lingua e literatura galegas Pepe Taboada.

Celebramos o Día das Letras Galegas con "Mulleres, poetas e galegas", unha escolma de textos poéticos seleccionados pola biblioteca.
Documentación.

Ao remate da sesión entregaráse a seguinte lectura: "Leña menuda" de Marta Barrio.

Tertulia literaria en Santa Cruz: martes 14 maio 2024 (Grupo C)

Biblioteca e Centro de Documentación da Muller
"Rosalía de Castro". Santa Cruz.
11 a 12:30 h.

Sesión moderada pola profesora de lingua e literatura galegas Pepe Taboada.

Celebramos o Día das Letras Galegas con "Mulleres, poetas e galegas", unha escolma de textos poéticos seleccionados pola biblioteca.
Documentación.

Ao remate da sesión entregaráse a seguinte lectura: "La uruguaya" de Pedro Mairal.

16/5/23

Día das Letras Galegas nas Bibliotecas Municipais

Consulta todas as actividades dedicadas ao escritor e dinamizador do galeguismo cultural Francisco Fernández del Riego.

10/5/23

A constelación de don Paco ten tres planetas máis que visitar

A constelación de don Paco ten tres planetas máis que visitar
A constelación de don Paco ten tres planetas máis que visitar:

Público adulto: Expo bio-bibliográfica de Francisco Fernández del Riego coa obra do autor dispoñible na biblioteca.
As crianzas poden visitar a mostra "A volta ao galego en 15 editoriais": escolma de títulos que amosan a variedade e calidade da actual produción editorial en Galiza. Asemade, o público infantil, poderá aprender dun xeito lúdico información sobre o autor homenaxeado con pasatempos que estarán dispoñibles na sala infantil.
- Obradoiro para crianzas a partir de 6 anos titulado "Autorretratos inspirados en mulleres" por Babaluva Teatro: Despois de coñecer mulleres artistas da vangarda como Maruja Mallo, inspirándonos nas fotografías que Ruth Matilda Anderson realizou en Galicia, pintaremos un orixinal autorretrato en branco e negro. Luns 22 de maio ás 17:30. Aforo limitado: reserva a túa praza na Biblioteca de Dorneda ou chamando ao 981 626 638. Podes inscribirte desde dez días antes da data de realización da actividade. 

- Mostra bibliográfica “Maio das Letras”, Francisco Fernández del Riego (1913-2010), é unha das figuras máis importantes do galeguismo do século XX. Autor dunha amplísima obra que atinxe case todos os xéneros. Esta exposición de títulos da súa autoría pretende achegar a súa obra a todas as persoas que visiten a biblioteca no mes de maio.
- "Pintamos a don Paco”: Don Paco, dende moi novo, usou lentes e gustáballe ir de traxe e gravata. As crianzas que o desexen poderán dar cor ao retrato de Francisco Fernández del Riego e a diferentes marcapáxinas conmemorativos do Día das Letras Galegas. Todos os debuxos serán expostos no mostrador de préstamo da biblioteca para dar a benvida ás persoas usuarias durante o mes de maio.

Exposición para público infantil e adulto con obras de Francisco Fernández del Riego e sobre o autor homenaxeado.

9/5/23

Facemos parada en varias estrelas da galaxia de don Paco

Facemos parada en varias estrelas da galaxia de don Paco
Seguimos celebrando as Letras Galegas e facemos parada en varias estrelas da galaxia de don Paco:
- Exposición Bibliográfica “A galaxia de don Paco”: mostra bibliográfica coas obras escritas por e sobre Francisco Fernández del Riego.
Marcapáxinas de Francisco Fernández del Riego.
- Mural bibliográfico interactivo sobre o autor homenaxeado.
- Xogos literarios para as crianzas: A roda de Francisco e O xogo da detective (sobre lírica medieval).
O Club de lectura estará dedicado á obra “Virtudes (e misterios)” de Xesús Fraga nos dous grupos de lectura da biblioteca.
- Espectáculo musical para público familiar para achegármonos á literatura galega titulado "Cantando as nosas Letras" con Xoán Curiel. No Teatro As Torres (Santa Cruz), martes 16 de maio ás 19:30. Aforo limitado: reserva a túa praza na Biblioteca de Santa Cruz ou chamando ao 981 626 338. Podes inscribirte desde dez días antes da data de realización da actividade.
Para público adulto:  
- Mostra bibliográfica "Letras galegas 2023: Francisco Fernández del Riego" dos libros que hai na biblioteca, do autor ou relacionados con el.
Para público infantil:
- Mostra “Universo Galaxia”, unha escolla de títulos de literatura infantil e xuvenil publicados pola editorial viguesa, como homenaxe á editorial da que foi un dos seus fundadores.
- Expo "Fernández del Riego: Letras Galegas 2023" cos libros do autor e sobre el. Para crianzas, debuxos para colorear.

18/5/22

Epístola de Aldaolado ás neofalantes: xoves 19 de maio ás 20:30 no Teatro As Torres (Santa Cruz)

Día: xoves 19 de maio
Hora: 20:30
Lugar: Teatro As Torres (Santa Cruz)

As poetas Lucía Aldao e María Lado válense da retranca que as caracteriza para poñer sobre a mesa unha reflexión sobre a situación actual da lingua galega e o seu futuro.
A combinación de recital de poesía, música en directo, xogos co público e improvisación é sempre característica dos espectáculos de Aldaolado. Nesta ocasión achégannos unha proposta na que unen emotividade e risas, e na que, dunha maneira desenfadada, se permiten rir de todo para facernos reflexionar sobre o que realmente importa.
Desde unha perspectiva crítica e comprometida co idioma, as dúas poetas artellaron este espectáculo onde a poesía, a música e sobre todo o humor -presente na narración oral que o envolve todo- están orientados a reafirmar a nosa lingua como unha lingua moderna, síntoma de coñecemento e cultura e, sobre todo, con moitas primaveras por diante por obra e graza das persoas neofalantes.
Desde as bibliotecas municipais invítase ás persoas que desexen asistir, ata completar o aforo, para que gocen coa palabra e a música destas poetas.


13/5/22

Letras Galegas 2022 nas Bibliotecas de Oleiros

Para conmemorar o Día das Letras, nas Bibliotecas de Oleiros editamos un marcapáxinas coa vida e a obra do autor homenaxeado, Florencio Delgado Gurriarán. Podes achegarte á túa biblioteca favorita e levalo gratuitamente.

A continuación, lembrámosche as nosas actividades para celebrar este día:

Poesía e música para público mozo e adulto:

Xoves 19 de maio ás 20:30 h. no Teatro As Torres de Santa Cruz

As poetas Lucía Aldao e María Lado válense da retranca que as caracteriza para poñer sobre a mesa
unha reflexión sobre a situación actual da lingua galega e o seu futuro.
A combinación de recital de poesía, música en directo, xogos co público e improvisación é sempre característica dos espectáculos de Aldaolado. Nesta ocasión achégannos unha proposta na que unen emotividade e risas, e na que, dunha maneira desenfadada, se permiten rir de todo para facernos reflexionar sobre o que realmente importa. 

Desde unha perspectiva crítica e comprometida co idioma, as dúas poetas artellaron este espectáculo onde a poesía, a música e sobre todo o humor -presente na narración oral que o envolve todo- están orientados a reafirmar a nosa lingua como unha lingua moderna, síntoma de coñecemento e cultura e, sobre todo, con moitas primaveras por diante por obra e graza das persoas neofalantes.

Desde as bibliotecas municipais invítase ás persoas que desexen asistir, ata completar o aforo permitido, para que gocen coa palabra e a música destas poetas.

Actividades para público infantil:

Contacontos para nenas e nenos a partir de 6 anos
Ás 18:30 h. Aforo limitado. Imprescindible reservar praza na biblioteca ou chamando por teléfono. Inscrición desde 10 días antes da data de realización.

- 5 de maio: "Os monstros xa non queren asustar" con Fran Amil
- 12 de maio: "Anuncio por palabras" con Trémola Teatro
- 19 de maio: "Ven c@ntar" con Pakolas

- 4 de maio: "Contos diversos" con Miguel Alonso Diz
- 11 de maio: "Un saquiño de palabras" con Proyecto Bululú
- 18 de maio: "Extra!" con Paco Nogueiras 

- 9 de maio: "Contos de aquí para nós" con Ramiro Neira

- 10 de maio: "Contos escritos na nosa Terra" con Lía Magalia

- 13 de maio: "Contos de cerca" con Ana Carreira

- 19 de maio: "As fadas verdes" con Lía Magalia

- 20 de maio: "Contos de trasnos e maigallos" con Iván Davila

Actividades para alumnado dos centros de ensino:

"Florencio Delgado Gurriarán" con Trémola Teatro
A Compañía Trémola Teatro realizará unha narración oral centrada na biografía e obra do autor homenaxeado polo Día das Letras Galegas deste ano. Actividade dirixida a alumnado de 5º de primaria do CEIP Juana de Vega, que terá lugar o 12 de maio, ás 10:30 h. na Biblioteca Central Rialeda.

"Contos de aquí" con Ana Carreira
Actividade na que a actriz Ana Carreira narrará historias das seguintes obras: As porcas porquiñas de Xosé Antonio Neira Cruz, A noite dos animais de Agustín Fernández Paz e Xela volveuse vampira de Fina Casalderrey. Asistirá alumnado de 6º de primaria do CEIP Valle Inclán, os días 11 e 13 de maio, polas mañás na Biblioteca Central Rialeda.

"A miña historia" con Trémola Teatro
Trémola Teatro presentará a Andrea, unha xornalista do século XIX que sabe moito sobre Rosalía de Castro, unha das grandes poetas da literatura galega do século XIX e unha das figuras emblemáticas do Rexurdimento galego. Asistirá alumnado de 5º de primaria do CEIP Isidro Parga Pondal, o día 10 de maio, pola mañá na Biblioteca de Santa Cruz.

"Extra!" con Paco Nogueiras
Espectáculo baseado no libro-disco de Paco Nogueiras, titulado Extra!
Sesión que recolle as novas máis curiosas, sucesos especiais con melodías e ritmos modernos, pegadizos e bailables que invitan á participación. Asistirá alumnado de 3º de primaria do CEIP A Rabadeira e de 5º de primaria do CEIP Luis Seoane, os días 3 e 18 de maio, polas mañás na Biblioteca de Santa Cruz.

"Ramona Órbita. A dona do tempo" con Pakolas
Espectáculo baseado no libro-disco de Pakolas, titulado Ramona Órbita: A dona do tempo.
Historia de Ramona Órbita, muller labrega que posúe unha horta cibernética con patacas automáticas, ademais de ter unha máquina do tempo coa que viaxa na procura da tecnoloxía para crear un mundo mellor, máis ecolóxico e con enerxías limpas. Asistirá alumnado de 1º e 2º de primaria do CEIP Luis Seoane e do CEIP A Rabadeira, os días 25 e 28 de maio, polas mañás na Biblioteca de Santa Cruz

"Hércules e o xigante: Unha torre de lenda" con Quique López
O arquitecto e ilustrador Quique López, autor da obra Hércules e o xigante: Unha torre de lenda, narrará, apoiándose nas ilustracións, como puido ser o encontro entre un heroe mitolóxico e un xigante colosal, que só podería dar como resultado o nacemento dunha torre de lenda...
Asistirá alumnado de 4º e 6º de primaria do CEIP Luis Seoane, o día 5 de maio, pola mañá na Biblioteca de Santa Cruz.

"A vella da botella" con Lía Magalia
A contadora Lía Magalia narrará a historia dunha vella caprichosa, que nunca está satisfeita con nada. Cando unha bruxa cumpre os seus desexos, de seguida se cansa co que ten...
Asistirá alumnado de 2º de primaria do CEIP Isidro Parga Pondal, o día 6 de maio, pola mañá na Biblioteca de Santa Cruz.

"Animaliños" con Ramiro Neira
O actor Ramiro Neira dramatizará diversos contos de tradición oral a través dos que coñeceremos a Gata Kisha, a unha tartaruga moi intelixente, a unha urraca moi larpeira, a un coello e a un loro que teñen unha granxa... Asistirá alumnado de 1º e 2º de primaria do CEIP A Rabadeira, os días 5 e 6 de maio, polas mañás na Biblioteca Rialeda.

Máis actividades nas bibliotecas:

“Aí ven o maio”. Libros e información sobre Florencio Delgado e as Letras Galegas, 

Mostra de libros sobre Florencio Delgado Gurriarán e pasatempos para cativas e cativos.

"Un feixe de poemas, poemiñas e poemoides". Escolma de textos de Florencio Delgado Gurriarán.
"Pintamos a Florencio". Actividade para nenos e nenas.

FDG na Biblioteca Central Rialeda (Perillo)

Na Biblioteca Central Rialeda (Perillo) celebramos a figura de Florencio Delgado Gurriarán no Día das Letras Galegas 2022 con varias actividades coas que queremos dar a coñecer a súa vida e obra.
As-os máis novas-os poden colaborar na decoración da sala infantil coa actividade "Dámoslle cores ás Letras Galegas", seguindo a proposta da RAG e a súa primavera das letras.
Mozas-os e adultas-os poden profundizar na bio-bibliografía de FDG na exposición "Polos vieiros de Florencio", constituída por obras do protagonista das Letras Galegas 2022, ensaios sobre o seu importante labor a prol da lingua e cultura galegas, a súa amada comarca valdeorresa, a cultura vinícola que cantou nos seus versos e o exilio mexicano.
As-os nosas-os visitantes de calquera idade poden gozar dos poemas de FDG expostos en lugares destacados da biblioteca.

12/5/22

FDG na Biblioteca Rosalía de Castro (Santa Cruz)

Na Biblioteca Rosalía de Castro (Santa Cruz) celebraremos o Día das Letras Galegas coas seguintes actividades:
Exposición bibliográfica As galegas das Letras Galegas: mostra bibliográfica coas obras das autoras que foron homenaxeadas ao longo destes anos no Día das Letras Galegas, desde Rosalía de Castro (1963) ata Xela Arias (2021). 60 autores-as homenaxeados-as e tan só 5 mulleres!
Lectura de textos das Letras Galegas: aproveitando as sesións de tertulias literarias dos días 3 e 10 de maio fixemos unha lectura ao remate da sesión de pequenos textos ou poesías das 5 mulleres que foron homenaxeadas nas Letras Galegas: Rosalía de Castro (1963), Francisca Herrera Garrido (1987), María Mariño (2007), Mª Victoria Moreno, (2018), Xela Arias (2021).
Outras actividades:
Mostra bibliográfica sobre o autor homenaxeado neste ano, tríptico bibliográfico sobre Florencio Delgado Gurriarán, mural bibliográfico interactivo sobre Florencio Delgado Gurriarán, Club de lectura virtual (Grupo A) sobre a obra “Os dous de sempre” de Castelao (24 de maio), Club de lectura virtual (Grupo B) sobre a obra Poetízate: selección de poesía galega baseada na obra de Fran Alonso,  “Poetízate” (10 de maio).

11/5/22

FDG na Biblioteca Ánxel Fole (Nós)

Na Biblioteca Ánxel Fole (Nós) poderás ver unha exposición sobre o escritor homenaxeado, acompañada de pasatempos para as-os nenas-os.
A exposición presenta a biografía de Florencio Delgado Gurriarán con carteis explicativos e os libros da súa autoría, xunto con outros títulos de autoras-es galegas-os que influíron na súa obra: Rosalía de Castro, Curros Enríquez e Eduardo Pondal engadindo algúns títulos destas-es literatas-os, e así co resto das etapas da súa vida: as-os autoras-es coas-cos que se relacionou (Castelao, Otero Pedrayo...), o seu labor como tradutor, etc.

10/5/22

FDG na Biblioteca Mª José Trincado (Mera)

Para conmemorar o Día das Letras Galegas 2022 na Biblioteca Mª José Trincado (Mera) poderás contemplar dúas mostras, a infantil "Premios Compostela", coas últimas edicións do Premio  Compostela Internacional para albúms ilustrados convocados polo concello de Santiago de Compostela e a editorial Kalandraka e a mostra de adultas-os titulada "Os nosos contemporáneos", exposición de novela de autoras-es galegas-os actuais de recoñecido prestixio na nosa Terra e fóra dela: Pedro Feijóo, Ledicia Costas, Domingo Villar e outras-os. As persoas que veñan á biblioteca serán obsequiadas cun marcapáxinas conmemorativo das Letras Galegas.