5/9/25

Recomendacións en Radioleiros: 5 setembro 2025

- Infantil (a partir de 4 anos):

Malote
, de Marianna Oklejak.
Bookolia.

A idea de ser o bandido máis violento da zona leva a Malote a novas aventuras.

- Mocidade e persoas adultas:

El año que nevó en Valencia, de Rafael Chirbes con ilustracións de Paula Bonet.
Anagrama.

Versión dixital en eBiblio.

Unha mestura afortunada este texto de Chirbes coa pintura de Bonet no que a prosa do escritor que narra unha historia familiar na Valencia de hai décadas xúntase coa ollada paisaxística da pintora, dura e á vez peneirada pola cor branca da neve.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

4/9/25

Manuel Lourenzo (1943-2025): o teatro, como respirar

Manuel Lourenzo (1943-2025): o teatro, como respirar
Hai uns días finaba Manuel Lourenzo, actor, dramaturgo, ensaísta, tradutor, docente e director teatral, considerado unha das personalidades máis sobresaíntes do noso panorama teatral e cultural contemporáneo.
Finou quen entendeu o teatro como unha absoluta necesidade física.
O seu labor foi fundamental na consolidación e desenvolvemento do teatro en lingua galega dende a segunda metade do século XX. Foi un dos impulsores do teatro independente en Galicia e fundador de grupos e compañías teatrais como O Facho, Teatro Circo, a Escola Dramática Galega, o Clube de Teatro Elsinor ou a Compañía Luís Seoane.
A súa produción teatral abarca máis de 300 obras, sempre cun forte compromiso coa cultura e identidade galega. Entre as súas obras máis destacadas atópanse Romería ás Covas do Demo (1975), Veladas indecentes (1996), O circo de medianoite (1997), Flores de Dunsinane (2009) ou Suite Artabria (2017). Entre a súa obra ensaística podemos destacar títulos como O teatro galego (1979), Antoloxía do teatro galego (1981), Dicionario do teatro galego (1987) ou o manual Pensar co corpo (2000).
Traduciu ao galego aos grandes do teatro grecolatino, así como a Shakespeare, Goethe, Chejov, Brecht, Yourcenar ou Fassbinder.
Manuel Lourenzo recibiu numerosos premios e distincións, entre eles o Premio Nacional de Literatura Dramática (1997), o Premio Nacional de Artes Escénicas (2008), o premio Otero Pedrayo (2011), o Artur Carbonell do XVI Festival Internacional de Teatro de Sitges (1983), o Rafael Dieste (1996, 1999), o Premio de Honra Marisa Soto, o Premio ás Letras dos Premios da Cultura Galega (2024), e un sinfín de recoñecementos máis. Tamén foi nomeado profesor Honoris Causa pola Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.
No audiovisual ten participado en producións como Mareas Vivas, Elisa e Marcela ou Fariña.
A día de hoxe, o seu legado é unha referencia imprescindible, tanto pola súa obra como polo seu labor de promoción do teatro galego.
'Cunqueiriano de Honra', título outorgado polo Concello de Mondoñedo e a Casa Museo Álvaro Cunqueiro, a Federación de Asociacións Culturais Galiza Cultura culminou o traballo de edición da súa obra completa en 2022.

Visita a expo de Manuel Lourenzo que temos para ti na Biblioteca Central Rialeda (Perillo).
Obras de Manuel Lourenzo en Bibloleiros

Foto: composición sobre colaxe orixinal de mariaxe.colaxe
Bio obtida en: casahamlet.es

2/9/25

49 sesións de setembro a novembro de 2025!!! Ler conta moito, Hora do conto e actividades infantís en Bibloleiros

49 sesións de setembro a novembro de 2025!!! Ler conta moito, Hora do conto e actividades infantís en Bibloleiros
Comeza setembro e as Bibliotecas Municipais de Oleiros organizan actividades de promoción da lectura dirixidas a crianzas de 2 a 4 anos e a partir de 5 anos. As sesións de contacontos e os obradoiros terán lugar ás 17:30 h e as actividades infantís ás 18:30 h. Serán contacontos para crianzas de 2 a 4 anos, actividades infantís para nenas e nenos a partir de 5 anos (maxia, narración de contos, etc.) e obradoiros (ciencia, malabares, etc.) para a cativada a partir de 6 anos.
Xa que o aforo é limitado, é imprescindible reservar praza na biblioteca en que se desenvolva cada unha das actividades. Podes facelo desde dez días antes da celebración da actividade, achegándote persoalmente, por teléfono ou internet en www.oleiros.org/bibliotecas/inscribete
Ler conta moito é un programa de dinamización da lectura nas bibliotecas públicas promovido pola Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, a través da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia e en colaboración coas Bibliotecas Municipais de Oleiros. Súmase á programación das Bibliotecas Municipais de Oleiros para completar a oferta de actividades de setembro a final de ano. Fomentar a lectura a través do pracer e o gusto por esta, divertirse escoitando contos, facer novas lectoras e lectores ou consolidar este hábito e espertar a sensibilidade e o pracer que proporciona a lectura son algúns dos nosos obxectivos. A información está dispoñible en calquera das sete bibliotecas municipais e nesta ligazón.