11/8/23

Recomendacións en Radioleiros: 11 agosto 2023

- Infantil (a partir de 6 anos):

A casa enmeigada, de Jan Pieńkowski
Patasdepeixe

A casa enmeigada é un lugar vello e pintoresco e parece que corre algo de friaxe... Na porta colga o cartel ENTRA SEN CHAMAR!

Libro para ler e sobre todo para tocar, porque para descubrir todo o que agocha esta terrorífica mansión hai que levantar as solapas e tirar das frechas que agochan inquietantes sorpresas.

- Mocidade e persoas adultas:


El tiempo de las moscas, de Claudia Piñeiro
Alfaguara

Audiolibro en eBiblio

Claudia Piñeiro retoma a historia de Inés, a protagonista de Tuya, que sae do cárcere no que estivo 15 anos presa por matar á amante do seu exmarido.

Inés non é a mesma muller e trata de ser práctica e adaptarse a unha sociedade que tamén cambiou. Asóciase coa única amiga que fixo en prisión, a Manca, e poñen en marcha unha empresa dobre na que Inés se encarga de fumigar e a Manca de investigar como detective privada. Deste xeito abaratan costes e xuntas tratan de sobrevivir  fóra do cárcere.

A súa rutina diaria vai verse alterada logo de recibir un misterioso e inquietante encargo dunha das súas clientas habituais...

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

10/8/23

Premios María Moliner de Fomento da Lectura 2023


Un ano máis, o proxecto de fomento da lectura presentado polas Bibliotecas Municipais de Oleiros, denominado “Mergúllate na lectura”, foi seleccionado pola Comisión de Valoración da XXIII Campaña de animación a la lectura María Moliner convocada polo Ministerio de Cultura en colaboración coa FEMP.

O proxecto titúlase “Mergúllate na lectura” e nel describíronse as actividades de promoción da lectura e de extensión cultural planificadas pola Biblioteca Central Rialeda, que se levaron a cabo entre os meses de marzo de 2022 a marzo de 2023. Entre todas, podemos destacar as da Hora do conto, recitais de poesía, os talleres de banda deseñada, obradoiros de ilustración, a campaña de promoción da lectura dirixida ao alumnado dos centros de ensino, as charlas de divulgación científica Ler para saber, as recomendacións de libros en Radioleiros, a entrega de premios ás socias e socios máis lectores das bibliotecas municipais, encontros con escritores/as e presentacións de libros, roteiros literarios, conmemoración de datas significativas (Día de Rosalía de Castro, Día da Muller, Día da Poesía, Día do Libro Infantil e Xuvenil, Día do Libro, Día das Letras Galegas, Día das Bibliotecas, o Nadal), clubs de lectura e Tertulias literarias, roteiros literarios, exposicións bibliográficas, etc.

Entre os 557 proxectos presentados por bibliotecas de municipios con menos de 50.000 habitantes de todo o Estado Español, seleccionaron 370 nos que se recoñecen as mellores iniciativas de promoción lectora a nivel de todo o Estado. Nesta selección figuran 15 bibliotecas de Galicia entre as que está Oleiros. Hai que ter en conta que a Comisión prioriza especialmente as actividades realizadas en municipios de menos de 25.000 habitantes, ás que lles dá máis puntos, para apoiar as zonas máis despoboadas, pero a pesar de isto, Oleiros, que conta con máis de 36.000 habitantes, saíu seleccionado.

O premio consiste en 2.772,22 € que se destinarán á adquisición de libros para as bibliotecas municipais, en función das súas necesidades, e para completar os seus fondos bibliográficos en beneficio de todos os veciños e veciñas do municipio.

Grazas por participar nas nosas actividades, grazas por facer biblioteca!!