Mostrando entradas con la etiqueta Día da Biblioteca. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Día da Biblioteca. Mostrar todas las entradas

21/10/23

Conmemoración do Día das Bibliotecas nas Bibliotecas Públicas Municipais de Oleiros

O lema do Ministerio de Cultura y Deporte deste ano para a celebración do Día das Bibliotecas é "Tecendo comunidades".
Sumámonos a esta cita porque imaxinamos as bibliotecas como teares onde se establecen relacións, se incrementan os coñecementos... 

"Tecendo comunidades" salienta a importante función social das bibliotecas xa que contribúen a dar forma á nosa comprensión colectiva, facilitan o intercambio de ideas diferentes e proporcionan un espazo seguro para o medre persoal e colectivo. Cada visita, cada lectura, cada conversa, aporta o seu fío único a este tecido comunitario. A través destes intercambios e conexións, as nosas diferencias e similitudes únense, amosando a diversidade e a riqueza dos nosos contornos.

Nas Bibliotecas Públicas Municipais de Oleiros, desde o día 23 ao 27 de outubro, co obxectivo de festexar esta conmemoración realizaremos diversas actividades.

Teatro "As Torres". Santa Cruz.

Recital de poesía e música a cargo da escritora Yolanda Castaño, Premio Nacional de Poesía pola súa obra "Materia", acompañada do músico e compositor Isaac Garabatos.
Xoves, 26 de outubro, ás 19 h.
A voz de Yolanda Castaño únese ás composicións musicais de Isaac Garabatos, en diálogo constante entre música e poesía, nun espectáculo de gran calidade artística e cargado de emocións.
Invítase ás persoas que desexen asistir, ata completar o aforo, para que gocen coa poesía e coa música.

Biblioteca Central Rialeda. Perillo.

Tecendo comunidades
Mostra bibliográfica composta por obras que presentan historias de xentes que atan lazos, establecen
unións, conforman ligazóns, crean comunidades e lugares referenciais onde estenden o tecido da vida. As bibliotecas queremos ser abrigo para as persoas que a elas se acheguen na procura dun cobertor de palabras, trama e urdido de verbas que ao entrenzárense compoñen textos que son a alma, a fantasía e a ligadura dos libros. Suxestións que procuran o gozo da nosa fabulosa sociedade de lectoras e lectores.

Contos, Cubismo e artistas do Vangardismo!
Obradoiro a cargo do colectivo Mirlotil, o 26 de outubro, ás 17:30 h., dirixido a nenas e nenos a partir de 6 anos. Poderán realizar creacións propias con técnicas como o debuxo sobre acetato, collage ou pintura e gozarán a través dos libros de obras de artistas como Picasso, Laxeiro, Seoane ou Maside.

Biblioteca Pública Municipal "Rosalía de Castro". Santa Cruz.

Protagonista a biblioteca
Selección de libros, para nenos e adultos, que teñen como protagonista ás bibliotecas e aos bibliotecarios: La biblioteca de los muertos, Colección Harry Potter,  La bibliotecaria de Basora, El libro de las horas, etc  
Marcapáxinas para colorear conmemorativos do Día das Bibliotecas.

Contacontos "Riciños de ouro", por Trinke Trinke Teatro
O 25 de outubro, ás 18:30 h, contacontos "Riciños de ouro" para crianzas de 2 a 4 anos.

Biblioteca Pública Municipal "Mª José Trincado". Mera.

Tecendo comunidades
Expoñeranse libros, para todas as idades, que falen ou teñan como escenario as bibliotecas e os libros.

Biblioteca Pública Municipal "Manuel María". Oleiros.

Ai, que medo!
Mostra bibliográfica  para o público infantil e xuvenil "Ai, que medo!" con contos de cabazas, casas
enmeigadas, estrañas visitas, vampiras, minimortos, cociñeiras defuntas, zombis, monstros  e pantasmas.

Tecendo comunidades
Mostra bibliográfica, para a mocidade e persoas adultas, composta por libros de autores e autoras locais ou que teñen unha especial relación con Oleiros.

Contacontos "Leo e as cores", por Trémola Teatro
O 24 de outubro, ás 18:30 h, contacontos titulado "Leo e as cores" para crianzas de 2 a 4 anos.

Marcapáxinas para colorear
Para o público infantil repartiremos marcapáxinas para colorear conmemorativos do Día da Biblioteca.

Biblioteca Pública Municipal "Mª José Ruso". Dorneda.

Mirar un libro
Selección de libros singulares que destacan pola súa encadernación, deseño e ilustracións. Libros para mirar, sentir e ler.

Pasatempos A voltas coa biblioteca
As nenas e nenos poderán realizar diversos xogos e pasatempos relacionados co mundo da biblioteca.

Contacontos "O conto de sempre contado ao revés", por Fran Amil
O 23 de outubro, ás 18:30 h, contacontos "O conto de sempre contado ao revés" para crianzas de 2 a 4 anos.

Biblioteca Pública Municipal "Ánxel Fole". Nós.

Contando bibliotecas
Mostra bibliográfica con obras literarias que falan de bibliotecas ou de bibliotecarios/as para público infantil.

Marcapáxinas para colorear
Para o público infantil repartiremos marcapáxinas para colorear conmemorativos do Día da Biblioteca.

Contacontos "Ollo, piollo", por Chus Álvarez
O 27 de outubro, ás 18:30 h, contacontos "Ollo, piollo" para crianzas de 2 a 4 anos.

Biblioteca Pública Municipal "Xograr Mendiño". Lorbé.

Libros dentro de libros
Mostra bibliográfica, para todos os públicos, coa temática das bibliotecas, librerías e libros.

Sobre sorpresa
Sobre sorpresa para nenas e nenos que incluirán: unha lectura infantil e un marcapáxinas para colorear.



21/10/20

24 de outubro: Día das Bibliotecas "Sempre ao teu carón"

Desde o ano 1997, cada 24 de outubro, celébrase o Día das Bibliotecas, en lembranza da destrución da Biblioteca de Sarajevo, incendiada en 1992 durante o conflito balcánico. Unha efeméride que busca resaltar a importancia que teñen as bibliotecas para a historia como resgardo da cultura e dos seus escritos, e como un instrumento de mellora da formación e a convivencia humana. A partir do ano 2019, o Ministerio de Cultura e Deporte incorporou o lema “Aptas para todos os públicos”.

A edición deste ano é baixo o lema “Bibliotecas, sempre ao teu carón” para destacar o papel das bibliotecas como acceso á cultura, ao coñecemento e ao entretemento en calquera lugar e circunstancia.

Nas Bibliotecas Públicas Municipais de Oleiros, co obxectivo de conmemorar este día, desexamos mostrar os nosos centros como lugares de acceso á cultura, á educación, á formación e ao aprendizaxe, pero tamén como espazos de lecer e de entretemento. Queremos fomentar a lectura e aumentar o préstamo de libros, dvds e cds. Gustaríanos que as nenas e os nenos se divertiran escoitando contos e que os adultos e adultas participen nos nosos clubs de lectura.

A continuación presentamos algunhas das actividades e invitamos a todas as persoas a que nos visiten e leven fondos bibliográficos en préstamo. Levaremos a cabo contacontos, exposicións, mostras bibliográficas, escollas de libros, sopas de letras, etc. durante a semana anterior e posterior a esta data.

Biblioteca Central Rialeda. Perillo  

- Abecedario de sorpresas. Unha escolla de libros e películas para deixarse seducir por lecturas imprevistas. Cada letra do alfabeto lévanos a unha palabra ou a un concepto que nos pon sobre a pista do argumento, tema, idea en torno ao que xira a lectura que se propón.
Descubre historias inesperadas, asómbrate con relatos cos que non tiñas cita.

- Contacontos: 22 de outubro ás 18:30 h. “A noite da visita” con Soledad Felloza (para nenas e nenos a partir de 6 anos)

Biblioteca Pública Municipal "Rosalía de Castro". Santa Cruz

- Exposición “A visión das Bibliotecas no cine". Ao longo dos anos puido comprobarse que a visión das bibliotecas no cine é moi diferente se se trata de cine americano ou de español. Nas películas americanas as bibliotecas aparecen moito máis que na cinematografía española debido a que a/o cidadá/n americano, desde hai moito tempo, utiliza as bibliotecas como un servizo máis, pero tamén é importante ver que biblioteca presentan, como é o local, como é o persoal da biblioteca, etc. porque moitas veces non ten nada que ver coa realidade actual.

- Contacontos: 21 de outubro ás 18:30 h. “Dada o duende” con Eduvía (para nenas e nenos a partir de 6 anos)

Biblioteca Pública Municipal "Mª José Trincado". Mera

- Exposición “Próxima estación”. Libros para todas as idades que invitan a viaxar, a través das súas páxinas, a un lugar, sexa real ou imaxinario.

- Contacontos: 30 de outubro ás 18:30 h. “Contos para durmir cun ollo aberto” con Caxoto (para nenas e nenos a partir de 6 anos)

Biblioteca Pública Municipal "Mª José Ruso". Dorneda

- Exposición “Próxima estación”

- Contacontos: 19 de outubro ás 18:30 h. “Contos de outono” con Soledad Felloza (para nenas e nenos a partir de 3 a 5 anos)

Biblioteca Pública Municipal "Xograr Mendiño". Lorbé

- Exposición "As bibliotecas na literatura". Contos e historias de bibliotecas para todas as idades.

- Contacontos: 29 de outubro ás 18:30 h. “Cores” con Ramiro Neira (para nenas e nenos a partir de 6 anos)

Biblioteca Pública Municipal "Ánxel Fole". Nós

- Exposición "Bibliotecas cheas de libros e libros cheos de bibliotecas". Contos e historias de bibliotecas para todas as idades.

- Contacontos: 23 de outubro ás 18:30 h. "Eu quero" con Ramiro Neira (para nenas/os de 3 a 5 anos)

Biblioteca Pública Municipal "Manuel María". Oleiros

- Mostra "Novidades de Banda Deseñada". O máis recente tanto para público adulto como infantil.

- Contacontos: 20 de outubro ás 18:30 h. "O pirata e o boticario e outras historias de grandes autores" con Soledad Felloza (para nenas e nenos a partir de 6 anos).

#DíaDasBibliotecas #SempreAoTeuCarón #DíaDeLasBibliotecas #SiempreAtuLado

22/10/19

24 de outubro: Día da Biblioteca nas Bibliotecas Municipais de Oleiros

https://bamadgalicia.wordpress.com/2019/10/15/24-de-outubro-dia-da-biblioteca-2019
Desde o ano 1997, cada 24 de outubro, celébrase o Día da Biblioteca, en lembranza da destrución da Biblioteca de Sarajevo, incendiada en 1992 durante o conflito balcánico. Unha efeméride que busca resaltar a importancia que teñen as bibliotecas para a historia como resgardo da cultura e dos seus escritos, e como un instrumento de mellora da formación e a convivencia humana. A partir de este ano incorpórase o lema “Aptas para todos os públicos”.
Nas Bibliotecas Públicas Municipais de Oleiros, co obxectivo de divulgar a existencia deste día, desexamos mostrar os nosos centros como lugares de educación, formación e aprendizaxe, pero tamén de lecer e entretemento, e informar sobre os servizos que ofrecemos, animar a ler e que as nenas e os nenos se divirtan escoitando contos e/ou realizando sinxelos traballos manuais. A continuación presentamos algunhas actividades e invitamos a todas as persoas a que nos visiten, leven fondos bibliográficos (libros, DVD, CD, revistas) en préstamo ou que compartan unha reseña sobre un dos seus libros favoritos.
https://rbgalicia.xunta.gal/gl/actualidade/avisos/dia-da-biblioteca-2019
Biblioteca Central Rialeda. Perillo
- Abecedario de sorpresas
Unha escolla de libros e películas para deixarse seducir por lecturas imprevistas. Cada letra do alfabeto lévanos a unha palabra ou a un concepto que nos pon sobre a pista do argumento, tema, idea en torno ao que xira a lectura que se propón. Descubre historias inesperadas, asómbrate con relatos cos que non tiñas cita. "Abecedario de sorpresas", proponche unha.
- Deseño de bolsas/mochilas para lectoras/es: o 24 de outubro, ás 17:30, levarase a cabo este obradoiro a cargo d'O Faiado de Nin, dirixido a nenas e a nenos a partir de 6 anos.
https://www.amigosdellibro.com/DiaBiblioteca19
Biblioteca Pública Municipal Rosalía de Castro. Santa Cruz
- Deixando pegadas…
Cada día deixamos a nosa pegada na rúa, na casa, no parque, no colexio… por cada sitio que pasamos deixamos a nosa marca. “Hoxe é o teu día de sorte… deixa a túa pegada na biblioteca”. Na entrada da biblioteca  haberá dúas enormes letras, o B e o P, nas que con pintura de dedos poderás deixar a marca da túa man.
- Contos da nai selva: Historias tradicionais de América do Sur: o 23 de outubro, ás 18:30 horas, levarase a cabo esta sesión de contacontos a cargo da actriz Paula Carballeira, dirixido a nenas e nenos a partir de 4 anos.

Biblioteca Pública Municipal Mª José Trincado. Mera
- Obradoiro de decoración de marcapáxinas
Actividade dirixida ao público infantil que consiste na decoración de diferentes marcapáxinas conmemorativos do Día das Bibliotecas. Levarase a cabo na semana do 21 ao 25 de outubro.

Biblioteca Pública Municipal Xograr Mendiño. Lorbé
- Obradoiro de decoración de marcapáxinas
Actividade dirixida ao público infantil que consiste na decoración de diferentes marcapáxinas conmemorativos do Día das Bibliotecas. Levarase a cabo o 24 de outubro.
- Mostra bibliográfica “Bibliotecas para tod@s”
Mostra bibliográfica titulada “Bibliotecas para tod@s”, na que se expoñerán libros de adultas-os e infantís que falen ou teñan como escenario as bibliotecas e os libros.
https://rbgalicia.xunta.gal/gl/actualidade/avisos/dia-da-biblioteca-2019
- Obradoiro de debuxo e pintura para nenas-os
Actividade dirixida ao público infantil para pintar e ilustrar diversos debuxos con temas alusivos aos libros e ás bibliotecas. Levarase a cabo en toda a segunda quincena de outubro.

Biblioteca Pública Municipal Ánxel Fole. Nós
- A vida da biblioteca
Queremos mostrar o punto de referencia que é a nosa biblioteca como lugar de lecer, entretemento, estudo, aprendizaxe e encontro. Realizarase un centro de interese no que todos os materiais teñan como protagonista principal ou secundario a biblioteca e o libro. Efectuaranse marcapáxinas e debuxos alusivos a dita celebración.

Biblioteca Pública Municipal Mª José Ruso. Dorneda
- Os libros protagonistas
Exposición de libros do fondo de ficción infantil e do fondo de ficción de adultas-os que teñen como protagonista o libro, a lectura e a biblioteca.
- Canto sabes sobre as bibliotecas?
Pasatempos relacionados co mundo das bibliotecas. Actividade dirixida ao público infantil.

24/10/18

Soul e literatura, un paseo pola música negra para celebrar o Día da Biblioteca

http://www.oleiros.org/c/document_library/get_file?p_l_id=14092&folderId=122559&name=DLFE-28834.pdf
Lugar: Biblioteca Central Rialeda (Perillo)
Día: mércores 24 de outubro, ás 20 h.
Aforo limitado ata completar a capacidade da sala.
https://bamadgalicia.wordpress.com/2018/10/08/24-de-outubro-dia-da-biblioteca-2018 
A iniciativa de celebrar o Día da Biblioteca, xurdíu da Asociación Española de Amigos del Libro infantil y Juvenil en 1997. Desde entón, deuse a coñecer e recoñecer o labor das bibliotecas, os seus servizos, os seus recursos profesionais e agradecer o traballo das bibliotecarias e bibliotecarios. Para esta celebración foise sumando toda a sociedade e conta coa colaboración de numerosas institucións.
 
As Bibliotecas Municipais de Oleiros unénse a esta celebración e para elo contaremos co espectáculo musical e literario "Soul e literatura: un paseo pola música negra", un proxecto musical formado por Iria Mejuto (voz) e Richi Rozas (guitarra) que reinterpreta grandes éxitos da música negra a través dun coidado repertorio interpretado en directo, proporcionando unha relación entre música e literatura, intercalando lecturas de libros nos que a música está presente e agasallándonos cunha viaxe por algunhas das melodías do Soul. Poderemos escoitar temas como "What a Wonderful World" de Louis Amstrong, "Sitting on the Dock of the Bay" de Otis Redding, "Natural Woman" de Aretha Franklin ou "Human nature" de Michael Jackson
Desde a Biblioteca Central Rialeda invítase a todas as persoas que desexen asistir.

22/10/18

24 de outubro: Día da Biblioteca nas Bibliotecas Municipais de Oleiros

https://bamadgalicia.wordpress.com/2018/10/08/24-de-outubro-dia-da-biblioteca-2018
Cos obxectivos de divulgar a existencia do Día da Biblioteca, mostrar os nosos centros como lugares de lecer e informar sobre os servizos que ofrecemos, promovendo a relación entre música e literatura e animar a ler e gozar tanto da literatura como da música e que nenas e nenos se divirtan escoitando contos e realizando sinxelas manualidades, en Bibloleiros terán cabida unha serie de actividades que ofrecemos en cada un dos sete centros do Sistema.

Biblioteca Central Rialeda (Perillo)
- Mércores 24 de outubro ás 20:00, “Soul e literatura, un paseo pola música” por Black Galicia.
- Mércores 24 de outubro ás 17:30, “Club de lectura e tertulias literarias”. Comentarase o libro “Volver a casa” de Yaa Gyasi.
- Xoves 25 de outubro ás 18:30, Sesión de contacontos "Cabaliño Hop", a cargo de Soledad Felloza, para nenas e nenos de 1 a 3 anos.

Mostra bibliográfica: “Biblioteca Violeta” adicada a libros de temática feminista, no vestíbulo da biblioteca.

Biblioteca Pública Municipal "Rosalía de Castro" (Santa Cruz)
- Mércores 24 de outubro ás 18:30, contacontos cun pequeno obradoiro de ilustración "O branco non pinta”, con Antía Otero, autora do texto e María Brenn, ilustradora do mesmo. Dirixido a nenas e nenos a partir de 4 anos.

“Cantos máis da casa me leron”: A partir dunha serie de libros infantís, xuvenís e de adultas e adultos cunha lapela, na que quenes os lean escriban o seu nome. Esta actividade ten como finalidade acercar o fondo a novas usuarias e usuarios e futuras socias e socios. Dese xeito publicítase a biblioteca e promóvese a lectura dos seus fondos. Do 22 ao 31 de outubro.

“Arte e emoción: o álbum ilustrado na biblioteca”: O álbum ilustrado segue a ser considerado como material da sección infantil e xuvenil. Con esta mostra bibliográfica trataremos de achegar este tipo de lectura ao público mozo e adulto. Os álbums ilustrados están feitos para espertar a nosa curiosidade, facernos pensar, sentir emocións e sobre todo gozar das imaxes.
Presentamos unha mostra bibliográfica desde o 22 ao 31 de outubro.

Biblioteca Pública Municipal "Manuel María" (Oleiros)
- Martes 23 de outubro ás 18:30, contacontos “Velaivai” con Ramiro Neira, dirixido a nenas e nenos a partir de 3 anos.

“A biblioteca e o seu contido”, diversos pasatempos: encrucillados, sopas de letras… dispoñibles na biblioteca do 22 ao 29 de outubro.

“Exposición bibliográfica de novidades”

“Marcapáxinas conmemorativo”, coa finalidade de que as nenas e os nenos coloreen o seu e o leven para a casa. Dispoñibles na biblioteca do 22 ao 29 de outubro.

“Debuxos sobre a biblioteca”, que pasarán a forma parte da decoración da mesma. Do 22 ao 29 de outubro.

Biblioteca Pública Municipal "María José Ruso" (Dorneda)
- Luns 22 de outubro ás 18:30, contacontos “Lilí na escola” pola compañía Trinke Trinke. Para nenas e nenos a partir de 4 anos.

"Agasallo de libros" para as usuarias e usuarios que acudan á biblioteca o propio mércores 24 de outubro e retiren fondos en préstamo.

"Exposición bibliográfica de libros sobre bibliotecas, librerías e libros"

“Xogamos aos pasatempos”, do 22 ao 31 de outubro estarán dispoñibles na biblioteca pasatempos de temática vinculada ao Día da Biblioteca.

Biblioteca Pública Municipal "María José Trincado" (Mera)
- Venres 19 de outubro ás 18:30, contacontos “O berce das verbas” con Caxoto, para nenas e nenos de 1 a 3 anos.

"Marcapáxinas conmemorativo" do Día da Biblioteca para colorear. Estarán dispoñibles na biblioteca do 22 ao 26 de outubro.

Biblioteca Pública Municipal "Ánxel Fole" (Nós)
"Marcapáxinas conmemorativo" do Día da Biblioteca para colorear. Dispoñibles na biblioteca do 22 ao 26 de outubro.

"Debuxos sobre a biblioteca", para realizar na biblioteca ou na casa e despois decorar a biblioteca con eles.
Estarán dispoñibles na biblioteca do 22 ao 26 de outubro.

“Os nosos imprescindibles”: Exposición de libros“imprescindibles” da literatura galega, como por exemplo A Esmorga de Eduardo Blanco Amor, así como títulos actuais máis salientables. Realizarase do 22 ao 26 de outubro.

Biblioteca Pública Municipal "Xograr Mendiño" (Lorbé)
"Exposición de libros infantís de temática ou escenario principal as bibliotecas". De 22 a 26 de outubro.

"Marcapáxinas conmemorativo" do Día da Biblioteca para colorear. Estarán dispoñibles na biblioteca do 22 ao 26 de outubro.

24/10/17

Exquisiteces para celebrar o día da biblioteca, 24 de outubro

https://www.mecd.gob.es/cultura/areas/libro/mc/observatoriolect/redirige/destacados/2017/octubre/mundo-bibliotecas/dia-biblioteca-2017.html
A Biblioteca Central Rialeda presenta Exquisiteces para celebrar o 24 de outubro, día da biblioteca

24 propostas de lectura para satisfacer os gustos máis esixentes. Unha cata a cegas de literatura con vocación de deixar pegada. Ven e proba!

24/10/16

Sobres sorpresa, marionetas, contacontos, bebecontos e outras actividades para o Día da Biblioteca 2016

http://www.amigosdelibro.com/carteles-dia-biblioteca/item/1174-2016
O 24 de outubro é o Día da Biblioteca, para conmemorar esta data durante a semana levaranse a cabo unha serie de actividades en todas as bibliotecas municipais:

BIBLIOTECA CENTRAL RIALEDA. PERILLO

Libro de agasallo
Durante o día 24 de outubro todas as persoas que leven algún fondo bibliográfico (libro, DVD, CD, revista...) en préstamo daráselles un libro de agasallo.

Sobres sorpresa
A partir do luns 24 suxerimos unha “cita a cegas” con sobres-sorpresa que conteñen libros e películas ou libros e discos, baixo  títulos ficticios como “Bos e xenerosos”, “Que revolución!”, “Sen complexos”, “Un conto chinés”, “Aqueles marabillosos anos”, etc.
Queremos "xogar" coa curiosidade do lector ou lectora que leve o "sobre-sorpresa" en préstamo e contar coa súa complicidade.
Os distintos sobres contarán cun libro máis un DVD ou un libro máis un CD relacionados pola temática, argumento, lugares comúns, etc. Non o deberá abrir ata que chegue á casa.

Tertulias literarias
para mozos/as e adultos
Mércores 26 ás 17:30 horas: 1ª sesión para o grupo A na que se realizará unha actividade especial na que cada participante deberá tomar o rol dun/ha personaxe de novela, o resto de participantes terán que adiviñar quen se trata e a que obra pertence.

Bebecontos
para nenas e nenos de 1 a 4 anos
Xoves 27 ás 18:30 horas con Ramiro Neira, que contará o relato titulado “Pum!”. Imprescindible reservar praza no teléfono 981 639 511.


BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL "Mª JOSÉ RUSO". DORNEDA

"Efervesciencia" Biotecnólogos na biblioteca
para nenas e nenos de 5 a 10 anos
Luns 24 ás 18:30 horas. Actividade de divulgación científica. Imprescindible reservar praza no teléfono 981 626 638.

BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL ROSALÍA DE CASTRO. SANTA CRUZ

Teatro de marionetas "As tres raíñas magas"
para nenas e nenos de 5 a 10 anos
Mércores 26 ás 18:30 horas a cargo da compañía Trécola. Imprescindible reservar praza no teléfono 981 626 338.

A partir do luns 24 tamén se realizarán:

Cantos máis me leron
Leva un libro infantil, xuvenil ou de adultos para que sexan os/as teus amigos/as e familiares quenes os lean, animándoos dese xeito a que se acheguen á biblioteca e se fagan socios/as.

Dámosche unha frase… e ti creas unha historia
A través dunha frase tomada dun libro coñecido e que figurará no taboleiro de anuncios da biblioteca, tentaremos realizar unha pequena historia. Precisarase moita da túa imaxinación e observación. Este ano a frase tomaremola dunha obra de Agustín Fernández Paz, a xeito de homenaxe.

Nas demais bibliotecas levaranse a cabo:

Obradoiros de marcapáxinas
Cada usuario/a decorará un marcapáxinas ofrecido pola biblioteca, ou poderán elaborar os seus propios marcadores coa axuda dos libros de traballos manuais que hai nas bibliotecas.

Encrucillados e pasatempos
Atopa a palabra oculta e as diferentes cousas que se poden atopar ou facer na biblioteca.

Os teus debuxos
Todas as nenas e nenos que o desexen están invitados a realizar unha ilustración ou un debuxo sobre o último libro que leron.

Todas as actividades poderán consultalas na páxina web do Concello de Oleiros

21/10/15

Sobres sorpresa, obradoiros, contacontos, actuacións musicais e actividades para o Día da Biblioteca 2015


http://www.amigosdelibro.com/component/k2/item/313-dia-de-la-biblioteca-2014
Co obxectivo de conmemorar o Día da Biblioteca, as Bibliotecas Municipais de Oleiros realizarán diversas actividades de promoción da lectura desde o 21 ao 30 de outubro.

BIBLIOTECA CENTRAL RIALEDA. PERILLO
Sobres sorpresa
Suxerimos unha “cita a cegas” con libros e películas, baixo títulos ficticios como “N de nai”, “Toda unha vida...”, “Espelliño, espelliño...”, “A arte de amar” , etc. Queremos "xogar" coa curiosidade do lector ou lectora que leve o "sobre sorpresa" en préstamo e contar coa súa complicidade. Os distintos sobres contarán cun libro máis un DVD ou un libro máis un CD relacionados pola temática, argumento, lugares comúns, etc. Estes dous préstamos serán a maiores dos que cada persoa pode realizar habitualmente. Debido a que é un sobre sorpresa non o deberá abrir ata que chegue á casa. Comezarán a repartirse o día 21.

O xoves 22, ás 18:30 horas, a compañía Trinke Trinke contará “O coelliño branco” para nenas e nenos de 4 a 10 anos.

O xoves 29, ás 18:30 horas, Charo Pita realizará o contacontos para bebés titulado “Contopoemas”, dirixido a nenas e nenos de 1 a 4 anos. Imprescindible reservar praza no teléfono 981 639 511.

BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL XOGRAR MENDIÑO. LORBÉ

O xoves 22, ás 18:30 horas, Chío Couto Rendo realizará o obradoiro creativo denominado “Fotoconto” no que os participantes poderán crear un conto no que as fotografías serán as ilustracións do libro. Dirixido a nenas e nenos a partir de 4 anos. Imprescindible reservar praza no teléfono 981 618 201.

Actividade incluída no programa “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas de Galicia.


BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL Mª JOSÉ TRINCADO. MERA

O venres 23, ás 18:30 horas, Maumarela realizará o obradoiro denominado “Crea fósiles de dinosauro” no que os participantes poderán crear un fósil de dinosauro e coñecer algunhas curiosidades destes animais tan fascinantes. Dirixido a nenas e nenos a partir de 4 anos. Imprescindible reservar praza no teléfono 981 628 507.

Actividade incluída no programa “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas de Galicia.

BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL Mª JOSÉ RUSO. DORNEDA

O luns 26, ás 18:30 horas, Ramiro Neira realizará o contacontos para bebés titulado “Brummmmmm!” dirixido a nenas e nenos de 1 a 4 anos. 
Imprescindible reservar praza no teléfono 981 626 638.

BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL MANUEL MARÍA. OLEIROS

O martes 27, ás 18:30 horas, Magín Blanco realizará a actividade denominada “Libros en-cantados”. Cantar e contar as historias das viaxes de A nena e o grilo, da locomotora María Fumaça, da Rosalía pequeniña... e quen sabe se algunha outra sorpresa nos traerá este músico, que nos levará coas súas creacións a tantos lugares como queiramos.

Actividade incluída no programa “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas de Galicia.

BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL ROSALÍA DE CASTRO. SANTA CRUZ

O mércores 28, ás 18:30 horas, Paula Carballeira contará contos para adolescentes baixo o título “Os contos que non me contaron”. Dirixido a adolescentes de 10 a 12 anos. Poderán escoitar desde contos de intriga e misterio ata as máis románticas historias de amor.

BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL ÁNXEL FOLE. NÓS

O venres 30, ás 18:30 horas, a compañía Trinke Trinke contará “O coelliño branco” para nenas e nenos de 4 a 10 anos.

BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL FEDERICO GARCÍA LORCA. MONTROVE

Bibliotecas cheas de libros e libros cheos de bibliotecas.
Exposición de fondos bibliográficos especiais que falen das bibliotecas ou nos que algún personaxe sexa bibliotecario/a.

Ademais nas distintas bibliotecas realizaranse diversas actividades como:

Participación na campaña denominada “Viva la biblio” promovida polo “Observatorio de la Lectura y el Libro do Ministerio de Educación, Cultura y Deporte”. 
http://www.mecd.gob.es/cultura-mecd/areas-cultura/libro/mc/observatoriolect/redirige/destacados/2015/octubre-ok/Observatorio/Vivalabiblio-lanzamiento.htmlConsiste en que os/as participantes declaren o seu amor por algunha biblioteca e/ou bibliotecario/a a través de Twitter á conta @observalibro co hashtag #vivalabiblio.

Permítese enviar máis dunha mensaxe e no formato en que se desexe (texto, ilustración, foto, vídeo, etc.).

Os tuits poderán remitirse ata o 25 de outubro.

Obradoiro de marcapáxinas
Cada usuario/a decorará un marcapáxinas ofrecido pola biblioteca, ou poderán elaborar os seus propios marcadores coa axuda dos libros de traballos manuais que hai nas bibliotecas.
Encrucillado “A biblioteca e o seu contido"
Entregaremos pasatempos, (encrucillados, sopa de letras...) que deberán resolver para atopar nuns casos a palabra oculta e noutros as diferentes cousas que se poden atopar ou facer na biblioteca.

Os teus debuxos
Todas as nenas e nenos que o desexen están invitados a realizar unha ilustración ou un debuxo sobre o último libro que leron.

Todas as actividades poderán consultalas igualmente na páxina web do Concello de Oleiros.

23/10/14

Maxia, teatro, música, contacontos, sobres sorpresa e agasallos de libros de 20 a 24 de outubro para conmemorar o Día da Biblioteca

O 24 de outubro conmemórase o Día da Biblioteca, co obxectivo de difundir a existencia dun servizo público de proximidade á cidadanía que contribúe de xeito eficaz a promover a lectura e a facilitar o acceso á cultura, á información e ao coñecemento a todas as persoas.
Para conmemorar esta data, durante toda a semana, nas Bibliotecas Municipais de Oleiros levaranse a cabo unha serie de actividades de maxia, teatro, música, contacontos, sobres sorpresa e agasallos de libros.
 
BIBLIOTECA CENTRAL RIALEDA. PERILLO
Para nenas e nenos:
Día 23, ás 18:30 horas, “Contos ao revés” a cargo da Compañía Xanela ocio.
Queres divertirte con música, teatro e danza? Se tes máis de 6 anos participa nesta actividade de dinamización na que se mestura música, teatro e danza achégate á Biblioteca Rialeda en Perillo para ver o espectáculo “Contos ao revés” narrando historias onde as bruxas son boas e fomentando a igualdade e o respecto.
Actividade incluída no programa “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas de Galicia.
Para mozas/os e adultas/os: Día 22: Tertulia literaria e taller de lectura, co grupo B, para comentar a obra “Prisioneros en el paraíso” de Arto Paasilinna e entrega de “El estandarte” de Alexander Lernet-Holenia.
Día 24: Sobre sorpresa
Suxerimos unha “cita a cegas” con libros e películas, baixo  títulos ficticios como “A mordiscos”, “Onde a imaxinación te leve”, etc. Queremos "xogar" coa curiosidade do lector ou lectora que leve o "sobre sorpresa" en préstamo e contar coa súa complicidade. Os distintos sobres contarán cun libro máis un DVD relacionados pola temática, argumento, lugares comúns, etc.
Para todas/os:
Agasallo dun libro a todas as persoas que o día 24 leven fondos bibliográficos en préstamo.   
 
BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL Mª JOSÉ RUSO. DORNEDA
Días 20 e 24, ás 18:30 horas, “Bibliotecas animadas” a cargo de Gargallando.
Apetéceche participar nun obradoiro de creación de imaxes en movemento? Se tes entre 6 e

12 anos e se che gustaría participar nun obradoiro de creación de imaxes en movemento debes inscribirte na actividade “Bibliotecas animadas” na Biblioteca Municipal Mª José Ruso de Dorneda. Realizarase os días 20 e 24 de outubro, ás 18:30 horas. Un obradoiro onde se afondará nas propias capacidades creativas desde diferentes actividades relacionadas coa creación da imaxe en movemento a partir da imaxe fixa (coa técnica Stop Motion). Conectarase aos nenos e ás nenas co mundo do cinema, da fotografía, a literatura e as artes plásticas, (imprescindible reservar praza, tlf.: 981 626638).
Actividade incluída no programa “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas de Galicia.
Realiza o encrucillado “A biblioteca e o seu contido”: Entregaremos pasatempos, (encrucillados, sopa de letras...) que deberán resolver para atopar nuns casos a palabra oculta e noutros as diferentes cousas que se poden atopar ou facer na biblioteca.
 
BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL FEDERICO GARCÍA LORCA. MONTROVE
Día 21, ás 18:30 horas, “Lobo Bobo” a cargo da Compañía Elefante Elegante.
Que pasaría se o lobo da Carrapuchiña se fixese vexetariano? Se o desexas saber, asiste o 21 de outubro, ás 18:30 horas,  á Biblioteca Municipal Federico García Lorca de Montrove,
onde terá lugar a actividade de narración oral titulada “Lobo Bobo” dirixida a nenas e nenos de 3 a 10 anos. Que acontecería se a madrasta de Branca de Neve se convertese nun dos tres porquiños cada vez que se mira no espello? A resposta a estas e outras preguntas poderás descubrila en “Lobo Bobo”.
Actividade incluída no programa “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas de Galicia.
Bibliotecas cheas de libros e libros cheos de bibliotecas:
Exposición de fondos bibliográficos especiais que falen das bibliotecas ou nos que algún personaxe é bibliotecario/a.
Sorteo de libros ás persoas que ese día leven fondos bibliográficos en préstamo.


BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL MANUEL MARÍA. OLEIROS
Día 21, ás 18:30 horas, “O soño do rato” a cargo de Intres Teatro.
Queres coñecer a historia do rato César? Se tes máis de 3 anos, achégate o 21 de outubro, ás 18:30 horas, á Biblioteca Municipal Manuel María de Oleiros terá lugar a actividade de
narración oral “O soño do rato”. O Soño do rato conta a historia do rato César. O seu soño é viaxar no tren que transporta libros para a biblioteca. Unha historia onde a ilusión por coñecer será tan forte que vencerá os seus medos.
Actividade incluída no programa “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas de Galicia.
Realiza o encrucillado “A biblioteca e o seu contido”: Entregaremos pasatempos, (encrucillados, sopa de letras...) que deberán resolver para atopar nuns casos a palabra oculta e noutros as diferentes cousas que se poden atopar ou facer na biblioteca.
Os teus debuxos: Todas as nenas e nenos que o desexen están invitados a realizar unha ilustración ou un debuxo sobre o último libro que leron.
Elabora un cartel: Elaboración de carteis alusivos á celebración.


BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL ROSALÍA DE CASTRO. SANTA CRUZ
Día 22, ás 18:30 horas, Chrystyan Magic: “Na senda da serpe alada”.
Queres descubrir a maxia que se esconde nos libros? Levarase a cabo a actividade de maxia “Na senda da serpe alada” na que o mago Chrystyan Magic descubrirá a ilusión, a fantasía
que se esconde en todos os libros e na lectura só con deixar voar a imaxinación e poñer en práctica a súa creatividade. Cando a imaxinación camiña sobre as palabras, infinitas posibilidades se abren ante nós.
Actividade incluída no programa “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas de Galicia.
Os teus debuxos: As nenas e nenos que o desexen están convidados a realizar unha ilustración ou un debuxo sobre o último libro que leron.
Cal é a túa opinión sobre o último libro que liches: Aos mozos/as e adultos/as preguntarémoslle a súa opinión sobre o último libro que leron.
Sorteo de libros a todas as persoas que ese día leven fondos bibliográficos en préstamo.


BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL XOGRAR MENDIÑO. LORBÉ
Día 23, ás 18:30 horas,“Maxia versus Ciencia” a cargo da Compañía A Illa d@s nen@s.
É maxia ou é ciencia? Os nenos e as nenas maiores de 7 anos, poderán gozar co
espectáculo titulado “Maxia versus Ciencia” a cargo da Compañía A Illa d@s nen@s. Un proxecto para que gocen da maxia e a ciencia mesturando o coñecemento coa ilusión.  Unha científica reta a un mago con experimentos sobre: cores, astronomía, matemáticas, etc. que o mago irá complementando cos seus xogos de maxia.
Actividade incluída no programa “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas de Galicia.
Concurso de debuxos “Ti e a biblioteca”, dirixido a nenas e nenos de entre 3 e 12 anos. 
Obradoiro de marcapáxinas para usuarios/as de entre 3 a 14 anos.
Agasallo dun pin de Bibloleiros  a todas as persoas que ese día leven fondos bibliográficos en préstamo.


BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL ÁNXEL FOLE. NÓS
Día 24, ás 18:30 horas, “Contos viaxeiros” a cargo de Ramiro Neira.
Se tes máis de 3 anos e queres divertirte cos contos de Ramiro Neira, achégate, o día 24, á Biblioteca Municipal Ánxel Fole de Nós. Nesta actividade de narración oral contaranse os seguintes contos: “A formiga rebelde”, “O ruxido do león”, “O conto baleiro” e  “Un alto no camiño”.
Obradoiro de marcapáxinas: Cada usuario/a decorará un marcapáxinas ofrecido pola biblioteca. 
Exposición de marcapáxinas: Todos os marcapáxinas realizados no obradoiro serán expostos nos taboleiros da biblioteca.
 
BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL Mª JOSÉ TRINCADO. MERA
Obradoiro de marcapáxinas: As nenas e os nenos que o desexen están invitados a  pintar e decorar os marcapáxinas do Día da Biblioteca. Os máis creativos tamén poderán elaborar os seus propios marcadores coa axuda dos libros de manualidades que temos na biblioteca.
Exposición de marcapáxinas: Todos os marcapáxinas realizados no obradoiro serán expostos nos taboleiros da biblioteca.
Realiza o encrucillado “A biblioteca e o seu contido”: Entregaremos pasatempos, (encrucillados, sopa de letras...) que deberán resolver para atopar nuns casos a palabra oculta e noutros as diferentes cousas que se poden atopar ou facer na biblioteca.
 
Todas as actividades poderán consultalas na páxina web do Concello de Oleiros, na sección de bibliotecas, e tamén no blog das bibliotecas municipais.