Mostrando entradas con la etiqueta Encontros con escritores/as. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Encontros con escritores/as. Mostrar todas las entradas

3/4/25

Martes 8 de abril: Presentación dos poemarios "Inspiración tiene nombre de mujer" e "Del desamor también se aprende" de Miguel Rodríguez Rico

Teatro As Torres. Santa Cruz.
Martes 8 de abril ás 19:30 h.

Intervirán: Miguel Rodríguez Rico e Carmen Abella Rodríguez.

Recitarán poemas: Antón Vázquez Seoane, Eva Cotelo Pérez, Uxía Veira Parcero.

A obra Inspiración tiene nombre de mujer está formada por vinte poemas e un epílogo nos que trata os aspectos da busca, o desencontro e a aprendizaxe. A temática principal é o amor, pero tamén presenta outras circunstancias como a soidade, o fracaso e a esperanza.

O poemario Del desamor también se aprende aborda o tema do desamor. Un traballo de introspección e reflexión persoal, pero tamén de paixón e lamento. Unindo melancolía e nostalxia, agradecemento e aprendizaxe, entrelázase na arte de vivir e aprender.

Miguel Rodríguez Rico é estudante de xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela. Ten publicados catro libros: Claroscuro, Divagar, Del desamor también se aprende e Inspiración tiene nombre de mujer. Defínese como un apaixonado da literatura, destacando pola súa sensibilidade e capacidade para canalizar e plasmar as súas inquietudes de forma literaria.

Desde as bibliotecas municipais invítase a todas as persoas que desexen asistir, ata completar o aforo.

25/3/25

Martes 25 de marzo: Presentación da obra "Canto popular gallego" na edición comentada por Manuel Rico Verea

Teatro As Torres. Santa Cruz.
Martes 25 de marzo ás 19:30 h.

Intervirán: Manuel Rico Verea (autor da edición comentada), Rosa García Vilariño (profesora de Lingua e Literatura galegas)

O acto finalizará coa actuación das Pandeireteiras Seixebra, do Grupo de baile e gaitas Santaia.

Canto popular galego, de Luis María Fernández Espinosa é unha edición comentada que pretende rescatar a unha figura clave na historiografía dos cancioneiros galegos de tradición oral.

Manuel Rico Verea desempeñou a súa actividade docente en Madrid, no País Vasco e, a partir de 1978, en Galicia, onde se implica directamente no proceso de normalización da lingua galega. Este compromiso coa cultura propia lévao a desenvolver unha actividade de creación, investigación e publicación de obras sobre a lingua e a literatura galegas, así como sobre a música tradicional, atendendo á súa aplicación pedagóxica. É autor ou coautor de publicacións didácticas pioneiras como a Guía didáctica de preescolar Puff (1981), Cantares (1983) ou o nivel 4 de O noso galego, editado por Xerais. En formato libro, de contido musical, publica o Cancioneiro popular das terras do Tamarela, Imos canta-los nadais, Tantarantán, tarantán, tarantiña, Eu non canto por cantar, cancioneiro xeral, Heiche cantar un conto, cancioneiro infantil galego, Cantos de berce e Eu ben vin, virivín. Cancioneiro infantil para dicir, contar e cantar (Xerais, 2018). Así mesmo, é tradutor, coordinador de coleccións literarias e de suplementos culturais.

Formou parte do grupo musical A Quenlla e actualmente dirixe un taller experimental de música tradicional que publica varios documentos sonoros, entre os que destacan A pulguiña e o pulgón, Cantares, Arrolín, arrolán, Vente vindo, ven cantando e Cantos de berce tradicionais.

Pola súa actividade cultural na radio e na prensa, recibiu o Premio do Ministerio de Cultura ao mellor labor cultural continuado no ano 1985, o Premio do Ministerio de Cultura ao mellor programa radiofónico no ano 1987 e o Premio Xunta de Galicia de xornalismo polo mellor programa musical do ano 1989, que se emitiu en Radio Nacional de España en Galicia.

Desde as bibliotecas municipais invítase a todas as persoas que desexen asistir, ata completar o aforo.

10/2/25

Presentación de "En terra allea" de Pepe Carballude: 13 febreiro 2025

Teatro "As Torres". Santa Cruz.
Xoves 13 de febreiro ás 19 h.

Intervirán: o autor: Pepe Carballude; a profesora de Xeografía e Historia: Mª Concepción Castro Higelmo

"En terra allea" aborda o tema da migración e os dramas colaterais: explotación laboral, dificultades coa vivenda, problemas de convivencia, enganos, abusos…, mais tamén aparece xente boa que tenta poñerse na delicada situación do outro. As relacións humanas, as friccións e os consensos, a imposición e a tolerancia, as penas e os momentos felices, pesan moito no decorrer da trama, onde, ao final, triunfa o amor.

Un retrato real, traumático, dun feito que se pode ver acotío e unha chamada á solidariedade e á colaboración de todos.

Pepe Carballude é escritor, tradutor é licenciado en Filoloxía Clásica. Exerceu de profesor de latín no Instituto Neira Vilas. Aparte da súa traxectoria profesional na que destacan traducións de poetas latinos ou a obra A vida diaria dos romanos, ten un longo percorrido na literatura galega, con títulos como: O xílgaro pintor, Os gazafellos (Premio Barco de Vapor 1986), Mimos e máis mimos, Investigación 091, Andainas de Pedro Chosco, S.O.S, ¡Maldito DNI!, Paisaxe con fondo gris, Romaxe de desventuras, A fraga misteriosa, O deus desaparecido (Premio Barco de Vapor 1990), O talismán dos druídas, Miña avoa ten 13 anos, Xograres dun tempo novo, Andrea quere ser maior, De como o Santo dos Croques se fai peregrino (Premio Barco de Vapor 2002) e Marxinados, entre outros.

Desde as bibliotecas municipais invítase a todas as persoas que desexen asistir, ata completar o aforo.

2/10/24

Presentación de "Los secretos del árbol" de Bego Gayoso: 3 outubro 2024

Xoves 3 de outubro ás 19 h.

Intervirán: a autora: Bego Gayoso; a especialista en Pedagoxía Sistémica: Charo López Amor.

Los secretos del árbol é unha obra que indaga na historia da familia da autora. Todos os personaxes, lugares e acontecementos son reais, pero están narrados buscando que o lector se sinta identificado coa vivencia.

Bego Gayoso é economista e Máster en COMEX. Desenvolveu a súa carreira na empresa privada e na Xunta de Galicia durante unha década. A raíz da súa maternidade emprende un profundo proceso de transformación persoal, tras descubrir a psicoxenealoxía e o transxeneracional, que lle axudan a comprender moitos dos conflitos e repeticións que vivía na súa vida. Decide cursar un posgrado en Bioneuroemoción e fórmase en PNL e Life Coach para dedicarse de cheo a compartir os seus descubrimentos e reflexións, de forma pública, e axudar a outras mulleres a resolver os seus conflitos, exercendo como terapeuta e escritora desde hai dez anos.

Desde as bibliotecas municipais invítase a todas as persoas que desexen asistir, ata completar o aforo.

12/9/24

Presentación de "A tientas" de Paris Joel: 12 de setembro 2024

Teatro "As Torres". Santa Cruz
Xoves 12 de setembro ás 19 h.

Intervirán: o autor: Paris Joel; o escritor e profesor de lingua galega e literatura: Rubén Anido Regueiro.

O acto finalizará coa actuación do cantautor arxentino Luga Fernández, que interpretará unhas cancións.

A tientas é un achegamento lírico a todo o que transforma as nosas vidas. Temas como a morte, o amor, a angustia e a paisaxe son pilares que, dunha maneira ou doutra, guían as nosas vidas ata a transformación final.
Só a poesía ten o potencial suficiente para describir estes temas e deixar no lector ou lectora un pouso indeleble que pode enriquecer de forma diferente a cada persoa.

Paris Joel é poeta e cantautor. Desde hai máis de vinte cinco anos traballa como locutor e técnico de son da emisora municipal Radio Oleiros. Licenciado en Historia pola UNED, técnico especialista en operacións de imaxe e son pola Escola de Imaxe e Son da Coruña. Foi becado polo Conservatorio Superior de Música da Coruña.

Escribiu os poemarios Dictados para un salvamento emocional e La aldaba del verano, ademais do epílogo do libro Los cuerpos lejanos, do poeta, e pai de Ismael Serrano, Rodolfo Serrano. Realizou crónicas e críticas musicais para o xornal El Ideal Gallego.

Foi seleccionado, xunto a outros poetas, para publicar dous poemas na antoloxía da nova poesía contemporánea española da Asociación cultural Culturias de Avilés. Actualmente é o primeiro poeta de fóra de Asturias invitado a participar con dous poemas no primeiro tomo da colección Poetas del Paraíso, promovida pola Asociación Cultural Culturias de Avilés.

Como cantautor, actuou nas salas: Libertad 8 (Madrid), El Bardo Escaldao (Pamplona), ou os estudios Rosazul en Barcelona.

Foi o primeiro presidente da asociación de cantautores Viernes de Cantautar, recoñecida polo propio Silvio Rodríguez, e o seu nome figura en varios libros dedicados a este xénero como Mi vida entre canciones ou Volad canciones volad, do musicólogo Fernando González Lucini.

Desde as bibliotecas municipais invítase ás persoas que desexen asistir ata completar o aforo permitido para que gocen coa palabra e coa música.

23/7/24

Encontro coa escritora Bileysi Reyes: 23 xullo 2024

Teatro "As Torres" (Santa Cruz)
Martes 23 de xullo ás 18:00 h.

Intervirán: a escritora Bileysi Reyes e o xestor cultural Mon Rivas.

  • Breve panorama da literatura dominicana contemporánea.
  • A literatura a ollos de Bileysi Reyes.
  • Lectura de textos propios.

Bileysi Reyes (San Pedro de Macorís, 1993). É unha autora natural da República Dominicana, licenciada en Letras pola Universidade Autónoma de Santo Domingo (UASD). Pertence ao Obradoiro Literario Narradores de Santo Domingo e ao Obradoiro Literario César Vallejo. Foi gañadora do accésit no concurso de contos Juan Bosch TLNSD, 2018 e 1º posto en Conto da Feira Rexional do Libro e a Cultura Monte Plata 2019. Publicou o poemario Selva de palabras cortadas (2023) e textos seus aparecen en revistas como Scriptura, Awttar, Letras Salvajes e as antoloxías ‘Voces do Leste’, ‘Elas narran’, ‘Quinta dose’, entre outras. En 2023 foi convidada ao Festival Soria Expoesía (España) e desempéñase como coordinadora do Festival Internacional Semana da Poesía de Santo Domingo. Traballou na Feira Internacional do Libro de Santo Domingo como editora do programa xeral e como subcoordinadora do Pavillón de Poesía da FIL2023. No ámbito da edición é correctora de textos e traballou con editoriais tanto dominicanas como estranxeiras.

Desde as bibliotecas municipais invítase a todas as persoas que desexen asistir, ata completar o aforo.

26/11/18

27 de novembro: presentación de “Versos noctámbulos” de Ricardo Seixo no Teatro As Torres (Santa Cruz)

http://www.oleiros.org/c/document_library/get_file?p_l_id=14092&folderId=122559&name=DLFE-29001.pdf
Día: Martes 27 de novembro
Hora: 20:00
Lugar: Teatro As Torres (anexo á Biblioteca Municipal Rosalía de Castro de Santa Cruz)


No Teatro As Torres de Santa Cruz, o martes 27 de novembro, ás 20 horas, terá lugar a presentación do poemario “Versos noctámbulos” de Ricardo Seixo Fernández.
“Abracei a noite para bicar o amencer”.

Alternarán a presentación co recitado de poesías e finalizará con música do grupo Maraxe.
Ricardo Seixo é un mestre e poeta que entende a escritura como un compromiso vital coa realidade na que vive e co país ao que pertence. O autor di que “cre na poesía a faciana descuberta, en que é quen de emocionar e facer pensar, en que vai xurdindo das engurras das persoas. Unha poesía, en resumo, que dá azos para se erguer cada día coa idea de continuar a facer camiño”.
https://catalogo-rbgalicia.xunta.gal/cgi-bin/koha/opac-detail.pl?biblionumber=1474942
É presidente da Asociación de Veciños da Agra do Orzán. Unha das numerosas actividades que levan a cabo nesta asociación é a da recuperación do cancioneiro tradicional. Analizando as palabras utilizadas neste folclore elaborou un estudo sobre o galego popular na comarca da Coruña que presentou nalgunha ponencia ou comunicación. Unha das súas paixóns é o canto tradicional, polo que foi integrante de diversas formacións musicais como por exemplo: Verbas Xeitosas, Tombalobos Orquestra, Os Parabéns, etc. Tamén colabora con outras entidades como a Asociación Cultural Alexandre Bóveda ou coa Fundación Eira da Xoana.

"Versos noctámbulos" é un poemario composto por 47 textos que abranguen diversas temáticas: poesía cívico-social, costumistas, intimistas, de reivindicación feminina como recoñecemento da fortaleza das mulleres e da súa relevancia na sociedade galega etc. Todos estes poemas están acompañados dunha evocación da paisaxe e da natureza
Desde as bibliotecas municipais invítase a todas as persoas que desexen asistir a gozar coas poesías e as cancións.

15/10/18

15 de outubro, Día das Escritoras: presentación de “La aldea” de Silvia Salgado na Biblioteca de Santa Cruz

http://www.oleiros.org/c/document_library/get_file?p_l_id=14092&folderId=122559&name=DLFE-28794.pdf
http://tulipanesdefresa.com/al-otro-lado-de-la-pantallaDía: Luns 15 de outubro
Hora: 19:00

Lugar: Biblioteca Municipal Rosalía de Castro de Santa Cruz

O día 15 de outubro, Día das Escritoras, celebrarémolo coa presentación da última novela de Silvia Salgado, "La aldea" que conta a historia dunha aldea de China que tras sufrir un terrible terremoto hai que volver a construíla, a levantala. Como moitas veces pasa coas vidas, que teñen que renacer de novo tras quedar devastadas.
Silvia Salgado naceu en Badalona (Barcelona). Licenciouse en Ciencias Políticas pola Universidade Autónoma de Barcelona e máster en Xornalismo pola Universidade de Barcelona e a Columbia de Nova York. Os seus primeiros pasos profesionais dáos na radio (Onda Rambla Barcelona), pero a súa carreira laboral desenvolveuse nos Departamentos de Comunicación e Recursos Humanos dunha importante entidade financeira.
Nos últimos anos residiu en Bos Aires e tamén en Valdepeñas. É na cidade manchega onde aproveita a súa excedencia maternal para adicarse á súa verdadeira vocación: a escritura.
Na actualidade, reside en Oleiros, en Mera, concretamente.
Este libro é a segunda novela da autora, a primeira, “Mientras hilan las mariposas”, tamén presentada nesta biblioteca no ano 2016, foi moi ben acollida polo público.
Na presentación, estará acompañada por Pepe Taboada, profesora de lingua e literatura galega que leva máis de trinta anos adicada á docencia en diversos institutos de Galicia, quince deles no IES María Casares de Bastiagueiro.

Desde as bibliotecas municipais invitamos a todas as persoas que desexen asistir.

12/12/17

Presentación do libro de poesía ilustrada "A trazos" de María Míguez: venres 15 decembro na Biblioteca de Nós

http://www.oleiros.org/c/document_library/get_file?p_l_id=14092&folderId=122559&name=DLFE-27372.pdf
O venres 15 de decembro, ás 19 h. na Biblioteca Municipal Ánxel Fole de Nós terá lugar a presentación do libro de poesía ilustrada "A trazos" da artista e poeta María Míguez.

Intervirá a autora María Míguez e a editora Puri Sánchez.

"A trazos", publicado pola editorial Piediciones, é un  libro de poemas e ilustracións que van da man en todo momento. A letra e a imaxe unidas nun continuo diálogo que dá sentido á esencia deste poemario.
               

               Desde as bibliotecas municipais invítase a todas as persoas que desexen asistir!!!

6/11/17

9 novembro: Presentación do poemario "Dictados para un salvamento emocional" de Paris Joel no Teatro As Torres

http://www.oleiros.org/c/document_library/get_file?p_l_id=32371&folderId=122717&name=DLFE-27267.pdf
Teatro As Torres de Santa Cruz
Xoves 9 novembro, ás 20 h.
Entrada libre

Interveñen: Paris Joel, Joan Gonper (xerente da editorial Celya) e a poeta e licenciada en filoloxía hispánica Mª Isabel Andrés Llamero.
Contarase coa colaboración dos cantautores Bea “a de Estrella” e César de Centi.

Paris Joel é locutor e técnico de son, desde hai máis de vinte anos, da emisora municipal “Radio Oleiros”, é técnico especialista en operacións de imaxe e son pola Escola de Imaxe e Son de A Coruña e licenciado en historia pola UNED. É cantautor e foi becado polo Conservatorio Superior de Música de A Coruña.

A obra Dictados para un salvamento emocional, publicada pola editorial Celya, achéganos poemas cargados de sentimentos e emocións, tenrura e nostalxia, acompañados dun prólogo de Rodolfo Serrano.

19/10/17

19 outubro: Presentación do poemario "A elegancia do século" de Pura Tejelo no Teatro As Torres

http://www.oleiros.org/c/document_library/get_file?p_l_id=32371&folderId=122717&name=DLFE-27156.pdf
Xoves 19 outubro, ás 20 h.
Entrada libre

Interveñen: Pura Tejelo (autora) coa compañía da profesora de lingua e literatura galegas Rosa García Vilariño. Contarase coa colaboración da concertista de acordeón Sabela Caamaño.

A obra "A elegancia do século", publicada pola editorial Xerais, recibiu no ano 2016 o premio Johan Carballeira no que o xurado destacou a maneira en que a autora "explora o cotián dun xeito profundo e elaborado, empregando un repertorio de imaxes que con nitidez nos trasladan á anécdota ou situación que deu orixe á reflexión lírica".

4/4/17

6 abril 2017: Presentación poemario "Ollares" no Teatro As Torres

Ás 20 h.

Ricardo Seixo Fernández é un poeta que entende a escritura como un compromiso vital coa realidade na que vive e co país ao que pertence.

A presentación alternarase con recitado de poesías e finalizará con cancións.

Poderanse escoitar poesías intimistas e outras descritivas, unhas apaixonadas e outras ledas ou tristes. Toda unha mestura de textos coa pretensión de te acompañar.

15/2/17

A poeta Luisa Abad presenta o seu libro "Limaduras de prata" na Biblioteca de Santa Cruz

http://www.oleiros.org/c/document_library/get_file?p_l_id=14092&folderId=122559&name=DLFE-25522.pdf
Na Biblioteca Municipal Rosalía de Castro de Santa Cruz, o  xoves 16 de febreiro, ás 19 horas, terá lugar a presentación do poemario “Limaduras de prata” de Luisa Abad.
Un libro de poemas cargados de sentimentos e emocións.
Durante o tratamento dun linfoma, a autora foi tecendo unha serie de poemas sobre as experiencias e emocións que estaba a vivir.
Un libro solidario que pretende ser un espello no que se poidan mirar outras persoas que están a atravesar un trance similar.

Luisa Abad naceu na Coruña. Licenciouse en Pedagoxía pola Universidade de Barcelona.
Exerceu de mestra e profesora de Educación Infantil, Primaria e Secundaria durante corenta anos na Coruña, Barcelona e Vigo. Foi asesora de Formación Permanente de Educación Infantil e de Coeducación durante nove anos no Centro de Formación Continuada do Profesorado de Vigo. Posteriormente foi orientadora nos institutos Valentín Paz Andrade de Vigo e no Zalaeta da Coruña.
Unha vez xubilada, decide asistir a obradoiros literarios e de escritura con Dores Tembrás, Xavier Seoane, Yolanda Castaño e especialmente coa poeta Antía Otero, coa que leva traballando varios anos.
Este libro representa o segundo poemario da autora, o primeiro, “O punto de maduración”, tamén presentado nesta biblioteca no ano 2015, foi moi ben acollido  polo público.
Na presentación estará acompañada pola tamén poeta Antía Otero e ao final do acto, María José Pérez poñeralle música aos poemas recollidos no libro.
Todo o que se recaude coa súa venda vai ser destinado á Asociación Española contra o Cancro e os seus labores de investigación.
Invitamos a todas as persoas que desexen asistir!!!

1/12/16

“Mientras hilan las mariposas” de Silvia Salgado: presentación do libro na Biblioteca de Santa Cruz

 http://catalogo-rbgalicia.xunta.gal/cgi-bin/koha/opac-detail.pl?biblionumber=1226064&query_desc=ti%2Cwrdl%3A%20mientras%20hilan%20las%20mariposas
Día: Xoves 1 de decembro
Hora: 19:00
Lugar: Biblioteca Municipal Rosalía de Castro de Santa Cruz


Unha obra emocionante que retrata a alma feminina.
“A celebración do 40 aniversario de Isabel reúne en Londres a catro amigas da infancia, o que lles permite poñerse ao corrente das súas vidas. O seu reencontro pasa revista a moitas cousas: o peso da familia, o amor, o frenético ritmo de vida, a maternidade, o traballo. Son tan felices como cren? Un acontecemento inesperado na vida dunha delas, obrígaas a poñer o freo de man na súa rutina e a tomar decisións que definitivamente cambiarán as súas vidas”.
"Mientras hilan las mariposas" é unha novela deliciosa, moitas veces divertida, a intres dramática, que non poderás deixar de ler e que se quedará contigo para sempre.

Silvia Salgado naceu en Badalona (Barcelona), pero actualmente vive en Mera (Oleiros). 

Éhttps://www.facebook.com/Tulipanes-de-fresa-831115960312982/?ref=page_internal licenciada en Ciencias Políticas e da Administración pola Universitat Autònoma de Barcelona e Máster en Xornalismo pola Universitat de Barcelona e a Columbia University de Nova York.
Os seus primeiros pasos profesionais dáos en Onda Rambla Barcelona, pero a súa carreira laboral desenvólvese nos departamentos de Comunicación e Recursos Humanos dunha importante entidade financeira.
Nos últimos anos, residiu en Bos Aires e tamén en Valdepeñas. É na cidade manchega onde aproveita a súa excedencia maternal para retomar a súa verdadeira vocación: a escritura.
Impulsora do clube de lectura “Macondo”, impartiu obradoiros de escritura creativa.
En 2013 publica, xunto ao ilustrador Enrique Tortosa, o conto infantil: Cóntame un conto, ¡eu píntocho!
Ese mesmo ano inicia, cun éxito inesperado, a súa andadura pola blogosfera co blog “El tunel del hada”, que chegou a rexistrar máis de 100.000 visitas.
Na actualidade, bloguea con éxito en “Tulipanes de fresa”, onde cunha linguaxe moi particular que os seus seguidores xa identifican,  recomenda  as súas lecturas. Este blog recibe a día de hoxe máis de 4000 visitas mensuais.
"Mientras hilan las mariposas" é a súa primeira novela.

Invitamos a todas as persoas que desexen asistir!!!
   

26/4/16

27 abril 2016: Presentación do libro "Una casa en Amargura" de Elisa Vázquez de Gey

http://www.oleiros.org/c/document_library/get_file?p_l_id=65429&folderId=122559&name=DLFE-23466.pdf
Ás 19 h.

Encontro literario coa escritora Elisa Vázquez de Gey, que presentará o seu libro "Una casa en Amargura". Tamén intervirá a xornalista Cecilia Monllor.

"La Habana, 1882. Unha muller, convertida en escrava, loita por recuperar as súas raíces perdidas.
A moza Dulce emprende a busca das dúas fillas roubadas a Misterio, a súa serventa e antiga escrava, co obxectivo de levar a cabo a última vontade desta antes de morrer. "

Co fondo da Habana colonial, a obra achéganos ao sistema escravista, ás relacións sociais que del se desprenden e coñecer a introdución de galegos en condicións de escravos.

Entrada libre ata completar aforo.

7/3/16

Presentación dos 5 primeiros contos de Cancodrilo nas Torres de Santa Cruz: xoves 10 de marzo

 http://www.edicioneslinteo.com/galego/novedades.html
O xoves 10 de Marzo, ás 18:30 horas, no Teatro As Torres de Santa Cruz, Ediciones Linteo presenta a colección infantil Cancodrilo do autor galego Xabier López Mateos, con ilustracións de Javier Rey Feijoo e Silvia González Sánchez e que fascinará a nenos/as e adultos/as.
Cancodrilo é un animaliño humanizado e infantil. Semella un neno que quere aprender e enfrontarse ao mundo cotián. É inocente e sempre trata de descubrir algo novo. Nas súas historias acompáñano varios personaxes, entre eles destaca o seu mellor amigo Ourizopicón, Adela e Laura.
 
Os protagonistas son unha mestura de personaxes humanos e animais humanizados que conviven sen diferenzas aprendendo uns dos outros, descubrindo o mundo que lles rodea, moitas veces meténdose en problemas, aprendendo cousas novas e útiles. As veces teñen medo das cousas simplemente porque non as coñecen, e precisamente por iso, hai que darlles a oportunidade de descubrilas, deste xeito os-as nenos-as síntense identificados cos personaxes.
Os contos pretenden transmitir unha mensaxe aos-as máis pequenos-as, as historias teñen unha finalidade didáctica, educativa e divertida, de amizade así como de respecto. Estes valores intégranse e foméntanse nas series.

24/2/16

25 febreiro 2016: Presentación de "O soño de Xoán" de Farruco Graña en Santa Cruz


http://www.oleiros.org/c/document_library/get_file?p_l_id=65429&folderId=122559&name=DLFE-23456.pdf
Data e hora: xoves 25 de febreiro ás 19 h.

Farruco Graña é un escritor galego natural de Carballo, que actualmente reside en Ribadeo e traballa como profesor de filosofía nun instituto de Tapia de Casarego en Asturias.
No acto intervirán o autor e a profesora de lingua e literatura galegas Rosa García Vilariño.

"O soño de Xoán" é unha novela que trata sobre as peripecias de Xoán Lourido, un mozo ribadense afeccionado á astronomía, no Ribadeo do século XVII. O protagonista consegue unha copia do “Somnium” de Kepler e a partir dela, escribe a recreación dunha viaxe de ida e volta á Lúa desde o Monte de Santa Cruz. O seu interese pola astronomía acaba traéndolle problemas co Santo Oficio, xa que un inquisidor con orixes na zona pretende facer méritos ante outros colegas e as informacións que lle chegan con respecto a Xoán Lourido fan que lle bote o ollo para procesalo por bruxería e por ter lecturas contrarias á fe.