24/1/14

Recomendacións en Radioleiros: 24 de xaneiro

- Xuvenil (de 12 a 14 anos):

El clan de Atapuerca (La maldición del hombre jaguar). 1ª parte, de Álvaro Bermejo ; ilustracións de Álex Fernández Villanueva
Anaya

Os xacementos da Serra de Atapuerca son un enclave arqueolóxico fundamental da prehistoria europea. El clan de Atapuerca é a primeira novela que se escrebe en España sobre este importantísimo xacemento situado na provincia de Burgos.

Cada vez que os Ata (tamén chamados clan do Bisonte) se achegaban á terra cha dos cabalos, o oso cavernario saía ruxindo e cargaba contra eles. O xefe Karko decidiu que había que acabar con el. O mozo Kurtar espera que a caza do oso sexa a súa cacería da virilidade, o rito do paso que lle confería o estatus de adulto. Os Ata eran nómades e, nese camiñar, un día avistaron a estepa de cabalos. Cerca había un río, un bosque frondoso e unha serra chea de abrigos naturais. Acababan de chegar a Atapuerca, pero tiñan fame, e algúns pensaban que o non ter éxito nas campañas de caza era debido a unha maldición, por non desfacerse da pequena Arika no momento do seu nacemento. Arika nacera cunha perna deforme, era coxa, e había quen cría que iso podía traer mala sorte a todo o clan. O problema aumentou ao aparecer o “Home xaguar”, un talismán que todos querían posuír, incluído Tukul, o vello xamán...

É unha obra que nos presenta a catro adolescentes aos que lles vai cambiar a vida co paso á condición social de adultos; ou ao temible xamán, Tukul, fronte a Súa “a nai dos soños”.

Unha apaixonante novela que, ao mesmo tempo que nos divirte e nos engancha a súa lectura (xa que hai unha misteriosa morte), explícanos sobre a vida nesta época da prehistoria europea.

- Para moz@s e adult@s:

Instrucciones para una ola de calor, de Maggie O'Farrell
Salamandra

No verán de 1976, Londres sofre unha ola de calor. Como cada mañá, Robert Riordan, recentemente xubilado, sae a mercar o xornal, pero desta vez non regresa. Gretta, a súa muller, asustada, chama aos seus fillos que acoden para intentar saber o que sucedeu e para buscar ao pai. Así, imos coñecer algúns dos secretos familiares. Michael, o fillo máis vello é un profesor de historia que ten problemas coa súa muller e intenta salvar o seu matrimonio. A segunda, Mónica, non se leva ben coas fillas do seu segundo marido. E Aoife, a rebelde irmá menor, abandonou os estudos e marchou a vivir a Nova York. Entre todos intentan localizar ao pai, pero ningún deles sospeita que a nai sabe máis do que contou. Todo isto vai acontecendo insertos no medio dunha calor abafante.

A forma de escribir da autora consegue introducirnos no pensamento de cada un dos personaxes, totalmente cribles,  ao mesmo tempo que nos achega diversos lugares con gran precisión. Preséntanos uns personaxes moi ben creados, nunha relación familiar e amorosa rodeada de misterio e suspense pola desaparición do pai. Unha historia que nos fai reflexionar sobre os segredos que garda cada familia, así como sobre os celos que hai entre os irmáns, os malos entendidos, etc. Escrita en forma de thriller, estamos ante unha novela entretida e que se le con facilidade.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

21/1/14

100 anos de "Platero y yo" (vol. 2)

http://www.pinterest.com/bibloleiros/100-anos-de-platero-y-yo-vol-2/
"Platero é pequeno, peludo, suave; tan dondo por fóra, que se diría de algodón todo el, que non leva osos. Só os espellos de azibeche dos seus ollos son duros tal que dous escaravellos de cristal preto. Deixoo ceibe, e vaise ó prado, e acariña tépidamente, co seu fuciño, rozándoas tenramente, as floriñas rosas, celestes e amarelas..."
Así comeza o "Platero e máis eu", versión galega de
Manuel Beiras (Eubensei) do "Platero y yo",  que cumpre 100 anos este 2014. Nesta pequena exposición na sala infantil da Biblioteca Central Rialeda podes ver este, e outros plateros que temos para ti. Tamén libros de versos escollidos para que goces coa poesía do escritor de Moguer
Esta exposición completarase cunha outra titulada "Burriños e outras mascotas" que poderás ver dentro de pouco.

Tertulia literaria en Rialeda: 22 de xaneiro (Grupo A)

Na Biblioteca Central Rialeda (Casiña de actividades)
Hora: 17,30 a 19,30 h.

Comentario de "Claus y Lucas" de Agota Kristof.
Documentación
Obras de Agota Kristof nas nosas bibliotecas

A seguinte obra programada é "Dos arquivos do trasno" de Rafael Dieste