- Infantil (nenas-os de 6 a 8 anos):
"Super Patata", guión e debuxos de Artur Laperla. Editado por Bang.
O doutor Malévolo converteu a Supermax, o defensor da xustiza, nunha pataca e ameaza con seguir transformando en tubérculo a todos os que lle leven a contraria. Co que non contaba é que Supermax non é unha pataca calquera. Unha mestura da banda deseñada clásica e a futurista, con cores moi marcadas. Aposta da editorial barcelonesa Bang por unha serie de banda deseñada para nenas e nenos de máis de seis anos.
- Mozas-os e adultas-os:
"Colmeiro por si mesmo" de Xosé Antón Castro e Carlos G. Reigosa. En Xerais.
Tres conversas co artista a finais da década de 1980 por Xosé Antón Castro e Carlos G. Reigosa dan as claves para entender a vida e obra dunha das figuras da renovación da arte galega xunto con Maside, Laxeiro, Torres e outros. Unha fusión da tradición coas vangardas
nun libro apoiado cunha antoloxía das súas obras e un apéndice fotográfico.
A Biblioteca Municipal Rosalía de Castro de Santa Cruz, a Biblioteca Central Rialeda de Perillo e a Biblioteca Municipal Mª José Ruso de Dorneda adican senllas exposicións bibliográficas ao escritor Eduardo Mendoza, galardonado co Premio Cervantes 2016, outorgado polo Ministerio de Educación, Cultura y Deporte.
Eduardo Mendoza (Barcelona, 1943) iniciou a súa carreira literaria en 1975, coa publicación de “La verdad sobre el caso Savolta”, que recibiu o Premio da Crítica. Desde entón publicou 15 novelas, dous libros de relatos, dúas obras de teatro e catro ensaios. O xurado, segundo recolle a acta, outorgoulle o premio, porque, "coa publicación da súa primeira novela inaugura unha nova etapa da narrativa española na que se devolveu ao lector o goce polo relato e o interese pola historia que se conta, que mantivo ao longo da súa brillante
carreira como novelista".
A súa consagración chegou en 1986 con “La ciudad de los prodigios”, unha novela que mostra a evolución social e urbana de Barcelona entre as exposicións universais de 1988 e 1929.
Sen esquecernos do simpático extraterrestre que pasea polas Ramblas barcelonesas de "Sin noticias de Gurb". O flamante premio Cervantes é un amante declarado das historias para teatro e cine.
Parabéns Eduardo!!!