15/7/11

Recomendacións en Radioleiros: 15 de xullo

- Para nenos e nenas a partires de 6 anos:




Editado por OQO
Fermosa obra, cunhas ilustracións que nos lembran a África, que nos fala como vive unha nena de Guinea Bissau. Está enferma e vai ao hospital, pero dende que a trata o doutor Vieira xa non ten medo. Estamos no Entroido e busca como disfrazarse. Marcha cos seus curmáns á festa e baila todo o tempo....Trata o problema do SIDA na poboación infantil de Guinea Bissau e a ilustradora ademais de utilizar cores vivas, debuxa personaxes de aparencia forte e saudable para incidir na mensaxe positiva e esperanzadora do relato que transmite a capacidade de seren felices destes pequenos, a pesar da pobreza económica e a enfermidade.


Este libro, dende unha perspectiva solidaria, pretende contribuír á educación en valores e invita á colaboración para mellorar as condicións da poboación infantil máis desfavorecida. Unha obra optimista e que transmite esperanza, representada polo médico e polo anacardio como protección e esperanza na curación.Recomendámolo para nenos e nenas a partir de 6 anos.


- Para mozos/as e adultos/as:



Editado por Seix Barral
Antonia, a protagonista da novela, con só 26 anos e sola no Madrid dos anos 80, ten que coidar do seu fillo de 4 anos ao mesmo tempo que debe abrirse paso na vida. Foi nai aos 21, pero rompeu coa súa parella. Ela é unha guionista de radio e de televisión que está empezando e que pouco a pouco irá destacando. Vainos contando aspectos da súa vida, xunto cos do seu fillo e diranos como parece que é o fillo o que a vai guiando en moitos momentos nos que se sente perdida.


É unha novela intimista sobre as vivencias, pensamentos e desexos dunha muller nova, que reflexiona sobre a soidade e o amor, pero escrita anos máis tarde cando o seu fillo xa é case un home, recordos de mocidade mesturados con lembranzas da infancia.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.