
Aínda podes contemplar, na
Biblioteca Central Rialeda, a expo bibliográfica sobre Emilia Pardo Bazán para celebrar o
8 de marzo,
Día da Muller. A mostra bibliográfica
A luz na batalla, baseándonos no lema en latín
De bellum luce que ela adoptara e utilizara encabezando o seu papel de cartas e que é toda unha declaración de principios da loita por defender a súa liberdade individual, está dedicada á escritora
Emilia Pardo Bazán, con novelas, artigos xornalísticos, ensaios e biografías sobre a autora de "La Tribuna". Tamén tes á túa disposición a serie de televisión homónima inspirada na novela
"Los pazos de Ulloa" e o audiolibro
"Aire y otros relatos" con seis das súas narracións cortas.
En 2021 cúmprese o centenario da morte da autora coruñesa.Emilia Pardo Bazán, filla única dunha familia aristocrática, nace na Coruña no ano 1852 e morre en Madrid en 1921. Para o seu tempo recibiu unha coidadosa educación e desde moi nena amosou unha gran afección pola lectura. As circunstancias políticas do pai -deputado liberal- levan a familia a pasar tempadas en Francia e a viaxar por Europa. Así,
dona Emilia coñecía e falaba francés, inglés e alemán e ademais foi pioneira, con grande escándalo na sociedade da súa época, da divulgación e defensa do estilo naturalista coa publicación do seu ensaio
La cuestión palpitante. Como persoa independente, separouse do seu home e mantivo un longo romance con
Benito Pérez Galdós, vai ser precursora de ideas feministas e valente defensora da educación para a muller. Por iso sempre atopou obstáculos para lograr o recoñecemento dos ambientes intelectuais. A escritora mantivo interesantes e acedas polémicas con Unamuno, Pereda, Juan Valera, Clarín e Manuel Murguía. Curros Enríquez sitúaa no vagón da envexa na súa obra O divino sainete, pola fría acollida que dona Emilia prestou ao Rexurdimento. E por último, a Real Academia Española negoulle os votos necesarios para pertencer a esta institución xuntamente con Gertrudis Gómez de Avellaneda. A súa achega á literatura española pasa por obras imprescindibles como
"Los pazos de Ulloa",
"La madre naturaleza",
"De mi tierra",
"Morriña" e contos de toda tipoloxía e de gran factura que a consagran como excelente narradora. Emilia Pardo Bazán casou e gozou os veráns no pazo de Meirás creando nel unha importante e ampla biblioteca.
No
municipio de Oleiros contamos co
Castelo de Santa Cruz que mercou o seu home en poxa pública. Foi restaurado pola familia que o vai converter na súa nova residencia de verán. Máis tarde quedaralle en herdo á súa filla Blanca Quiroga que o doará, en 1939, á arma de cabalaría co fin de que se dedique a casa de colonias das-os orfas-os de guerra. Ata 1978 albergou no verán orfas-os do exército, para despois desta data quedar abandonado. En 1989 foi mercado polo Concello de Oleiros para que toda a cidadanía puidese gozar deste lugar emblemático e se convertese nun centro de referencia na educación ambiental en Galicia, que é ao que se dedica desde 2001:
Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA). Foi declarado Ben de Interese Cultural. O seu grande interese histórico, xunto coa súa beleza natural e paisaxística, fan deste lugar unha paraxe extraordinaria.
As
Bibliotecas Municipais de Oleiros dedicámoslle a Emilia Pardo Bazán, xunto a Sofía Casanova, Juana de Vega e María Casares, o
Roteiro Cultural e Literario 2012. Estes percorridos dan a coñecer e divulgar a vida e obra de persoas especialmente vinculadas co noso concello.