Mostrando entradas con la etiqueta Premios e Recoñecementos. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Premios e Recoñecementos. Mostrar todas las entradas

10/8/23

Premios María Moliner de Fomento da Lectura 2023


Un ano máis, o proxecto de fomento da lectura presentado polas Bibliotecas Municipais de Oleiros, denominado “Mergúllate na lectura”, foi seleccionado pola Comisión de Valoración da XXIII Campaña de animación a la lectura María Moliner convocada polo Ministerio de Cultura en colaboración coa FEMP.

O proxecto titúlase “Mergúllate na lectura” e nel describíronse as actividades de promoción da lectura e de extensión cultural planificadas pola Biblioteca Central Rialeda, que se levaron a cabo entre os meses de marzo de 2022 a marzo de 2023. Entre todas, podemos destacar as da Hora do conto, recitais de poesía, os talleres de banda deseñada, obradoiros de ilustración, a campaña de promoción da lectura dirixida ao alumnado dos centros de ensino, as charlas de divulgación científica Ler para saber, as recomendacións de libros en Radioleiros, a entrega de premios ás socias e socios máis lectores das bibliotecas municipais, encontros con escritores/as e presentacións de libros, roteiros literarios, conmemoración de datas significativas (Día de Rosalía de Castro, Día da Muller, Día da Poesía, Día do Libro Infantil e Xuvenil, Día do Libro, Día das Letras Galegas, Día das Bibliotecas, o Nadal), clubs de lectura e Tertulias literarias, roteiros literarios, exposicións bibliográficas, etc.

Entre os 557 proxectos presentados por bibliotecas de municipios con menos de 50.000 habitantes de todo o Estado Español, seleccionaron 370 nos que se recoñecen as mellores iniciativas de promoción lectora a nivel de todo o Estado. Nesta selección figuran 15 bibliotecas de Galicia entre as que está Oleiros. Hai que ter en conta que a Comisión prioriza especialmente as actividades realizadas en municipios de menos de 25.000 habitantes, ás que lles dá máis puntos, para apoiar as zonas máis despoboadas, pero a pesar de isto, Oleiros, que conta con máis de 36.000 habitantes, saíu seleccionado.

O premio consiste en 2.772,22 € que se destinarán á adquisición de libros para as bibliotecas municipais, en función das súas necesidades, e para completar os seus fondos bibliográficos en beneficio de todos os veciños e veciñas do municipio.

Grazas por participar nas nosas actividades, grazas por facer biblioteca!!

 



27/10/22

Parabéns, Marilar!!!

Marilar Aleixandre foi recoñecida co Premio Nacional de Narrativa 2022 do Ministerio de Cultura y Deporte por "As malas mulleres".
Narradora, poeta, tradutora, Marilar Aleixandre usa o galego como lingua literaria e afirma que ten a lingua partida, pero que non todos os bichos con lingua bífida son perversos. En canto aos libros, di que no fondo son mensaxes escritas con tinta, chuspe ou sangue que guindamos ao baleiro coa esperanza de que alguén os reciba. Afeccionada a recoller palabras descarreiradas, gárdaas entre as liñas de relatos ou poemas. Desde 2017 na Real Academia Galega, cun discurso sobre Voces termando da paisaxe galega. Vive en Santiago de Compostela onde escribe e investiga na argumentación e Didáctica da Bioloxía. Algúns temas recorrentes nos seus libros son as traizóns, sobre todo as traizóns a un mesmo, a unha mesma e as tortuosas relacións familiares. Fonte: marilar.gal
 
O libro galardonado foi suxestión no programa Recomendacións en Radioleiros que podes escoitar nesta ligazón. Outros títulos que ofrecimos ás-aos nosas-os lectoras-es a través de Radioleiros foron "A filla do Minotauro", "Catro Cascarolos", "A Cabeza de Medusa" e "O coitelo en novembro", novela comentada nas Tertulias Literarias da Biblioteca Central Rialeda (Perillo). Nesta biblioteca podes visitar dúas exposicións adicadas a ela, unha coa súa obra dirixida ao público adulto e outra cos seus títulos para as-os lectoras-es infantís-xuvenís.
Clica na ligazón e comproba a dispoñibilidade das obras de Marilar Aleixandre nas bibliotecas de Oleiros. 
Parabéns, Marilar!!!

14/7/22

As bibliotecas de Oleiros, premiadas novamente nos María Moliner

Un ano máis, o proxecto presentado polas Bibliotecas Municipais de Oleiros foi seleccionado pola Comisión de Valoración do "Concurso de Animación a la lectura María Moliner" do Ministerio de Cultura y Deporte en colaboración coa FEMP, neste caso, como beneficiarias dunha subvención en metálico de 2777'77€ destinada á compra de libros.

O proxecto titúlase "Oleiros, un escenario literario" e nel descríbense as actividades de fomento da lectura levadas a cabo desde setembro de 2021 a marzo de 2022.

Seleccionaron 370 proxectos promovidos por bibliotecas de municipios con menos de 50.000 habitantes nos que se recoñecen as mellores iniciativas de promoción lectora a nivel de todo o Estado. De Galicia seleccionaron as seguintes bibliotecas:
- Biblioteca de O Grove
- Biblioteca de Verín
- Biblioteca de Ares
- Biblioteca de Campo Lameiro
- Biblioteca de Esgos
- Biblioteca de Mañón
- Biblioteca de Oleiros
- Biblioteca de Ortigueira
- Biblioteca de Pazos de Borbén
- Biblioteca de Pereiro de Aguiar
- Biblioteca de Ribadavia
- Biblioteca de Sober
- Biblioteca de Soutomaior

Esta subvención destinarase á adquisición de libros para as bibliotecas municipais, en función das súas necesidades, e para completar os seus fondos bibliográficos en beneficio de todas as veciñas e veciños do municipio.

Grazas por participar nas nosas actividades, grazas por facer biblioteca!

12/11/21

Cristina Peri Rossi, Premio Cervantes 2021. Parabéns!!!

O venres 12 de novembro, Cristina Peri Rossi cumprirá 80 anos. Esta semana foi a terceira voz uruguaia en recibir o Premio Cervantes de Literatura, despois de Juan Carlos Onetti (1980) e Ida Vitale (2018).
Naceu en Montevideo en 1941, e conta que foi “rara” desde cativa. Gustáballe gabear polas árbores e quería ser escritora. Lía e escoitaba Tristán e Isolda ou algunha canción de Mina, a diva italiana. Usaba pantalóns no canto de saias.
O xurado do Premio de Literatura en lingua Castelá Miguel de Cervantes propuxo a Cristina Peri Rossi para ser galardoada co Premio Cervantes 2021 concedido polo Ministerio de Cultura y Deporte.
O premio outorgado a Peri Rossi “recoñece nela a traxectoria dunha das grandes vocacións literarias do noso tempo e o alcance dunha escritora capaz de plasmar o seu talento nunha pluralidade de xéneros. A literatura de Cristina Peri Rossi é un exercicio constante de exploración e crítica, sen fuxir do valor da palabra como expresión dun compromiso con temas claves da conversación contemporánea como a condición da muller e a sexualidade. Así mesmo, a súa obra, ponte entre Iberoamérica e España, quedará como lembranza perpetua do exilio e as traxedias políticas do século XX”.
Ofrecémosche os títulos dispoñibles de Peri Rossi na Biblioteca Central Rialeda (Perillo): "La nave de los locos", "El amor es una droga dura", "Playstation", e "Moderato cantabile" de Marguerite Duras, cuxo limiar é da autoría da escritora uruguaia.

Parabéns, Cristina!!!

Fontes: ladiaria.com.uy e culturaydeporte.gob.es

3/11/21

José María Merino, Premio Nacional de las Letras Españolas 2021. Parabéns!

O escritor José María Merino foi galardoado co Premio Nacional de las Letras Españolas 2021 do Ministerio de Cultura y Deporte. Este galardón ten por obxecto recoñecer o conxunto da obra literaria dunha autora ou autor español, escrita en calquera das linguas españolas, cuxa obra estea considerada como parte integrante do conxunto da literatura española actual. A finalidade que se pretende coa súa concesión é dobre xa que á vez que se recoñece a trascendencia dunha autora-autor e da súa obra literaria, incídese na presencia de linguas diferentes na configuración da cultura española, integrada por una pluralidade de
aportacións lingüísticas que representan, cada una delas, unha tradición literaria que forma parte do noso patrimonio cultural. 
O xurado recoñeceu a José María Merino 
"pola súa mestría e excelencia na creación de literatura fantástica nas modalidades narrativas de novela, novela curta, conto e microrrelato, e tamén pola intelixencia das súas reflexións teóricas sobra a ficción. José María Merino é todo un referente para as sucesivas xeracións”.

As Bibliotecas Municipais de Oleiros queremos felicitar ao escritor nacido en A Coruña e ofrecer as súas obras para seren levadas en préstamo. Na Biblioteca Central Rialeda (Perillo) e na Biblioteca Municipal Rosalía de Castro (Santa Cruz) podes gozar de senllas exposicións bibliográficas para coñecer a súa produción literaria presente en Bibloleiros. Parabéns, José María!!!


21/11/20

As bibliotecas de Oleiros, premiadas nos María Moliner!!!

Un ano máis, o proxecto presentado polas Bibliotecas Municipais de Oleiros foi seleccionado pola Comisión de Valoración da XX Campaña María Moliner do Ministerio de Cultura y Deporte en colaboración coa FEMP, neste caso, como beneficiarias dunha subvención en metálico de 2.000 € destinada á compra de libros.

O proxecto titúlase “Viaxando coa lectura”, en alusión á esta época na que non se poden facer moitos viaxes reais, pero si coa lectura e coa imaxinación. Nel descríbense as actividades de promoción da lectura e de extensión cultural planificadas pola Biblioteca Central Rialeda para o ano 2020 e que se puideron levar a cabo.

Seleccionaron 310 proxectos promovidos por bibliotecas de municipios con menos de 50.000 habitantes nos que se recoñecen as mellores iniciativas de promoción lectora a nivel de todo o Estado.

Esta subvención destinarase á adquisición de libros para as bibliotecas municipais, en función das súas necesidades, e para completar os seus fondos bibliográficos en beneficio de todos os veciños e veciñas do municipio.

Grazas por participar nas nosas actividades, grazas por facer biblioteca!!!

 

24/10/19

A Biblioteca Central Rialeda, finalista no II Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia 2019

https://rbgalicia.xunta.gal/es/ii-premio-la-innovacion-bibliotecaria-de-galicia
A comisión de valoración do II Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia convocado pola Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia estableceu a concesión do 2º lugar "ex aequo" para os proxectos finalistas: 

- "Obradoiros e actividades infantís para a inclusión social" da Biblioteca Central Rialeda do
Concello de Oleiros

- "Achega: a biblioteca como espazo inclusivo para persoas con diversidade funcional" da Biblioteca Municipal Fórum Metropolitano do Concello da Coruña.

O Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia 2019 foi concedido ao proxecto "Mapa literario de Vigo" da Biblioteca Pública Municipal Neira Vilas do Concello de Vigo.

O proxecto presentado pola Biblioteca Central Rialeda consistíu nunha serie de obradoiros dirixidos a nenas e nenos de 8 a 12 anos con diversidade funcional e problemas sociais, co obxectivo da súa integración con outras nenas e nenos.
A través destas actividades promocionanse mecanismos de participación e inclusión social para persoas que pertenzan a colectivos en situación de desvantaxe.


Para a súa realización contouse coa colaboración dos centros de ensino público que difunden a información entre o seu alumnado e da Asociación Participa para la Inclusión Social que aporta o monitorado especializado.

16/11/18

Maryse Condé, Premio Nobel alternativo de Literatura 2018

https://youtu.be/hAb8RyzR9uo
O Premio Nobel Alternativo de Literatura chégalle á narradora guadalupeña Maryse Condé (Pointe-à-Pitre, 1937) aos 81 anos. Tras varias semanas de campaña, durante as que un xurado de expertos da autodenominada “Nova Academia Sueca” deliberou e emitíu os seus votos, Condé alzóuse o pasado 18 de outubro co  prestixioso galardón. Na final, a obra narrativa da escritora antillana medíuse coas do inglés Neil Gaiman, a vietnamita Kim Thúy e o xaponés Haruki Murakami.
A orixe deste Premio alternativo remóntase ao pasado mes de maio, cando a Academia Sueca fixo pública a súa decisión de non entregar en 2018 o Nobel de Literatura, considerado o  galardón de Literatura máis importante do mundo. Tras estalar unha serie de denuncias por acoso e abusos sexuais contra un fotógrafo, parella dunha académica sueca, oito membros da institución expresaron a súa condena e indignación formalizando as súas dimisións. O xurado quedou así disolto e a Academia Sueca, fóra de xogo polo escándalo, non puido se non suspender a entrega do premio na súa presente edición.
Ante isto, un colectivo de intelectuais e libreiros suecos constituíu provisionalmente a “Nova Academia”, nacida coa vontade de encher ese baleiro circunstancial na historia do Nobel literario. Está previsto que se disolva tras a cerimonia de entrega do Nobel alternativo de Literatura a Maryse Condé, que se celebrará en Estocolmo no mes de decembro. Podes consultar no noso catálogo a bibliografía de Maryse Condé e d@s finalistas nas Bibliotecas de Oleiros e na Rede de Bibliotecas de Galicia.
                                                                         Parabéns, Maryse!!!
Fonte: ctxt.es

12/11/18

Exposición bibliográfica adicada a Emma Pedreira

http://www.crtvg.es/informativos/entrevista-emma-pedreira-ganadora-do-premio-xerais-de-novela-3940504
http://praza.gal/cultura/17800/emma-pedreira-lquerennos-perfectas-silentes-e-activas-pero-corpo-e-mente-non-poden-nin-deben-saltar-o-proceso-de-curacionr/A escritora Emma Pedreira foi galardoada co Premio Xerais de Novela 2018 por "Besta do seu sangue"

Coruñesa do 78, licenciada en Filoloxía Hispánica e activista de A Sega, autodefínese como "poetisa, dramaturguesa, narratriz. Axitadora cultural da súa casa e parte do rechán. Doutora cum laude en cueiros, purés e biberóns e a dúas mans. Especialista en contos nouturnos para baixar febres. Coordinadora dos Clubes de Lectura e de Escrita de canta causa se ten presentado. Colaboradora de quen se deixou".

En "Besta do seu sangue" indaga na vida e na psique de Manuel Blanco Romasanta, quen foi, que se saiba, o primeiro asasino en serie galego. A autora gañou tamén o Fiz Vergara Vilariño con "As voces ágrafas", aínda inédito. Alvarellos publicoulle "Antídoto", o poemario recoñecido co Premio de Poesía do Certame Literario do Concello de Vilalba. Neste último libro inclúese Lista da compra da viúva, poema que recibiu no 2017 o Premio Internacional Jovellanos como El mejor poema del mundo. Con "Bibliópatas e fobólogos" gañou o Premio da Crítica 2017. 

Visita a expo bibliográfica adicada a Emma Pedreira na Biblioteca Central Rialeda (Perillo) e goza da lectura dos seus libros. 
Parabéns, Emma!!! 
Fontes: praza.gal e asega-critica.net

2/11/18

As Bibliotecas de Oleiros seleccionadas, un ano máis, na Campaña María Moliner

http://www.mecd.gob.es/cultura-mecd/dms/mecd/servicios-al-ciudadano-mecd/catalogo/general/cultura/202093/ficha/202093-2018/Anexo_I.pdf
As Bibliotecas Municipais de Oleiros foron seleccionadas un ano máis pola Comisión de Valoración da Campaña María Moliner do Ministerio de Cultura y Deporte, como beneficiaria dunha subvención de 1.706,66 € para a compra de libros, que recibirán en 2018 tras a publicación da orde de concesión. 

O proxecto presentado para esta convocatoria leva por título “Tod@s xunt@s” e dá a coñecer as actividades levadas a cabo durante o primeiro semestre deste ano. 

Esta subvención destinarase á adquisición de libros para as bibliotecas do Concello, en función das súas necesidades e co obxectivo de completar os seus fondos en beneficio de todas-os as-os veciñas-os do municipio. Grazas por participar nas nosas actividades, grazas por facer biblioteca!!!

6/10/17

Recepción do Premio Liber 2017 ao fomento da lectura concedido ás Bibliotecas de Oleiros

O día de onte, María Luz Corral Uzal, bibliotecaria municipal do Concello de Oleiros recibíu o Premio Liber 2017 ao fomento da lectura en bibliotecas abertas ao público que concede a Federación de Gremios de Editores de España.

O acto tivo lugar na Feria Internacional del Libro que se celebra no recinto do IFEMA de Madrid.

A Federación de Gremios de Editores de España (FGEE) está formada polo 90% das editoriais privadas do Estado español.

A Xunta Directiva da FGEE quixo recoñecer con este galardón “a intensa dedicación chea de actividades nunha área de poboación dispersa, así como a posta a disposición da poboación de máis de catrocentos postos de lectura e uns fondos bibliográficos moi superiores á media nacional”. 

A bibliotecaria municipal, rodeada do resto de galardoados/as co Premio Liber 2017

4/10/17

Entrega do Premio Liber 2017 ao fomento da lectura ás Bibliotecas de Oleiros!!!

http://bibliotecasoleiros.blogspot.com.es/2017/06/as-bibliotecas-de-oleiros-celebramos-o.html
O Sistema de Bibliotecas Públicas Municipais do Concello de Oleiros recibirá o Premio Liber 2017 ao fomento da lectura en bibliotecas abertas ao público que concede a Federación de Gremios de Editores de España. Este acto terá lugar en Madrid, o día 5 de outubro, no marco da Feria Internacional del Libro.
A Federación de Gremios de Editores de España (FGEE) está formada polo 90% das editoriais privadas do Estado español.
As bibliotecas municipais de Oleiros, xunto co seu importante fondo bibliográfico, e as numerosas actividades de promoción da lectura que se desenvolven ao longo do ano foron determinantes para a concesión deste importante premio.
A Xunta Directiva da FGEE quixo recoñecer con este galardón “a intensa dedicación chea de actividades nunha área de poboación dispersa, así como a posta a disposición da poboación de máis de catrocentos postos de lectura e uns fondos bibliográficos moi superiores á media nacional”.

Neste acto tamén se entregarán:
Premio ao mellor autor hispanoamericano ao escritor Javier Marías.
Premio Boixareu Ginesta ao libreiro do ano á Librería Lé de Madrid.
Premio ao fomento da lectura en medios de comunicación ao suplemento “Cultura” do xornal asturiano “La Nueva España”.
Premio á mellor adaptación dunha obra literaria a Juan Antonio Bayona por “Un monstruo viene a verme”.
Finalmente, o editor Emiliano Martínez recibirá a Homenaxe desta edición que concede a Feria Internacional del Libro e a FGEE.
 
Agradecemos á Federación de Gremios de Editores de España a concesión deste galardón e ofrecémolo a todas as persoas que utilizan as bibliotecas municipais de Oleiros, ás que participan nas nosas actividades, que gozan das nosas bibliotecas e que contribúen a ampliar o horizonte do libro e a lectura!!!
Moitas grazas!!!

14/7/17

As Bibliotecas de Oleiros celebramos o Premio da Federación de Gremios de Editores de España!!!

http://federacioneditores.org/img/documentos/160617-notasprensa.pdf
O Sistema de Bibliotecas Públicas Municipais do Concello de Oleiros gañou o Premio LIBER 2017 á mellor iniciativa de fomento da lectura nas bibliotecas públicas abertas ao público que concede a Federación de Gremios de Editores de España. Esta federación xunta o 90% das editoriais privadas. 

As actividades que fomentan o achegamento ao mundo do libro e a lectura para todas as idades, que desde hai máis de dúas décadas se desenvolven nas bibliotecas do Concello de Oleiros, foron recoñecidas con este premio. 


Obradoiros de diversas modalidades: ilustración, cómic, creación de poesía, manualidades; exposicións, encontros con escritoras-es, clubs de lectura, contacontos, monólogos, son algunhas das actividades que se programan nas sete bibliotecas municipais, ademáis de celebracións como o Entroido, Día do Libro, Día das Letras Galegas, Nadal, etc. Os programas para o fomento da lectura, teñen lugar de forma ininterrumpida desde hai 25 anos e dedican unha parte importante das actividades á poboación escolar de centros públicos do concello. 


Para o público adulto, destacan os tres clubs de lectura, de vinte integrantes cada un, que cada ano contan con lista de espera. As bibliotecas ofrecen, además das actividades e préstamo de libros, rede wifi e ordenadores.

A Federación de Gremios de Editores de España concedeu o Premio Liber 2017
a Javier Marías como mellor autor hispanoamericano, o premio de fomento da lectura en Medios de Comunicación ao xornal asturiano "La Nueva España" polo seu suplemento ‘Cultura’. O Premio Liber 2017 á mellor adaptación audiovisual foi outorgado ao director Juan Antonio Bayona, pola súa película ‘Un monstruo viene a vernos" e o premio "Boixareu Ginesta" ao Libreiro do Ano á librería Lé, de Madrid. O acto de entrega terá lugar o 5 de outubro na Real Fábrica de Tapices no marco das actividades de LIBER. 

Ofrecemos este galardón a todas as persoas que participan nas nosas actividades, que gozan das bibliotecas municipais de Oleiros e alargan o horizonte do libro e a lectura!!!
Moitas grazas!!!


Nota de prensa da Federación de Gremios de Editores de España

Así o recollen os medios: 
- La Opinión de A Coruña
- El Ideal Gallego
- La Voz de Galicia
- Rede de Bibliotecas de Galicia 
- El Periódico de Catalunya 
- La Vanguardia
- Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes 
- Asociación de Editores de Andalucía 
- IFEMA
- El País
- Hechos de hoy
- Hoy es arte
- Europapress 

16/4/13

Premio María Moliner ás Bibliotecas Municipais de Oleiros

O Ministerio de Cultura en colaboración coa FEMP e a Fundación Coca-Cola Juan Manuel Sáinz de Vicuña acaba de conceder os Premios María Moliner de animación á lectura correspondentes á convocatoria de 2012.
De entre os moitos proxectos presentados (aparte dos tres primeiros premios que están elixidos por número de habitantes) seleccionou 300 proxectos ganadores que recibirán un lote bibliográfico de 180 libros. O presentado polas Bibliotecas Municipais de Oleiros titulouse “Lecturas para ti”.
A Campaña de Animación á Lectura é un concurso dirixido aos municipios de menos de 50.000 habitantes para premiar os mellores proxectos ou actividades de dinamización lectora desenvolvidas nas súas bibliotecas, co obxectivo de promover a lectura entre todos os colectivos sociais, especialmente, nenos-as e xoves. As bibliotecas de Iurreta (Biscaia) na categoría de menos de 5.000 habitantes, Mota del Cuervo (Cuenca) de entre 5.001 e 20.000 habitantes e San Javier (Murcia) de entre 20.001 e 50.000 habitantes foron as ganadoras desta XV Campaña de Animación á Lectura María Moliner.
Lembramos que as Bibliotecas Municipais de Oleiros recibiron o máximo galardón correspondente a municipios de entre 20.001 e 50.000 habitantes na convocatoria de 2011.
Desexamos compartir este premio cos veciños e veciñas de Oleiros e coas persoas, entidades, asociacións e centros educativos que colaboran coas bibliotecas, aos que lles expresamos o noso agradecemento. Grazas a todos e todas por facer posible que Oleiros conte cun servizo bibliotecario eficiente e de calidade. Grazas a todos-as por participar nas actividades das bibliotecas!!!

24/4/12

Biblioteca Central Rialeda ganou o premio Irmandade do Libro

A Biblioteca Central Rialeda ganou o premio Irmandade do Libro, na modalidade de Fomento da lectura, concedido pola Federación de Libreiros de Galicia.

O premio é unha escultura, dunha figura alegórica de bronce, realizada polo artista lucense Ismael López Fernández e foi entregado ao Alcalde, o sábado, día 21, na localidade de Lalín.

Ás Bibliotecas Municipais de Oleiros  xa lle concederan este premio no ano 1995, na modalidade de Institucións, e no ano 2009 na de fomento da lectura.

Este premio ten por obxecto premiar as actividades realizadas para a promoción e divulgación do libro e a lectura durante o ano 2011.

No apartado de Institucións recibiu o premio a Real Academia Galega, recoñeceron como libro do ano "Non hai noite tan longa" de Agustín Fernández Paz, mentres que Gonzalo Navaza levou o galardón ao mellor autor. A Mitoloxía de Galiza, de Vítor Vaqueiro foi recoñecida como obra editorial 2011, o CEIP Riomaior de Pontevedra na categoría de centros de ensino e a Libraría Cartabón de Vigo na de librarías.

Desde as Bibliotecas Municipais de Oleiros damos as grazas á Federación de Libreiros de Galicia polo premio e ao Xurado por valorar positivamente o noso proxecto de fomento da lectura.

Unha vez máis desexamos compartir este premio coas veciñas e veciños de Oleiros, coas persoas, institucións, entidades, asociacións e centros  educativos que colaboran coas bibliotecas, coas usuarias e usuarios que participan nas nosas actividades, a todas e todos expresámoslles o noso agradecemento. Grazas por facer posible que Oleiros sexa un referente a nivel de toda Galicia na promoción lectora cun servizo bibliotecario eficiente e de calidade.

5/3/12

As nosas bibliotecas, destacadas na páxina web do CILIJ

O Centro Internacional del Libro Infantil y Juvenil (CILIJ) da prestixiosa Fundación Germán Sánchez-Ruipérez, a través da súa nova páxina web, destaca ao Sistema de Bibliotecas Públicas Municipais do noso Concello.


A Fundación Germán Sánchez-Ruipérez é unha institución privada e independente sen fins de lucro creada en 1981 polo editor español Germán Sánchez-Ruipérez. Adicada á actividade educativa e cultural, centra a meirande parte dos seus programas na difusión e extensión da cultura do libro e da lectura.

14/12/11

As Bibliotecas Municipais de Oleiros estamos de celebración!

As Bibliotecas Municipais de Oleiros resultaron gañadoras do Premio María Moliner 2011, na modalidade de concello de entre 20.001 a 50.000 habitantes, convocado polo Ministerio de Cultura e a FEMP a nivel de todo o Estado Español.

O agasallo consistirá nun lote de 200 libros e un premio en metálico de 12.000 €, financiado por la Fundación Coca-Cola Juan Manuel Sáinz de Vicuña.

O proxecto presentado polas Bibliotecas Municipais de Oleiros denominouse “Lecturas refrescantes” e nel presentáronse as principais actividades de fomento da lectura realizadas durante o primeiro semestre deste ano.


O Premio María Moliner é o galardón máis importante que existe na actualidade en España dirixido a bibliotecas e supón un importante recoñecemento e valorización do traballo realizado polas Bibliotecas Municipais de Oleiros.

Esta convocatoria tiña como obxectivo premiar o mellor proxecto que incluíra as accións de animación á lectura, a eficiencia e labor bibliotecaria, a integración social na comunidade e o uso das novas tecnoloxías, valorando a eficiencia na administración dos recursos da biblioteca e o esforzo realizado en función dos recursos dispoñíbeis, os proxectos de extensión bibliotecaria levados a cabo, a colaboración cos centros educativos e outras entidades e en conclusión aqueles proxectos que fomentaran a convivencia intercultural e o desenvolvemento tecnolóxico.

Desexamos compartir este premio cos veciños e veciñas de Oleiros e coas persoas, entidades, asociacións e centros educativos que colaboran coas bibliotecas, aos que lles expresamos o noso agradecemento. Grazas a todos e todas por facer posible que Oleiros sexa un referente a nivel estatal na promoción lectora cun servizo bibliotecario eficiente e de calidade.