O luns, 2 de xuño, ás 18:30 horas, na Biblioteca Municipal Rosalía de Castro sita nas Torres de Santa Cruz terá lugar o encontro literario coa autora Anxos Sumai para falar do seu libro “Así nacen as baleas” que se leu nas Tertulias literarias desta biblioteca e presentar a súa última obra “A lúa da colleita”, publicado pola editorial Galaxia. Premio da Crítica na modalidade de narrativa galega 2014, XXV Premio García Barros de novela 2013, Premio da Narrativa AELG 2014, Premio Fervenzas Literarias Mellor Portada Adultos 2013.
O outro libro do que se falará "Así nacen as baleas", tamén foi publicado pola editorial Galaxia. Premio Arcebispo San Clemente e Premio de Narrativa Breve Repsol YPF 2007. Conta a historia da volta á casa dunha moza, que está en California, onde traballa de bióloga con baleas. Vainos presentando o seu pasado coa lembranza da figura do seu irmán Ramón, un neno con problemas psíquicos que só é quen de existir mentres pode facerse preguntas. Ela marchou porque un día a nai lle dixo que lle pasaba uns cartos todos os meses, pero que tiña que marcharse. Agora, ao volver, pregúntase como reaccionará ao atoparse con súa nai. Está moi ben narrada a infancia da protagonista, xunto cos problemas no interior da familia e preséntanos como unha moza inicia unha vida fóra da casa, e lonxe da familia que lle resultaba asfixiante. Iremos vendo a orixe familiar dunha moza que retorna ao seu pasado como única posibilidade de entender e vivir o presente.