O lema deste ano seleccionado polo Ministerio de Cultura para conmemorar o Día das Bibliotecas é "Por un futuro sostible". Pretende destacar o papel fundamental que desempeñan todas as tipoloxías de bibliotecas na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable da Axenda 2030. “A través das súas coleccións, servizos e actividades con usuarios, as bibliotecas contribúen a construír unha sociedade cada vez mellor informada, máis igualitaria, solidaria e xusta, plenamente consciente da necesidade de levar un modo de vida sostible como compromiso coas xeracións futuras”.
Lecturas sorpresa, contacontos, fábulas, obradoiros de divulgación científica, clubs de lectura para mozos/as e adultos/as, exposicións e mostras bibliográficas e outras actividades (encrucillados, realización de marcapáxinas, debuxos para colorear, etc.) realizaranse nas Bibliotecas Municipais de Oleiros desde o 21 ata o 31 de outubro para conmemorar o Día das Bibliotecas.
Biblioteca Central Rialeda (Perillo)
24 de outubro: Actividade especial de dinamización á lectura coa escritora Ledicia Costas, na que narrará “Sete dentes de león” e “Barbabuela”, dirixida a crianzas maiores de 5 anos.
Ledicia Costas recibiu o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil en 2015 pola súa obra “Escarlatina, a cociñeira defunta”, libro que tamén conseguiu o Premio Merlín de Literatura Infantil e o Premio Xosé Neira Vilas da Asociación Galega de Editores e gañou en tres ocasións o Premio Lazarillo por “A lebre mecánica”, “A balada dos unicornios” e “Jules Verne e a vida secreta das Mulleres Planta”, Premio Merlín por “O neno de lume”, Premio Fervenzas Literarias por “A señorita Bubble”, Premio Antón Losada Diéguez de Creación Literaria por “Un animal chamado néboa”, tamén lle outorgaron o Premio da Cultura Galega das Letras e a Medalla Castelao.
O propio día 24 de outubro pédimoslle ás-aos nosas-os usuarias-os a súa participación nas Lecturas Sorpresa: seleccionamos novelas e álbumes ilustrados que teñen relación con algún dos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable da Axenda 2030 da ONU. As persoas que leven os libros en préstamo non saberán de cal se trata. Iso si, daremos algunha pista, como é a denominación do ODS que leva aparellado.
23 de outubro: Club de lectura para moz@s e adult@s, grupo B, denominado Tertulias Literarias, no que se comentará a obra “No te veré morir” de Antonio Muñoz Molina.
30 de outubro: Club de lectura para moz@s e adult@s, grupo A, no que se comentará a obra “Desgracia” de J. M. Coetzee.
Biblioteca Municipal Rosalía de Castro (Santa Cruz)
23 de outubro: Obradoiro de divulgación científica con Heroes para a Ciencia, para nenas e nenos maiores de 6 anos.
A Biblioteca Recicla, selección de libros infantís tanto de contidos como de ficción; desde a biblioteca, téntase plantar esa semente xa desde a infancia para construír unha sociedade cada vez máis concienciada co coidado do noso planeta.
22 de outubro, ás 17:30 h: Club de lectura para moz@s e adult@s do grupo A, no que se comentará a obra “Todo cuanto amé” de Siri Hustvedt.
22 de outubro, ás 11 h: Club de lectura para moz@s e adult@s do grupo C, no que se comentará a obra “La nieta del señor Linh” de Philippe Claudel.
29 de outubro: Club de lectura para moz@s e adult@s do grupo B, no que se comentará a obra “Canciones de amor a quemarropa” de Nicolás Butler.
25 de outubro: Contacontos titulado “Ollo, piollo” coa actriz Chus Álvarez, para nenas e nenos de 2 a 4 anos.
Exposición bibliográfica: "A Arte de Ler: Libros que honran Bibliotecas", a exposición formada por títulos que tratan sobre bibliotecas e libros, busca celebrar a conexión entre os libros e as bibliotecas, inspirando aos usuarios a explorar estas obras e a reflexionar sobre o papel que as bibliotecas desempeñan nas súas propias vidas.
Debuxos e marcapáxinas para colorear.
21 de outubro: Club de lectura para moz@s e adult@s do grupo A, no que se comentará a obra “El extranjero” de Albert Camus.
28 de outubro: Club de lectura para moz@s e adult@s do grupo B, no que se comentará a obra “El coronel no tiene quien le escriba” de Gabriel García Márquez.
24 de outubro: Contacontos titulado “Pipo, o paxaro que non sabía voar” coa compañía Trémola Teatro, para nenas e nenos de 2 a 4 anos.
Mostra bibliográfica relacionada cos libros, bibliotecas, librerías, así como exemplares co tema deste ano “Por un futuro sostible” que pretende resaltar o papel que desenvolven todas as tipoloxías de bibliotecas.
Actividades para nenos, con pasatempos dispoñibles coa temática vinculada co Día das Bibliotecas, elaboración de marcapáxinas para colorear, debuxos para recortar... Decoración da biblioteca con motivos relacionados coa lectura, para que os nenos e nenas a vinculen cunha actividade lúdica.
Biblioteca Municipal Manuel María (Oleiros)
22 de outubro: Contacontos titulado “Fábulas no berce” coa contadora Charo Pita, para nenas e nenos de 2 a 4 anos.
Mostra bibliográfica, para todas as idades, na que atopar libros que amosan a beleza e o sufrimento do Planeta e a importancia do coidado do medio ambiente.
Marcapáxinas conmemorativos do Día das Bibliotecas para colorear, do 21 ao 25 de outubro.
24 de outubro: Club de lectura para moz@s e adult@s, no que se comentará a obra “Historia de los vertebrados” de Mar García Puig.
Biblioteca Municipal Mª José Ruso (Dorneda)
21 de outubro: Contacontos titulado “Cambio e conto” coa actriz Raquel Queizás, para nenas e nenos de 2 a 4 anos.
Exposición bibliográfica de libros onde figuran bibliotecas. Debuxos e para agasallar a nenas e nenos.
Exposición bibliográfica de libros infantís onde figuran bibliotecas, titulada “Contando bibliotecas”.
Debuxos e marcapáxinas para agasallar a nenas e nenos.
Todas as actividades pretenden conseguir os obxectivos de fomentar a lectura, difundir a existencia dun servizo público de proximidade á cidadanía que contribúe de xeito eficaz a promover a lectura e a facilitar o acceso á cultura, á información e ao coñecemento a todas as persoas e en condición de igualdade.
Poderán consultalas na páxina web do Concello de Oleiros (na sección de bibliotecas) e tamén no blog de Bibloleiros.
Feliz Día das Bibliotecas!
No hay comentarios:
Publicar un comentario