24/10/24
O proxecto de animación á lectura “Rialeda: literatura e música para cambiar o mundo” seleccionado polo Ministerio de Cultura para o Concurso María Moliner 2024
10/8/23
Premios María Moliner de Fomento da Lectura 2023
O proxecto titúlase “Mergúllate na lectura” e nel describíronse as actividades de promoción da lectura e de extensión cultural planificadas pola Biblioteca Central Rialeda, que se levaron a cabo entre os meses de marzo de 2022 a marzo de 2023. Entre todas, podemos destacar as da Hora do conto, recitais de poesía, os talleres de banda deseñada, obradoiros de ilustración, a campaña de promoción da lectura dirixida ao alumnado dos centros de ensino, as charlas de divulgación científica Ler para saber, as recomendacións de libros en Radioleiros, a entrega de premios ás socias e socios máis lectores das bibliotecas municipais, encontros con escritores/as e presentacións de libros, roteiros literarios, conmemoración de datas significativas (Día de Rosalía de Castro, Día da Muller, Día da Poesía, Día do Libro Infantil e Xuvenil, Día do Libro, Día das Letras Galegas, Día das Bibliotecas, o Nadal), clubs de lectura e Tertulias literarias, roteiros literarios, exposicións bibliográficas, etc.
Entre os 557 proxectos presentados por bibliotecas de municipios con menos de 50.000 habitantes de todo o Estado Español, seleccionaron 370 nos que se recoñecen as mellores iniciativas de promoción lectora a nivel de todo o Estado. Nesta selección figuran 15 bibliotecas de Galicia entre as que está Oleiros. Hai que ter en conta que a Comisión prioriza especialmente as actividades realizadas en municipios de menos de 25.000 habitantes, ás que lles dá máis puntos, para apoiar as zonas máis despoboadas, pero a pesar de isto, Oleiros, que conta con máis de 36.000 habitantes, saíu seleccionado.
O premio consiste en 2.772,22 € que se destinarán á adquisición de libros para as bibliotecas municipais, en función das súas necesidades, e para completar os seus fondos bibliográficos en beneficio de todos os veciños e veciñas do municipio.
Grazas por participar nas nosas actividades, grazas por facer biblioteca!!
14/7/22
As bibliotecas de Oleiros, premiadas novamente nos María Moliner
O proxecto titúlase "Oleiros, un escenario literario" e nel descríbense as actividades de fomento da lectura levadas a cabo desde setembro de 2021 a marzo de 2022.
Seleccionaron 370 proxectos promovidos por bibliotecas de municipios con menos de 50.000 habitantes nos que se recoñecen as mellores iniciativas de promoción lectora a nivel de todo o Estado. De Galicia seleccionaron as seguintes bibliotecas:
- Biblioteca de O Grove
- Biblioteca de Verín
- Biblioteca de Ares
- Biblioteca de Campo Lameiro
- Biblioteca de Esgos
- Biblioteca de Mañón
- Biblioteca de Oleiros
- Biblioteca de Ortigueira
- Biblioteca de Pazos de Borbén
- Biblioteca de Pereiro de Aguiar
- Biblioteca de Ribadavia
- Biblioteca de Sober
- Biblioteca de Soutomaior
Esta subvención destinarase á adquisición de libros para as bibliotecas municipais, en función das súas necesidades, e para completar os seus fondos bibliográficos en beneficio de todas as veciñas e veciños do municipio.
Grazas por participar nas nosas actividades, grazas por facer biblioteca!
21/11/20
As bibliotecas de Oleiros, premiadas nos María Moliner!!!
O proxecto titúlase “Viaxando coa lectura”, en alusión á esta época na que non se poden facer moitos viaxes reais, pero si coa lectura e coa imaxinación. Nel descríbense as actividades de promoción da lectura e de extensión cultural planificadas pola Biblioteca Central Rialeda para o ano 2020 e que se puideron levar a cabo.
Seleccionaron 310 proxectos promovidos por bibliotecas de municipios con menos de 50.000 habitantes nos que se recoñecen as mellores iniciativas de promoción lectora a nivel de todo o Estado.
Esta subvención destinarase á adquisición de libros para as bibliotecas municipais, en función das súas necesidades, e para completar os seus fondos bibliográficos en beneficio de todos os veciños e veciñas do municipio.
Grazas por participar nas nosas actividades, grazas por facer biblioteca!!!
10/11/16
As Bibliotecas Municipais de Oleiros, premiadas un ano máis na Campaña de animación á lectura María Moliner
De todo o Estado Español presentáronse 605 proxectos, dos que foron seleccionados os 300 mellores, nos que hai 22 de bibliotecas de Galicia e entre elas, un ano máis, está o noso. O premio será un lote de 150 libros infantís e xuvenís.
3/11/14
"Queres ler connosco?" premiado polo Ministerio de Educación, Cultura y Deporte
Estes galardóns están destinados á programación de animación á lectura das bibliotecas de concellos de menos de 50.000 habitantes. Das 300 bibliotecas seleccionadas de todo o Estado, como os mellores proxectos de entre os 608 presentados, hai 21 bibliotecas de Galicia e entre elas, un ano máis, está o presentado polas bibliotecas municipais de Oleiros.
A candidatura presentada polas bibliotecas municipais de Oleiros titúlase Queres ler connosco? e nel explícanse as actividades de promoción da lectura que se realizaron no primeiro semestre deste ano.
26/12/13
"Lecturas para ti": dobremente premiado polo Ministerio de Educación, Cultura y Deporte
O obxectivo deste certame é recoñecer os mellores proxectos de animación á lectura levados a cabo por bibliotecas de municipios de menos de 50.000 habitantes. No mes de maio, as bibliotecas municipais de Oleiros recibiron unha comunicación de que o seu proxecto fora un dos 300 seleccionados de toda España para o Premio María Moliner, polo que recibirían un lote de 180 libros infantís e xuvenís.
Agora recibíuse outro comunicado da Secretaría de Estado de Cultura no que se indica que por obter este proxecto, 90 ou máis puntos, recibirá outros dos lotes de libros, un de 54 libros para adultos e outro de 46 de literatura infantil e xuvenil, xunto cun lector de libros electrónicos, 10 libros electrónicos e unha subscrición anual a 5 revistas culturais en papel: Scherzo, Descubrir el arte, Historia y vida, Letras Libres y Claves de la Razón Práctica.
16/4/13
Premio María Moliner ás Bibliotecas Municipais de Oleiros
De entre os moitos proxectos presentados (aparte dos tres primeiros premios que están elixidos por número de habitantes) seleccionou 300 proxectos ganadores que recibirán un lote bibliográfico de 180 libros. O presentado polas Bibliotecas Municipais de Oleiros titulouse “Lecturas para ti”.
A Campaña de Animación á Lectura é un concurso dirixido aos municipios de menos de 50.000 habitantes para premiar os mellores proxectos ou actividades de dinamización lectora desenvolvidas nas súas bibliotecas, co obxectivo de promover a lectura entre todos os colectivos sociais, especialmente, nenos-as e xoves. As bibliotecas de Iurreta (Biscaia) na categoría de menos de 5.000 habitantes, Mota del Cuervo (Cuenca) de entre 5.001 e 20.000 habitantes e San Javier (Murcia) de entre 20.001 e 50.000 habitantes foron as ganadoras desta XV Campaña de Animación á Lectura María Moliner.
Lembramos que as Bibliotecas Municipais de Oleiros recibiron o máximo galardón correspondente a municipios de entre 20.001 e 50.000 habitantes na convocatoria de 2011.
Desexamos compartir este premio cos veciños e veciñas de Oleiros e coas persoas, entidades, asociacións e centros educativos que colaboran coas bibliotecas, aos que lles expresamos o noso agradecemento. Grazas a todos e todas por facer posible que Oleiros conte cun servizo bibliotecario eficiente e de calidade. Grazas a todos-as por participar nas actividades das bibliotecas!!!
17/1/13
Recepción do Premio María Moliner
Este é un premio convocado a nivel de todo o Estado Español co obxectivo de premiar o mellor proxecto que incluíra as accións de animación á lectura, a eficiencia e labor bibliotecario, a integración social na comunidade e o uso das novas tecnoloxías, valorando a eficiencia na administración dos recursos da biblioteca e o esforzo realizado, os proxectos de extensión bibliotecaria levados a cabo, a colaboración cos centros educativos e outras entidades e en conclusión aqueles proxectos que fomentaran a convivencia intercultural e o desenvolvemento tecnolóxico.
O Premio María Moliner é o galardón máis importante que existe na actualidade en España dirixido a bibliotecas e supón un importante recoñecemento e valorización do traballo realizado polas Bibliotecas Municipais de Oleiros.
O proxecto presentado polas Bibliotecas Municipais de Oleiros denominouse “Lecturas refrescantes” e nel describíronse as principais actividades de fomento da lectura levadas a cabo durante o primeiro semestre do ano 2011, entre as que podemos destacar: a Hora do conto, os Talleres de Lectura e Tertulias Literarias, o Club de Lectura Xuvenil, os Encontros con escritores/as, a Campaña de Promoción da Lectura dirixida ao alumnado dos centros de ensino público deste Concello, os Obradoiros de iniciación á banda deseñada, os Talleres de iniciación á ilustración, a conmemoración do Día Internacional da Muller Traballadora, do Día da Poesía, do Día Mundial do Teatro, do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, do Día do Libro e do Día das Letras Galegas. A celebración do centenario do nacemento do insigne escritor Álvaro Cunqueiro co título “Homenaxe a Álvaro Cunqueiro”, as actividades sobre escritores latinoamericanos: García Márquez, Borges, Galeano, Gabriela Mistral, Benedetti, Vargas Llosa, ... en Viaxe pola literatura hispanoamericana, o ciclo de conferencias titulado “Ler para saber: a ciencia” na que profesorado da Universidade da Coruña e dos centros de ensino de Oleiros e técnicos dos Museos Científicos Coruñeses impartiron gratuitamente charlas para adolescentes, ademais de que os propios nenos e nenas explicaran aos asistentes un tema científico que lles interesara, a colaboración con Radio Oleiros, todo os venres, no espazo “Todo, todo está nos libros”, “Proxecto 5-7-5. Haikus” na que as usuarias e usuarios recomendaron poemas que lles gustaban ou enviaron poesías da súa propia creación, talleres de Formación de usuarios/as e visitas guiadas á Biblioteca Central Rialeda, contacontos para as persoas maiores dos centros da Terceira Idade, titulado “Para os nosos maiores: o comezo do mundo”. Montáronse diversas exposicións bibliográficas coincidindo con conmemoracións, homenaxes, datas de interese, actividades, sobre as diversas épocas do ano, etc e tamén se elaboraron diversas guías de lectura, entre as que podemos destacar “Lecturas refrescantes” que foi a que deu título ao proxecto galardoado.
As Bibliotecas Municipais de Oleiros durante o ano 2011 realizaron un esforzo por achegarse á cidadanía, aumentar o número de actividades de promoción da lectura levadas a cabo para traballar en pro da difusión do libro e a promoción da lectura, co obxectivo de formar novos e mellores lectores e conseguir máis poboación lectora dentro do Concello de Oleiros.
Expresamos o noso agradecemento ás persoas, entidades, asociacións e centros educativos que colaboran habitualmente coas nosas bibliotecas, ás usuarias e usuarios que participan nas actividades e a todas as veciñas e veciños de Oleiros. Grazas por facer posible que Oleiros sexa un referente a nivel estatal na promoción lectora cun servizo bibliotecario eficiente e de calidade.
14/12/11
As Bibliotecas Municipais de Oleiros estamos de celebración!
O agasallo consistirá nun lote de 200 libros e un premio en metálico de 12.000 €, financiado por la Fundación Coca-Cola Juan Manuel Sáinz de Vicuña.
O proxecto presentado polas Bibliotecas Municipais de Oleiros denominouse “Lecturas refrescantes” e nel presentáronse as principais actividades de fomento da lectura realizadas durante o primeiro semestre deste ano.

Esta convocatoria tiña como obxectivo premiar o mellor proxecto que incluíra as accións de animación á lectura, a eficiencia e labor bibliotecaria, a integración social na comunidade e o uso das novas tecnoloxías, valorando a eficiencia na administración dos recursos da biblioteca e o esforzo realizado en función dos recursos dispoñíbeis, os proxectos de extensión bibliotecaria levados a cabo, a colaboración cos centros educativos e outras entidades e en conclusión aqueles proxectos que fomentaran a convivencia intercultural e o desenvolvemento tecnolóxico.
23/12/10
Premio María Moliner ás Bibliotecas Municipais de Oleiros
De entre os proxectos presentados por bibliotecas de todo o Estado Español (aparte dos tres primeiros premios que están elixidos por nº de poboación e que no grupo de poboación de 20.001 - 50.000 habitantes gañou a Biblioteca de Tortosa en Tarragona) seleccionou 300 proxectos ganadores que recibirán un lote bibliográfico de 200 libros. O proxecto presentado polas Bibliotecas Municipais de Oleiros titulado “A lectura esa gran viaxe” no que se explican as actividades de promoción da lectura que se realizaron no primeiro semestre deste ano, resultou seleccionado entre estes 300 proxectos.
GRAZAS A TODOS-AS POR PARTICIPAR NAS NOSAS ACTIVIDADES!!!
GRAZAS POR FACER BIBLIOTECA!!!






