
Levou por nome Paseo Sensorial. Durante todo curso, o sentido que se traballou foi o da vista, a través da lectura. Ás veces, os outros sentidos quedan anulados, por iso, a través desta actividade, quixemos potenciar os outros:
O tacto e o olfacto: tocamos as árbores cos ollos pechados e ulimos a súa fragrancia para despois intentar identificalo coa vista. Cada persoa foi acompañada por 2 compañeiras-os para evitar caídas.
O oído: tamén co sentido da vista inutilizado, permanecimos en silencio para escoitar paxaros a ver se somos quen de adiviñar de que ave se trata ou se se escoitan chíos distintos. Para isto botamos man dunha aplicación para facelo máis doado.
Repartimos unhas plantillas cos títulos de lecturas compartidas polos 3 grupos. Escoitamos atentamente poemas que se leron durante as sesións deses libros e tivemos que acertar a cal pertence.
Para que cada quen exprese as sensacións producidas durante o paseo de forma íntima, animamos ás-aos participantes a realizar un haiku previa explicación da súa técnica.
Rematada esta experiencia, pasamos á casa da Gardesa para poñer a traballar o sentido do gusto e aproveitamos o momento para entregar as pezas de barro que se fixemos no obradoiro “Arte para os teus libros” o 22 de maio.
Moitas grazas pola vosa participación e entrega nesta xornada que puxo a rama de loureiro da xeira de tertulias do mellor xeito posible: con todos os sentidos!