13/9/22

Querida Saleta, sempre estarás nos nosos corazóns!

O Concello de Oleiros, e en especial o persoal das bibliotecas municipais, mostra a súa tristeza polo pasamento da prezada Saleta Goy, viúva do escritor Manuel María e presidenta da Fundación Manuel María de Estudos Galegos, promovida por ela mesma para conservar o legado do poeta, e manifestan as condolencias pola súa desaparición.

Desexan destacar a súa vinculación coas bibliotecas de Oleiros debido á homenaxe que o Concello realizou, o 19 de febreiro de 2005,  ao escritor Manuel María, ao que asistíu Saleta, acto no que se denominou á biblioteca que sirve ás-aos habitantes da parroquia de Oleiros como Biblioteca Pública Municipal Manuel María, pero tamén pola sempre disposta e aberta colaboración do autor con diferentes actividades de promoción da lectura e encontros literarios promovidos polas bibliotecas, aos que a maioría das veces acudíu acompañado da súa compañeira. Saleta e Manuel María compartiron 45 anos de vida e de intensa actividade cultural. Clica na ligazón para coñecer as obras de Manuel María nas Bibliotecas Municipais de Oleiros.

Querida Saleta, sempre estarás nos nosos corazóns!

 A terra faise en tí,
Saleta, sotileza,
chama apaixonada
e transparente,
levidade de neve,
torrente e forza
de seiva poderosa,
música de vento
entre abelairas,
raio máxico de lua,
murmurio de regueiro,
flor de cerdeira
ou pinga de orballo
emocionada, tremando
sobor do pálido rubor
da rosa namorada.

Manuel María: Os lonxes do solpor (1993)

No hay comentarios:

Publicar un comentario