Unha tempada máis, as Bibliotecas Municipais de Oleiros organizan actividades de promoción da lectura dirixidas a nenas e nenos de 2 a 5 anos e a partir de 6 anos. A hora de realización de todas será ás 18:30 h. Nos meses de setembro a decembro, nas sete bibliotecas municipais levaranse a cabo 38 sesións de diferentes actividades infantís, como contacontos, concertos de música, sesións de maxia, etc., para fomentar á lectura e animar a que os nenos e nenas visiten as bibliotecas no seu tempo libre. Estas actividades realizaranse a través de narración ou dramatización dunha ou varias historias, pero tamén haberá música, maxia e outros espectáculos para atraer á lectura ao público infantil. Todos os actos terán un enfoque lúdico, fomentando a imaxinación e a creatividade, como unha invitación a viaxar a un tempo máxico de ilusión e fantasía. Debido a que o aforo é limitado é imprescindible reservar praza na biblioteca en que se desenvolva cada unha das actividades. Isto pode facerse chamando por teléfono ou achegándose persoalmente. Poderanse inscribir desde dez días antes da data de realización. Contarase con Compañías como Trémola Teatro, Trinke Trinke, A Xanela do Maxín, Trécola Producións, Dezdedez, Bandullo Azul, Pinconús Teatro ou Tarabelos. Contadores/ras como Iván Davila, Lía Magalia, Raquel Galavís, O Maquinista ou David Méndez. Artistas como Pablo Díaz, Antón Ke, Paco Nogueiras, Solovoz ou Xoan Curiel. Magos/as como Leo Leíño e Pedro Bugarín. Ler conta moito é un programa de dinamización da lectura nas bibliotecas públicas promovido pola Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, a través da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia e en colaboración coas Bibliotecas Municipais de Oleiros, pero tamén se planificaron outras exclusivamente municipais para completar a programación destes meses. Os obxectivos que se intentan conseguir son fomentar a lectura a través do pracer e o gusto por esta, que se divirtan escoitando contos, facer novas lectoras e lectores ou consolidarlles este hábito e promover o descubrimento da diversidade dos libros. Preténdese introducir as nenas e os nenos no mundo dos libros a través dunha lectura que poidan comprender, coa que gocen e se entreteñan. Tratarase de espertar unha sensibilidade que faga descubrir o pracer que pode proporcionar a lectura, para que vexan que tamén se divirten e pasan momentos agradables cos libros. Poden solicitar a información en calquera das sete bibliotecas municipais e nesta ligazón.
No hay comentarios:
Publicar un comentario