As viaxes e expedicións, a poesía e o folclore, as lendas e tradicións de diferentes países son os temas que presentamos na XX Campaña de Promoción da Lectura.
Relatos, libros de ficción que nos achegan a outras sociedades e diferentes culturas. Esta nova campaña pretende que o alumnado dos centros de ensino público do noso concello adquiran gusto pola lectura e amor polos libros, ao mesmo tempo que coñecen algunhas das bibliotecas municipais, lugares non só de estudo e consulta senón tamén centros lúdicos onde espertar o gusto pola lectura pasando bos momentos.
“Viaxe a África”
Ao longo do mes de abril e maio a Compañía Trinke Trinke realizará, na Biblioteca Rialeda de Perillo, na Biblioteca Rosalía de Castro de Santa Cruz e na Biblioteca Manuel María de Oleiros vinte e sete contacontos titulados “Viaxe a África” para alumnado de educación infantil, e 1º ciclo de primaria dos colexios de ensinanza pública deste concello.
“Viaxe a África” pretende dar a coñecer aos nenos e nenas algúns contos e cancións de África, atendendo sobre todo as dúas grandes etnias que a habitan: a África árabe e a África negra. Son obras que dan unha mensaxe a favor da igualdade e amosan pinceladas da súa cultura. Algúns dos títulos que e presentarán: “Canciones infantiles y nanas del baobab”, “A Casa de Mis” (Conto árabe) e “Pequeno azul, pequeno amarelo”.
Datas das sesións:
- Biblioteca Central Rialeda. Perillo: 14, 15, 26 e 27 de abril
- Biblioteca de Santa Cruz: 1. 6 e 13 de abril
- Biblioteca de Oleiros: 12, 13, 18 e 19 de abril
- Teatro As Torres. Santa Cruz: 29 de abril, 3, 4 e 5 de maio
Na Biblioteca Central Rialeda, os días 11 e 12 de abril, ás 10.30 e ás 12 horas, a Compañía Migallas realizará catro funcións tituladas “Contos de viaxes e outras culturas” dirixidos a alumnado de 4º, 5º e 6º de primaria do Colexio Valle Inclán de Perillo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario