16/3/12

Recomendacións en Radioleiros: 16 de marzo

- Infantil:

Bárbara Fiori Editora

Fai moitísimo tempo o mundo estaba en construción, as bolboretas non existían igual que moitos outros animais e plantas e os “deseñadores de todas as cousas” eran os encargados de crealas, pero había unha regra moi estrita, non se podía mesturar o reino animal co reino vexetal. Mais un neno chamado Odaer, tiña un sono: crear unha criatura fermosa e marabillosa que puidera voar como un paxaro e ser tan bela como unha flor, para traer máis beleza ao mundo...

Magnífico álbum cunha fermosa historia e espléndidas ilustracións que nos di que os soños aínda son posibles, fálanos do poder do esforzo, da ilusión e da constancia. O segredo está en "non cansarse nunca de soñar, en non darse por vencido".

- Mozos/as e Adultos/as

As mulleres en Galicia no século XX, obra dirixida por Jesús de Juana López e Julio Prada
Editada por Ir Indo

Formado por un limiar e oito capítulos nos que interveñen os dous directores e expertas como: Carmen Benso, Rosa Mª Cid, Mª Victoria Martins Rodríguez, Ana Cebreiros Iglesias e Mª Concepción Álvarez Gómez.

Relevante obra que, dunha forma máis ou menos cronolóxica (dende principios do século XX), explica a visibilidade e pluralidade de sexos e xéneros; as conquistas femininas no primeiro terzo do século; o activismo feminino conservador neses primeiros anos; o novo ideal de muller que, principalmente durante a Segunda República, busca participar nos novos espazos de sociabilidade reclamando os seus dereitos políticos en plena igualdade co home, cunha parte moi interesante sobre o debate arredor do sufraxio feminino; a represión franquista sobre as mulleres; o seu papel na resistencia antifranquista; así como a súa intervención no tardofranquismo e na transición á democracia.

Ao longo dos distintos capítulos vemos que se hoxe temos estes dereitos é porque outras persoas que nos antecederon loitaron por conseguilos. As súas demandas anticiparon o que hoxe son modelo de convivencia en moitos ámbitos como o da igualdade absoluta ante a lei, a coeducación, o divorcio, o desenvolvemento económico e social, etc.
 
Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

15/3/12

Celebramos o Día da Poesía na Biblioteca Xograr Mendiño de Lorbé

Desde o 16 ao 26 de marzo, na Biblioteca Pública Municipal Xograr Mendiño de Lorbé, co gallo do Día da Poesía (21 de marzo), farase unha selección de fondos para adultos/as e público infantil e xuvenil, animarase aos/ás usuarios/as a lelos e levalos a casa.
Exporánse pola biblioteca fragmentos de poesías, especialmente de Celso Emilio Ferreiro e animarase aos/ás usuarios/as a escribir un poema. Algúns dos obxectivos que perseguimos con esta actividade serán: utilizar a biblioteca non só como lugar de estudo senón tamén de lecer, celebrar esta día tan especial para as bibliotecas e a cultura en xeral, difundir os nosos fondos de poesía, aumentar os coñecementos sobre a poesía, en especial a galega, coñecer os/as principais autores/as, difundir a obra dos/das poetas contemporáneos/as galegos/as e aprender a amar e gozar da poesía.


14/3/12

Ler para saber A CIENCIA: 16 de marzo

Esperámoste na Biblioteca Central Rialeda (2º andar), o venres 16 de marzo ás 18:30, para participar nesta actividade dirixida a nenos e nenas a partir de 10 anos, adolescentes e público en xeral.
Primeiramente, Iria Pillado e Carmen Rodríguez Coronado, de 1º da ESO do IES Neira Vilas de Perillo realizarán unha breve presentación sobre “As estrelas”.

A continuación, José Manuel Rodríguez Seijo, profesor titular da Universidade da Coruña, Departamento de Métodos Matemáticos e de Representación, área de Matemática Aplicada, nos ofrecerá a charla científica titulada “A sorprendente utilidade das matemáticas”.

Seleccionamos para ti libros para esta charla científica.

12/3/12

Obradoiro de Creación Literaria na Biblioteca Central Rialeda (3ª sesión): martes 13 de marzo

O día 13 de marzo, ás 18.30 horas, na Biblioteca Central Rialeda, terá lugar a 3º sesión do Obradoiro de creación literaria impartido polo escritor e profesor Xavier Seoane. 
Está dirixido a mozas/os (a partir de 15 anos) e adultas/os, realizarase os martes e terá unha duración de dez sesións. 
As prazas son limitadas. É imprescindible inscribirse na biblioteca chamando ao teléfono 981 639 511 ou a través do correo electrónico biblioteca.rialeda@oleiros.org . 
Importante: esta actividade ten prezo público para as persoas non empadroadas no Concello de Oleiros.
É unha iniciativa da Concellería de Cultura de Oleiros e da Asociación de Escritores en Lingua Galega e con ela preténdese animar a escribir textos literarios mediante a manipulación de formas lingüísticas e a imitación de modelos expresivos da nosa tradición literaria, aos que podemos chegar mediante o xogo e a descuberta da nosa propia creatividade.

IMPORTANTE: A actividade realízase no 2º andar da biblioteca. Durante a mesma quedan fora de servizo os ordenadores da citada sala.

9/3/12

Hora do conto: do 12 ao 16 de marzo

Aquí tes a programación da hora do conto do 12 ao 16 de marzo,
Todas as sesións son ás 18:30 horas.
Biblioteca Pública Municipal "Mª José Ruso". Dorneda
Luns 12 de marzo
CONTACONTOS: Pablísimo
TÍTULOS: "Contos para pasar a tardiña": "O nacemento do dragón", "Os narices do rei", "A princesa e o chícharo"

Mércores 14 de marzo
CONTACONTOS: Soledad Felloza
TÍTULOS: “¡El mirlo!“, “La oruga glotona”, “Un beso antes de desayunar” 

Xoves 15 de marzo
TÍTULOS: "A ratiña presumida: conto popular", "Nadarín"

Biblioteca Pública Municipal "Mª José Trincado". Mera
Venres 16 de marzo
CONTACONTOS: Pablísimo
TÍTULOAS: “Contos con cornos”: "O dragón e a bolboreta", "Pequerrecho pequerrechiño", "A vaca na baca" 

(AVISO: Os títulos programados poden sufrir variacións en función do público asistente)

Recomendacións en Radioleiros: 9 de marzo


- Infantil:
Editado pola Faktoría K
Unha historia de superación a través dos animais cunhas magníficas ilustracións que fan deste libro unha opción estética de primeira orde.
- Mozos/as e Adultos/as:

Mulleres na guerrilla antifranquista galega, de Aurora Marco
Editado por Laiovento
Un estudo histórico pioneiro sobre a participación da muller nas actividades guerrilleiras en Galiza contra o franquismo. Novidoso pola perspectiva desde a que parte,escrito por unha muller e enfocado a tratar o papel da muller nun proceso sempre caracterizado pola óptica masculina. Aporta multitude de datos que contextualizan un aporte imprescindíbel e até agora minusvalorado.
Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

8/3/12

Actos do Día Internacional da Muller Traballadora

Conmemoración do Día Internacional da Muller Traballadora no Teatro As Torres de Santa Cruz


Martes 13 de marzo, ás 19.00 h.: Conferencia: "Narradoras cubanas e o discurso feminino en Cuba"
Intervirán:
- Mirta Yáñez, escritora e profesora cubana
- Carmen García-Rodeja, profesora do IES Neira Vilas de Perillo

Xoves 22 de marzo, ás 19.00 h. : Presentación do libro: "Mulleres na guerrilla antifranquista galega"
Intervirán:
- Aurora Marco, autora da obra e profesora
- Francisco Pillado, director da editorial Laiovento e escritor
Proxectaráse o documental "As silenciadas", dirixido por Pablo Ces


E ademáis:

Ao longo do mes de marzo distribuiremos a Guía de Lectura "Axóuxeres, bicos, ... e noites sen durmir"
Elaborada polo Sistema de Bibliotecas Públicas Municipais co obxectivo de que as nais e pais accedan mellor ao coñecemento de como enfrontarse a unha experiencia única e extraordinaria como é o nacemento dun fillo ou filla.
Todos os fondos atoparánse nas bibliotecas municipais.


E en data por determinar, organizaráse un Roteiro Cultural e Literario
Un recorrido-homenaxe por distintos lugares do municipio nos que viviron diferentes mulleres ilustres, como Emilia Pardo Bazán, Sofía Casanova, María Casares e Juana de Vega.
Visitaremos distintos lugares como o Castelo de Santa Cruz, etc..
Prazas limitadas. Inscrición obrigatoria nas Bibliotecas Municipais.

7/3/12

Ler para saber A CIENCIA: 9 de marzo

Esperámoste na Biblioteca Central Rialeda (2º andar), o venres 9 de marzo ás 18:30, para participar nesta actividade dirixida a nenos e nenas a partir de 10 anos, adolescentes e público en xeral.
Primeiramente, Paula Martínez, Amanda Muñoz, Alicia García, Pepa Mata e Xes Garbajosa, alumnas/o do CEIP Valle-Inclán de Perillo xunto con Nacho García, alumno do CEIP Vales Villamarín de Betanzos  realizarán unha breve presentación sobre “A mitoloxía grega: os seres mitolóxicos”.

A continuación, a doutora Socorro Castro García, profesora titular da Universidade da Coruña, Departamento de Química Fundamental, área de Química Inorgánica, nos ofrecerá a charla científica titulada “Queres xogar con sólidos, líquidos e gases? Evapórate!”.

Seleccionamos para ti libros e DVD para esta charla científica.

5/3/12

Dickens e a lanterna máxica: expo bibliográfica do escritor de Portsmouth no bicentenario do seu nacemento

Charles John Huffam Dickens, naceu en Potsmouth un 7 de febreiro de 1812. Celebramos este ano 2012 o bicentenario do nacemento dun dos grandes clásicos. Este extraordinario creador de caricaturas, lembremos a Scrooge, Mrs. Gamp, Charles Darnay, ou Oliver Twist, soubo retratar de xeito excepcional a cidade de Londres, importante fonte de inspiración á que adoitaba chamar "lanterna máxica". Nas súas novelas constitúe un personaxe máis á que lle insufla vida coa descrición do ambiente, a xente, a frouma... Dickens foi un autodidacta e gran lector, adiantado da novela por entregas, puxo no foco a explotación infantil, a miseria das condicións de vida do proletariado, a corrupción, as carencias en educación e sanidade dos/das máis pobres. A Biblioteca Central Rialeda adícalle unha exposición bibliográfica para celebrar este bicentenario. Poderás levar en préstamo os textos máis coñecidos do autor inglés (algúns en lingua galega, castelán ou inglés), a película Oliver Twist, interpretada entre outros por Alec Guinness, Robert Newton e Francis L. Sullivan, así como guías de viaxe sobre a súa amada cidade de Londres, sede dos XXX Xogos Olímpicos, neste 2012.

As nosas bibliotecas, destacadas na páxina web do CILIJ

O Centro Internacional del Libro Infantil y Juvenil (CILIJ) da prestixiosa Fundación Germán Sánchez-Ruipérez, a través da súa nova páxina web, destaca ao Sistema de Bibliotecas Públicas Municipais do noso Concello.


A Fundación Germán Sánchez-Ruipérez é unha institución privada e independente sen fins de lucro creada en 1981 polo editor español Germán Sánchez-Ruipérez. Adicada á actividade educativa e cultural, centra a meirande parte dos seus programas na difusión e extensión da cultura do libro e da lectura.

3/3/12

Hora do conto: do 5 ao 8 de marzo

Aquí tes a programación desta semana da hora do conto,
Todas as sesións son ás 18:30 horas.
Biblioteca Pública Municipal "Mª José Ruso". Dorneda
Luns 5 de marzo
CONTACONTOS: Eduvía
TÍTULOS: "Contacontos pola convivencia e a igualdade": “Gatiño negro-branco”, “O vello e o neno”, "Non se permiten rapazas", "A princesa Elisabeth", "Neno ou nena "






Biblioteca Pública Municipal "Federico García Lorca". Montrove
Martes 6 de marzo
CONTACONTOS: Soledad Felloza
TÍTULO: "Ernesto", "O libro dos porcos", "Un mundo de mamás", "Corre, Mary corre"

Biblioteca Pública Municipal "Xograr Mendiño". Lorbé


Mércores 7 de marzo 
CONTACONTOS:  Ratiña Carolina da Compañía do Trinke Trinke
TÍTULOS: “Fab, o monstro amarelo “, “Gato Guille e os monstros”

Biblioteca Pública Municipal "Rosalía de Castro". Santa Cruz
Mércores 7 de marzo
CONTACONTOS: Andrea Bayer
TÍTULOS: “A bruxa Mimi “, “Monstros divertidos”, “Os dous corcovados”, “As pousadeiras do rei” 

Biblioteca Central "Rialeda". Perillo
Xoves 8 de marzo
CONTACONTOS: Marisa Irimia
TÍTULOS: "A miña veciña éche unha bruxa (Historia dunha rapaza valente)", "A pirata escarlata"

(AVISO: Os títulos programados poden sufrir variacións en función do público asistente)

2/3/12

Novidades DVD Cine en Rialeda: marzo 2012

14 novos títulos para empezar o mes
Achégate polo 2º andar da biblioteca ou consulta o listado online


Podes reservar algún título en caso de atoparse prestado, a través do catálogo
(necesario iniciar sesión)