2/2/24

Sobre 3000 alumnas-os dos centros de ensino de Oleiros participarán nas actividades de fomento da lectura que se levarán a cabo nas Bibliotecas Municipais

Sobre 3000 alumnas-os dos centros de ensino de Oleiros participarán nas actividades de fomento da lectura que se levarán a cabo nas Bibliotecas Municipais
Un curso máis as Bibliotecas Públicas Municipais de Oleiros organizan a Programación de actividades de fomento da lectura dirixidas ao alumnado dos centros de ensino deste Concello, co obxectivo de fomentar a lectura, así como que coñezan algunhas das bibliotecas municipais para que as visiten e utilicen no horario en que non permanecen nos seus respectivos centros de ensino.
Levaranse a cabo na Biblioteca Central Rialeda (Perillo), na Biblioteca Municipal Rosalía de Castro (Santa Cruz), no Teatro As Torres e na Biblioteca Municipal Manuel María (Oleiros). Comezarase o 6 de febreiro e realizaranse ata finais de maio. Serán 145 sesións e arredor de 3000 participantes, alumnado de educación infantil, primaria, ESO e bacharelato, acompañados do seu profesorado. 
No dossier presentado aos centros de ensino figuran 61 actividades diferentes, das que o profesorado de cada un dos centros de Oleiros seleccionou un total de 46, que son as que mellor se adaptan á súa programación escolar. En función da idade, do curso que estean realizando e da escolla de cada profesor ou profesora, o alumnado poderá visitar a Biblioteca Central Rialeda, recrearse con contacontos e a narración de historias, achegarse á mitoloxía, divertirse con espectáculos musicais, gozar con pezas de teatro, deleitarse coa poesía, coñecer a produción literaria de autoras-es como Rosalía de Castro, Agustín Fernández Paz, Fina Casalderrey, Álvaro Cunqueiro, Julio Cortázar, Yolanda Castaño e Luísa Villalta, que é a escritora homenaxeada este ano con motivo do Día das Letras Galegas, etc. 
Algunhas das actividades que se levarán a cabo son:
Contacontos como As aventuras de Mariña con Galeatro; Avó e Contos no ar con Ramiro Neira; A gran aventura dos animais con Trémola Teatro; Familias diversas ou O caracol namorado con Trinketrinke Teatro, Os libros da titiriteira con A Xanela do Maxín.
Concertos como Cantos contos canto con Pablo Díaz.
Espectáculos poéticos a cargo da escritora Yolanda Castaño (Premio Nacional de Poesía).
Coñecer a vida e a obra da insigne autora Rosalía de Castro con A miña historia a cargo de Trémola Teatro.
Coñecer a obra de escritores-as como: Álvaro Cunqueiro con Feirantes; de Fina Casalderrey e de Agustín Fernández Paz con Contos de aquí, ambas a cargo de Ramiro Neira ou tamén a Agustín Fernández Paz con Voar sen medo con Chus Álvarez.
Saber quen foi Ánxel Casal con Contos nosos a cargo de Ramiro Neira.
Descubrir un abano de obras pictóricas de todo o mundo con Aproximación á ilustración a cargo do ilustrador Óscar Villán.
Aproximarse á nova mitoloxía con Superheroes ou viaxar a través das viñetas en Viaxe en viñetas co ilustrador Miguel Cuba.
Achegarse á literatura latina con As metamorfoses de Ovidio a cargo de Charo Pita.
Achegarse á microficción con O bo, si breve... ou o obradoiro de poesía con Fogóns poéticos a cargo da poeta Isabel Andrés.
Aproximarse á poesía española con Poéticas: unha viaxe pola historia da poesía española con Chus Álvarez.
Deleitarse coa poesía galega con Poéticas galegas a cargo de Chus Álvarez.
Achegamento á vida e á obra de Luisa Villalta, a autora homenaxeada este ano con motivo do Día das Letras Galegas con A nena do violino e a poesía con Trémola Teatro, A pequena Luísa ou Tinta de mar con Ramiro Neira, Luísa Villalta, entre violín e a poesía a cargo de Charo Pita. 
Con todos estes actos pretendemos favorecer o acceso ao libro en condicións de igualdade para todos os cidadáns; promover a lectura; participar en procesos de creación e expresión oral e escrita; fomentar unha lectura lúdica, crítica e reflexiva e colaborar no proceso de desenvolver a imaxinación e a creatividade. Desde as bibliotecas municipais de Oleiros traballamos para conseguir novos e mellores lectores e lectoras que contribúan a crear unha sociedade máis culta, libre e solidaria. 


31/1/24

Hora do conto: 31 de xaneiro e 2 de febreiro de 2024

Hora do conto: 31 de xaneiro e 2 de febreiro de 2024
- Aforo limitado: chama á biblioteca na que se realiza a actividade e reserva a túa praza. 

Podes inscribirte desde 10 días antes da data de realización de cada unha das mesmas. 

Biblioteca Municipal Rosalía de Castro (Santa Cruz)
Mércores 31 de xaneiro, ás 18:30  
Para crianzas de 2 a 4 anos Aforo completo!!!
ESPECTÁCULO: “O coelliño branco”
CONTACONTOS: Trinketrinke Teatro

Biblioteca Municipal Mª José Trincado (Mera)
Venres 2 de febreiro, ás 18:30  
Para crianzas de 2 a 4 anos Aforo completo!!!
ESPECTÁCULO: “Leo e a música”
CONTACONTOS: Trémola Teatro
AVISO
A-o adulta-o responsable de cada menor de idade deberá permanecer necesariamente no recinto da biblioteca ata que remate a actividade e recolla a-o nena-o.

29/1/24

Tertulia literaria en Santa Cruz: martes 30 xaneiro 2024 (Grupo B)

Biblioteca e Centro de Documentación
da Muller "Rosalía de Castro". Santa Cruz
.
17:30 a 19 h.

Sesión moderada pola profesora de lingua e literatura galegas Pepe Taboada.

Comentario de "Os dous de sempre" de Castelao.
Documentación.

Ao remate da sesión entregaráse a seguinte lectura: "Los reyes de la casa" de Delphine de Vigan.

26/1/24

Recomendacións en Radioleiros: 26 xaneiro 2024

- Infantil (crianzas a partir de 6 anos):

Nuna sabe leer la mente, de Orit Gidali
Birabiro

A Nuna non lle gustou que no cole outro neno lle diga que ten pernas de flamenco. Por sorte, a súa mamá ten a solución: unhas lentes máxicas. A través delas, Nuna descobre que ás veces, as persoas non din o que pensan. Un conto divertido que nos anima a intentar resolver os conflitos cotiáns indo máis aló das simples aparencias e palabras.
 
- Mocidade e persoas adultas:

En la boca del lobo, de Elvira Lindo
Seix Barral

Versión dixital e Audiolibro en eBiblio

Julieta e a súa nai Guillermina chegan a pasar o verán en La Sabina. Dalí saíu Guillermina sendo moi nova, con apenas quince anos e agora volve para facerse cargo dunha pequena casa familiar que o seu único tío lle deixou en herdanza. Nese pobo da España baleirada, os segredos que esconden ambas sairán á luz, descubriremos como ás veces a infancia é demasiado vulnerable e que os lobos feroces de carne e óso están a axexar non só nos bosques.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

23/1/24

Ler para saber A CIENCIA 2024: charlas de divulgación científica na Biblioteca Central Rialeda (Perillo)

Ler para saber A CIENCIA 2024: charlas de divulgación científica na Biblioteca Central Rialeda (Perillo)
Realizamos unha nova programación de “Ler para saber A CIENCIA: charlas de divulgación científica” para os meses de febreiro a maio. Son seis charlas sobre temas científicos dirixidas a nenas e a nenos (a partir de 10 anos de idade), adolescentes e público en xeral, que terán lugar na Biblioteca Central Rialeda (Perillo), os venres 2 e 23 de febreiro, 15 de marzo, 19 de abril, 10 e 24 de maio, ás 18:30 horas.
Os obxectivos que se pretenden conseguir son achegar a ciencia a todas as persoas, ampliar os coñecementos sobre temas científicos de importancia na vida diaria, fomentar o coñecemento específico dunha materia determinada, dinamizar os fondos bibliográficos sobre estes temas, atraer á biblioteca a un público interesado pola ciencia e, en definitiva,  fomentar  a lectura e a consulta de libros que traten estas temáticas.

Programáronse charlas ou obradoiros sobre aspectos diferentes para atraer a un publico de gustos diversos e variados: 
- 2 de febreiro
A ciencia na arte
Gemma Andújar Santos. Profesora de Educación Secundaria

- 1 de marzo
A importancia da conservación dos océanos
Sebastián Losada Figueiras. Ecoloxista e activista. Licenciado en Ciencias do Mar. Asesor de Greenpeace Internacional

- 15 de marzo
Construímos unha nave espacial
Alejandro Cardesín Moinelo. Enxeñeiro e científico de Misións Planetarias

- 19 de abril
O corazón: función, patoloxías e coidados   
Enrique Iglesias Río. Cardiólogo no CHUAC e no Hospital San Rafael

- 10 de maio
Investigación sobre microalgas  
Carmen Rioboo Blanco. Profesora de Microbioloxía na Universidade da Coruña

- 24 de maio
Arquitectura sostible: casa bioclimática e casa ecolóxica
Desde a Biblioteca Central Rialeda invítase a todas as persoas que desexen asistir.

Tertulia literaria en Rialeda: mércores 24 xaneiro 2024 (Grupo A)

Biblioteca Central Rialeda. Perillo.
17:30 a 19:30 h.

Sesión moderada por Cecilia Monllor.

Comentario de "Volver la vista atrás" de Juan Gabriel Vásquez.
Documentación.

Ao remate da sesión entregaráse a seguinte lectura: "Lejos", de Rosa Ribas.

19/1/24

Recomendacións en Radioleiros: 19 xaneiro 2024

Recomendacións en Radioleiros: 19 xaneiro 2024
"Vivan as uñas de cores!" de Alicia Acosta e Luis Amavisca, ilustrado por Gusti- Infantil (crianzas a partir de 5 anos):
"Vivan as uñas de cores!" de Alicia Acosta e Luis Amavisca, ilustrado por Gusti. En NubeOcho.
A Xan gústalle pintar as uñas de cores. Faino simplemente porque goza mirando o divertidas e coloridas que semellan as súas mans. Pero a súa alegría transfórmase en tristeza cando chega á escola e os rapaces métense con el. Dinlle que pintar as uñas é de nenas e fan que se sinta moi mal. Grazas ao apoio da súa familia e do colexio vaise resolver este problema que tanto fai sufrir a Xan.

"A ladroa da biblioteca de Meirás" de Eva Mejuto
- Mocidade e persoas adultas:
"A ladroa da biblioteca de Meirás" de Eva Mejuto. Editado por Xerais.
Dispoñible en Galicia Le
Novela xuvenil ambientada no Pazo de Meirás en xullo de 1948 que conta a historia de Mariña.
Mariña é unha nena espelida e curiosa que pertence a unha familia humilde represaliada polo réxime franquista. É unha namorada dos libros e, para conseguilos, é quen de facer o que faga falta. Ata o punto de que consegue coarse, cada mércores, na Torre da Quimera do Pazo de Meirás para roubar, un a un, os libros da biblioteca que foi de Emilia Pardo Bazán e que agora pertence ao ditador.
Un día reaparece a súa tía Chelo, que é unha resistente contra o franquismo na clandestinidade, e pídelle que entre no Pazo para fotografar uns documentos que ela e os seus camaradas precisan para tender unha emboscada a Franco durante unha visita estival a Meirás.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

16/1/24

62 sesións da hora do conto e actividades de promoción da lectura de xaneiro a maio 2024 en Bibloleiros

62 sesións da hora do conto e diversas actividades de promoción da lectura nas bibliotecas municipais de xaneiro a maio 2024
Unha tempada máis, as Bibliotecas Municipais de Oleiros organizan actividades de promoción da lectura dirixidas a crianzas de 2 a 4 anos e a partir de 5 anos. As sesións de contacontos e concertos terán lugar ás 18:30 h e os obradoiros ás 17:30 h. Desde finais de xaneiro e ata finais de maio, nas sete bibliotecas municipais levaranse a cabo 62 sesións de diferentes actividades infantís, como contacontos, concertos de música, sesións de maxia, obradoiros científicos e de arte, etc., para fomentar á lectura e animar a que as crianzas visiten as bibliotecas no seu tempo libre. Estas actividades realizaranse a través de narración ou dramatización dunha ou varias historias. Tamén haberá música, maxia e outros espectáculos para atraer á lectura ao público infantil. Todos os actos terán un enfoque lúdico, fomentando a imaxinación e  a creatividade, como unha invitación a viaxar a un tempo máxico de ilusión e fantasía. Debido a que o aforo é limitado, é 62 sesións da hora do conto e diversas actividades de promoción da lectura de xaneiro a maio 2024 en Bibloleirosimprescindible reservar praza na biblioteca en que se desenvolva cada unha das actividades. Isto pode facerse chamando por teléfono ou achegándose persoalmente. Poderanse inscribir desde dez días antes da data de realización. Contarase con compañías como Trémola Teatro, Trinketrinke, A Xanela do Maxín, Tarabelos, Proyecto Bululú e Migallas. Contadoras-es como Charo Pita, Ramiro Neira e Anxo Fariña. Artistas como Pablo Díaz, Fran Amil, Antón Ke, Paco Nogueiras e Xoan Curiel e magas como Leo Leíño. Os obxectivos que se intentan conseguir son fomentar a lectura a través do pracer e o gusto por esta, que se divirtan escoitando contos, facer novas lectoras e lectores ou consolidarlles este hábito e promover o descubrimento da diversidade dos libros. Preténdese introducir as crianzas no mundo dos libros a través dunha lectura que poidan comprender, coa que gocen e se entreteñan. Tratarase de espertar unha sensibilidade que faga descubrir o pracer que pode proporcionar a lectura, para que vexan que tamén se divirten e pasan momentos agradables cos libros. Poden solicitar información en calquera das sete bibliotecas municipais e nesta ligazón.

Tertulia literaria en Rialeda: mércores 17 xaneiro 2024 (Grupo B)

Biblioteca Central Rialeda. Perillo.
17:30 a 19:30 h.

Sesión moderada por Cecilia Monllor.

Comentario de "Denuncia inmediata" de Jeffrey Eugenides.
Documentación.

Ao remate da sesión entregaráse a seguinte lectura: "La musa oscura" de Armin Öhri.