25/3/25

Martes 25 de marzo: Presentación da obra "Canto popular gallego" na edición comentada por Manuel Rico Verea

Teatro As Torres. Santa Cruz.
Martes 25 de marzo ás 19:30 h.

Intervirán: Manuel Rico Verea (autor da edición comentada), Rosa García Vilariño (profesora de Lingua e Literatura galegas)

O acto finalizará coa actuación das Pandeireteiras Seixebra, do Grupo de baile e gaitas Santaia.

Canto popular galego, de Luis María Fernández Espinosa é unha edición comentada que pretende rescatar a unha figura clave na historiografía dos cancioneiros galegos de tradición oral.

Manuel Rico Verea desempeñou a súa actividade docente en Madrid, no País Vasco e, a partir de 1978, en Galicia, onde se implica directamente no proceso de normalización da lingua galega. Este compromiso coa cultura propia lévao a desenvolver unha actividade de creación, investigación e publicación de obras sobre a lingua e a literatura galegas, así como sobre a música tradicional, atendendo á súa aplicación pedagóxica. É autor ou coautor de publicacións didácticas pioneiras como a Guía didáctica de preescolar Puff (1981), Cantares (1983) ou o nivel 4 de O noso galego, editado por Xerais. En formato libro, de contido musical, publica o Cancioneiro popular das terras do Tamarela, Imos canta-los nadais, Tantarantán, tarantán, tarantiña, Eu non canto por cantar, cancioneiro xeral, Heiche cantar un conto, cancioneiro infantil galego, Cantos de berce e Eu ben vin, virivín. Cancioneiro infantil para dicir, contar e cantar (Xerais, 2018). Así mesmo, é tradutor, coordinador de coleccións literarias e de suplementos culturais.

Formou parte do grupo musical A Quenlla e actualmente dirixe un taller experimental de música tradicional que publica varios documentos sonoros, entre os que destacan A pulguiña e o pulgón, Cantares, Arrolín, arrolán, Vente vindo, ven cantando e Cantos de berce tradicionais.

Pola súa actividade cultural na radio e na prensa, recibiu o Premio do Ministerio de Cultura ao mellor labor cultural continuado no ano 1985, o Premio do Ministerio de Cultura ao mellor programa radiofónico no ano 1987 e o Premio Xunta de Galicia de xornalismo polo mellor programa musical do ano 1989, que se emitiu en Radio Nacional de España en Galicia.

Desde as bibliotecas municipais invítase a todas as persoas que desexen asistir, ata completar o aforo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario