16/1/25

52 sesións de promoción da lectura con espectáculos da hora do conto e actividades infantís nas bibliotecas de febreiro a maio 2025

52 sesións de promoción da lectura para público infantil con espectáculos da hora do conto e actividades nas bibliotecas de febreiro a maio 2025
Unha tempada máis, as Bibliotecas Municipais de Oleiros organizan actividades de promoción da lectura dirixidas a nenas e nenos de 2 a 4 anos, a partir de 5 anos, e obradoiros para maiores de 6 anos. As sesións de contacontos e concertos terán lugar ás 18:30 h e os obradoiros ás 17:30 h. Desde o 7 de febreiro e ata mediados de maio, nas sete bibliotecas municipais levaranse a cabo 52 sesións de diferentes actividades infantís, como contacontos, concertos de música, obradoiros, etc., para fomentar a lectura e animar a que as nenas e nenos visiten as bibliotecas no seu tempo libre. Estas actividades realizaranse a través de narración ou dramatización dunha ou varias historias, pero tamén haberá música e outros espectáculos para atraer á lectura ao público infantil. Todos os actos terán un enfoque lúdico, fomentando a imaxinación e  a creatividade, como unha invitación a viaxar a un tempo máxico de ilusión e fantasía. Debido a que o aforo é limitado, é imprescindible reservar praza na biblioteca en que se desenvolva cada unha das actividades. Isto pode facerse chamando por teléfono, achegándose persoalmente ou por internet en oleiros.org/bibliotecas/inscribete.
Poderanse inscribir desde dez días antes da data de realización. Contarase con Compañías como Trémola Teatro, Trinketrinke Teatro, A Xanela do Maxín, Tarabelos Teatro, Eduvía e OQO. Contadoras-es como Charo Pita, Ramiro Neira, Marta Ortiz, Iseo a Moura, Catuxa Cela, Raquel Queizás e Raquel Crespo. Artistas como Pablo Díaz e Paco Nogueiras. Os obxectivos que se intentan conseguir son fomentar a lectura a través do pracer e o gusto por esta, que se divirtan escoitando contos, facer novas lectoras e lectores ou consolidarlles este hábito e promover o descubrimento da diversidade dos libros. Preténdese introducir as crianzas no mundo dos libros a través dunha lectura que poidan comprender, coa que gocen e se entreteñan. Tratarase de espertar unha sensibilidade que faga descubrir o pracer que pode proporcionar a lectura, para que vexan que se divirten e pasan momentos agradables cos libros. Poden solicitar información en calquera das sete bibliotecas municipais. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario