12/6/13

Para ler e encantar: guía de suxestións para o verán 2013

As Bibliotecas municipais de Oleiros elaboraron unha guía de lectura titulada  "Para ler e encantar", formada por 272 recomendacións de libros, DVD e CD. Esta escolla foi realizada polo persoal das bibliotecas e nela pódense atopar publicacións moi diversas. Trátase dunha selección de creacións de autoras e autores galegos, españois e internacionais, para distintos gustos,  intereses,  preferencias  e idades.  Boas historias e bos libros para ler, observar ou mirar, películas e discos para gozar e compartir. Desde as bibliotecas municipais ofrécese esta guía de lectura cun dobre obxectivo: presentar obras de calidade literaria, artística ou científica para animar a súa lectura, audición ou visionado e lembrar que un libro, un CD e un DVD son tamén un bo agasallo.
Son 272 libros, DVD e CD que hai nas bibliotecas municipais e que se poden levar en préstamo para as casas. Uns divirten, outros emocionan, fan pensar, provocan a reflexión ou aportan novos coñecementos. Os libros figuran clasificados por idades, para as que se considera que son máis axeitados. A idade para a que se recomenda cada obra é só de forma orientativa, xa que cada  nena ou neno ten un grado de desenvolvemento mental que debemos respectar.  Realizáronse 2000 exemplares que se van a repartir a todo o alumnado desde 6º de educación infantil (5 anos) ata 6º de ensinanza primaria (ambos inclusive) dos centros de ensino público deste Concello, así como nas bibliotecas municipais, pero tamén se vai enviar en formato dixital a todos os socios e socias das bibliotecas que teñan correo electrónico. Agora que se achegan as vacacións do verán, animamos a todas as persoas a que dediquen parte do seu tempo libre a ler algún libro, ver algunha película ou documental e escoitar música, pero principalmente aos nenos/as, adolescentes e mozos/as e lembramos da importancia da lectura na formación integral da persoa.  A facultade lectora non é innata, vaise adquirindo pouco a pouco, por este motivo gustaríanos contribuír a espertar unha sensibilidade que faga descubrir o pracer que pode proporcionar a lectura dun bo libro.

No hay comentarios:

Publicar un comentario