13/6/13

Tertulia literaria en Rialeda: valoración final dos títulos da tempada 2012-2013

Unha vez rematada a tempada de Tertulias literarias na Biblioteca Central Rialeda, é hora de facer balance das propostas literarias que ofrecimos ao longo dos pasados meses.

Os 3 libros máis valorados polas participantes do Grupo A son os seguintes (dun total de 13):

- Las uvas de la ira, de John Steinbeck (8,8)
Forzados pola seca e o acoso dos bancos, os Joad, unha familia de granxeiros da Oklahoma empobrecida dos anos trinta, emprenden un angustioso éxodo ao longo da estrada 66 coa intención de atopar unha vida digna en California. No camiño só encontran miseria, fame, hostilidade, alí por onde pasan... Nada nen ninguén fará que abandonen o seu afán.

- El reflejo de las palabras, de Kader Abdolah (8,45)
Os lazos profundos e indestrutibles entre un pai e un fillo, capaces de perdurar a través do tempo e do espazo grazas ao poder aglutinante da arte e da lingua, son o fundamento narrativo desta novela orixinal e conmovedora, de marcado carácter autobiográfico. Así pois, por medio dos escritos do pai e os interrogantes do fillo, xorde a apaixonante historia do Irán do século XX, desde a implacable obstinación de Reza Kan en modernizalo ata a feroz represión do réxime dos ayatolás.

- Xente ao lonxe, de Eduardo Blanco Amor (7,93)
Froito dun excepcional alento anovador, “Xente ao lonxe” ensambla un amplo abano de tipos humanos e historias entrecruzadas e relatadas con eficaz técnica expresionista. Un ambicioso experimento literario no que se combinan 170 personaxes cunha concepción cinematográfica do relato. Alegato en favor dos desherdados, “Xente ao lonxe” é unha novela total na que se reconstrúe un universo e un tempo.                                                     

Os 3 libros máis valorados polas/os participantes do Grupo B son os seguintes (dun total de 14):

- La fiesta del chivo, de Mario Vargas Llosa (9)
Os ingredientes clásicos da gran literatura de ficción e a capacidade de Vargas Llosa para diseccionar a máquina de terror posta en marcha polo dictador dominicano Trujillo conforman unha novela que é moito más que un relato histórico. Estamos ante un magnífico tratado de psicopatoloxía social. 
Mario Vargas Llosa foi Premio Nobel de Literatura no ano 2010.

- La mancha humana, de Philip Roth (8,4)

Philip Roth lembra nesta novela a dobre moral da sociedade norteamericana con toda a complexidade do problema racial. Distintas caras dunha sociedade que ao aferrarse a valores como a raza, a relixión e a orientación sexual, na defensa do seu individualismo sobre todo na defensa dos seus mesquiños intereses, perde parte da liberdade conquistada.

- A miña planta de laranxa lima, de José Mauro de Vasconcelos (8,2)
A obra máis emblemática de José Mauro de Vasconcelos, é una novela en gran parte autobiográfica sobre as vivencias de Zezé, un pequeno de cinco anos con soños de poeta entre a miseria e a incomprensión. Un relato social que retrata ao Brasil máis desfavorecido pero tamén un relato cheo de lirismo e sensibilidade. Publicado en 1968, vendeu máis de medio millón de exemplares en Brasil.

Unha vez máis, agradecemos a fidelidade e interese amosado a todas e todos os participantes en ambos grupos, emprazándovos para unha nova tempada que empezará aló polo mes de outubro.

No hay comentarios:

Publicar un comentario