1/9/23

Recomendacións en Radioleiros: 1 setembro 2023

- Infantil (a partir de 3 anos):

Queda sitio na vasoira?, de Julia Donaldson
Patasdepeixe

Un relato cheo de humor sobre unha bruxa e a súa vasoira. Unha viaxe polo ar chea de aventuras, de maxia e humor pero sobre todo de xenerosidade, amizade, traballo en equipo e agradecemento.
 
- Mocidade e persoas adultas:

Leña menuda, de Marta Barrio
Tusquets

Versión dixital en eBiblio

Unha historia que combina reflexións sobre a maternidade pero tamén sobre que ocorre cando se presenta a necesidade dun aborto terapeútico e as restriccións legais impídeno.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

25/8/23

Recomendacións en Radioleiros: 25 agosto 2023

- Infantil e Xuvenil:

Click, de Kayla Miller
Maeva Young

Primeiro volume dunha serie protagonizada por Olivia, unha rapaza que se leva ben con todo o mundo na escola. Pero as cousas complícanse para ela cando o seu titor anuncia na clase que se achega a data do festival anual e que deben decidir o que van facer. Todos e todas forman grupos. Será entón cando Olivia se decata que non encaixa, mesmo cos seus mellores amigos que xa tiñan decidida a súa actuación sen contar con ela.  
Olivia terase que enfrentar a unha situación inusual para ela.


- Mocidade e persoas adultas:

Mendel el de los libros, de Stefan Zweig
Acantilado

Narra as tribulacións de Jakob Mendel, un pequeno libreiro de vello, alguén que atopa sempre os libros que outro precisa, unha enciclopedia viva, un catálogo de libros andante cunha memoria prodixiosa. Este excéntrico personaxe pasa os días sentado na mesma mesa do café Gluck na Viena de principios do século XX. Inmerso na lectura dalgún libro, alleo ao que pasa ao seu redor. Capaz de ignorar unha guerra que cambiaría o mundo. O azar e unha serie de malos entendidos farán que o acusen de traidor. Tras pasar anos de exilio e calamidades, Mendel regresa a súa mesa do café Gluck, pero Mendel xa non será o pequeno libreiro de vello, igual que o mundo xa non será o mundo que era.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

18/8/23

Recomendacións en Radioleiros: 18 agosto 2023

- Infantil e xuvenil:

Historias fascinantes da ciencia en Galicia, de Eduardo Rolland e Manuel Rey. Ilustracións de Andrea López Álvarez
Embora

Obra de divulgación científica formada por 40 historias de temas científicos, de curiosidades, de inventos, de estudos da natureza, da bioloxía, do medio ambiente, da astronomía, etc.

Presenta, dunha forma atractiva e sinxela, temas como os das seguintes preguntas, pero tamén moitos outros:
Sabías que un galego inventou a máquina multiplicadora e que se conserva no museo da compañía IBM en Nova York?
Sabías que nos montes de Lugo habitaron mamuts?
Sabías que outro galego deseñou, en 1865, un aparello que emitía sons que imitaban á voz humana, adiantándose á creación da voz sintética e ás "máquinas que falan"?
Coñeces a relación de Newton coa batalla de Rande? O ilustre científico cuñou libras co ouro e a prata capturados en Vigo en 1702, cando era director da Casa da Moeda de Inglaterra.
Gustaríache saber cando podes ver estrelas fugaces en Galicia?
Sabías que a fervenza do Ézaro, que cae desde 40 m de altura e nunha enseada do mar, é un fenómeno case único en Europa?
Sabías que ao pé duns dos cantís máis altos de Europa continental, os de Vixía Herbeira (na Serra da Capelada, en Teixedelo, preto de San Andrés de Teixido) pode verse unha das poucas praias de area negra non volcánica do mundo, debido ás características xeolóxicas da zona de Ortegal?

Unha obra moi interesante que recomendamos para todas as persoas, a partir de 11 anos aproximadamente.

- Mocidade e persoas adultas:

Una Odisea, de Daniel Mendelsohn
Seix Barral

Un emotivo relato sobre a relación entre pai e fillo a través da lectura do clásico de Homero, pero tamén unha análise extraordinaria de A Odisea, mesturando literatura de viaxes, estudo filolóxico e a memoria persoal.

Jay Mendelsohn, un matemático xubilado de 81 anos, decide inscribirse no seminario sobre A Odisea que imparte o seu fillo na universidade. Nese momento non se imaxinaba a aventura emocional e intelectual na que ambos estaban a punto de embarcarse. O pai, coa súa mentalidade científica, vai interrompelo nas súas clases, cuestionar as súas ideas, o que provocará diferentes reaccións no resto do alumnado, e o fillo, como profesor, terá que rebater esas cuestións, e interrupcións, para non perder o control da clase.

O pai ve o mundo cos ollos dun ríxido matemático, a volta ás aulas supón para el a última oportunidade para coñecer un dos grandes clásicos da literatura que sempre se lle resistira, pero, sobre todo, a última ocasión para tratar de entender o seu fillo, un prestixioso escritor, amante dos clásicos e homosexual. Non comprende como se pode considerar a Odiseo como un heroe, se perdeu a maioría dos seus homes, que confiaban nel, e foi infiel á súa esposa. Para el son a sorte ou os deuses os que o acaban salvando dos problemas nos que se mete.

Nun momento dado, ambos marchan de cruceiro temático polo Mediterráneo recorrendo lugares asociados ás peripecias de Odiseo. Xuntos van explorar os restos dunha vida e esas paisaxes novas, pero tamén as zonas escuras que Daniel non coñecía de seu pai, un home práctico e taciturno.

Cunha linguaxe moi coidada e diferentes símbolos, preséntanos o tema da busca do sentido da vida, a cuestión da paternidade e problemas que poden xurdir no ensino. O autor convéncenos da actualidade dos clásicos e da importancia da súa lectura.
Para ler esta obra non é necesario ter lido de antes A Odisea de Homero, pero si se vai acabar sabendo moito dela.
Estamos ante unha excelente novela, cunha lectura moi agradable, na que un pai busca o seu fillo, pero tamén o fillo intentará coñecer mellor o pai.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

16/8/23

Na mochila: letras de ir e vir en Rialeda

 

A viaxe e as escapadas por lecer asócianse aos meses de verán, mais existen outro tipo de desprazamentos exteriores e interiores, migracións vitais, exilios ou paradas que supoñen renuncias ou un novo empezar.

Estas 34 lecturas guíanos a través de roteiros literarios e destinos imaxinados. Viaxes ao pasado e no presente, memorias persoais e viaxes iniciáticas, cun pequeno oco para as aventuras fuxidías de agosto.

Achégate ao vestíbulo da Biblioteca Rialeda e enche o espazo da túa mochila lectora!


11/8/23

Recomendacións en Radioleiros: 11 agosto 2023

- Infantil (a partir de 6 anos):

A casa enmeigada, de Jan Pieńkowski
Patasdepeixe

A casa enmeigada é un lugar vello e pintoresco e parece que corre algo de friaxe... Na porta colga o cartel ENTRA SEN CHAMAR!

Libro para ler e sobre todo para tocar, porque para descubrir todo o que agocha esta terrorífica mansión hai que levantar as solapas e tirar das frechas que agochan inquietantes sorpresas.

- Mocidade e persoas adultas:


El tiempo de las moscas, de Claudia Piñeiro
Alfaguara

Audiolibro en eBiblio

Claudia Piñeiro retoma a historia de Inés, a protagonista de Tuya, que sae do cárcere no que estivo 15 anos presa por matar á amante do seu exmarido.

Inés non é a mesma muller e trata de ser práctica e adaptarse a unha sociedade que tamén cambiou. Asóciase coa única amiga que fixo en prisión, a Manca, e poñen en marcha unha empresa dobre na que Inés se encarga de fumigar e a Manca de investigar como detective privada. Deste xeito abaratan costes e xuntas tratan de sobrevivir  fóra do cárcere.

A súa rutina diaria vai verse alterada logo de recibir un misterioso e inquietante encargo dunha das súas clientas habituais...

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

10/8/23

Premios María Moliner de Fomento da Lectura 2023


Un ano máis, o proxecto de fomento da lectura presentado polas Bibliotecas Municipais de Oleiros, denominado “Mergúllate na lectura”, foi seleccionado pola Comisión de Valoración da XXIII Campaña de animación a la lectura María Moliner convocada polo Ministerio de Cultura en colaboración coa FEMP.

O proxecto titúlase “Mergúllate na lectura” e nel describíronse as actividades de promoción da lectura e de extensión cultural planificadas pola Biblioteca Central Rialeda, que se levaron a cabo entre os meses de marzo de 2022 a marzo de 2023. Entre todas, podemos destacar as da Hora do conto, recitais de poesía, os talleres de banda deseñada, obradoiros de ilustración, a campaña de promoción da lectura dirixida ao alumnado dos centros de ensino, as charlas de divulgación científica Ler para saber, as recomendacións de libros en Radioleiros, a entrega de premios ás socias e socios máis lectores das bibliotecas municipais, encontros con escritores/as e presentacións de libros, roteiros literarios, conmemoración de datas significativas (Día de Rosalía de Castro, Día da Muller, Día da Poesía, Día do Libro Infantil e Xuvenil, Día do Libro, Día das Letras Galegas, Día das Bibliotecas, o Nadal), clubs de lectura e Tertulias literarias, roteiros literarios, exposicións bibliográficas, etc.

Entre os 557 proxectos presentados por bibliotecas de municipios con menos de 50.000 habitantes de todo o Estado Español, seleccionaron 370 nos que se recoñecen as mellores iniciativas de promoción lectora a nivel de todo o Estado. Nesta selección figuran 15 bibliotecas de Galicia entre as que está Oleiros. Hai que ter en conta que a Comisión prioriza especialmente as actividades realizadas en municipios de menos de 25.000 habitantes, ás que lles dá máis puntos, para apoiar as zonas máis despoboadas, pero a pesar de isto, Oleiros, que conta con máis de 36.000 habitantes, saíu seleccionado.

O premio consiste en 2.772,22 € que se destinarán á adquisición de libros para as bibliotecas municipais, en función das súas necesidades, e para completar os seus fondos bibliográficos en beneficio de todos os veciños e veciñas do municipio.

Grazas por participar nas nosas actividades, grazas por facer biblioteca!!

 



4/8/23

Recomendacións en Radioleiros: 4 agosto 2023

- Infantil (a partir de 6 anos):

Semilla y huevo, textos de Alex Latimer con ilustracións de David Litchfield
Blume

Un fermoso álbum infantil que fala da amizade e da defensa da propia identidade.

Semente e Ovo coñecéronse nunha tarde radiante. Estaban moi contentas porque ambas eran dun tamaño e dunha forma semellante. Empezaron a verse todos os días e, cun cruce do dedo maimiño, prometeron ser amigas para sempre. Pero ao chegar a primavera aconteceu algo estraño. Semente empezou a botar raíces, despois medroulle un brote e de repente atopouse plantada na terra, sen poder moverse. Non podía correr, nin saltar, nin nadar coa súa amiga, como fixera antes. Cada día Ovo ía visitala, pero un día Ovo chegou máis tarde do habitual. Semente estaba intranquila ata que escoitou un trino que saía detrás dunha gran rocha. Preguntou se era ela e cando Ovo saíu do seu acocho, Semente comprobou que non era a mesma de antes...

Preséntanos a amizade entre dous seres diferentes e como esta pode estar por encima de todo, pero tamén a defensa da propia identidade ao explicar, dunha forma moi sinxela debido a que é dirixido a nenas e nenos pequenos, como unha semente se pode converter nunha árbore e un ovo nun paxariño, e seguir sendo amigas.


Unha obra ideal, cunhas suxestivas ilustracións, para que os máis pequenos aprendan a coñecer estes procesos da natureza.

- Mocidade e persoas adultas:

A orillas del mar, de Abdulrazak Gurnah
Salamandra

Versión dixital e Audiolibro en eBiblio

Premio Nobel de Literatura no ano 2021

Unha novela que trata o tema da colonización europea en África, a experiencia do exilio e o sentimento de culpa.

Os protagonistas son dous emigrantes que chegan a Inglaterra con varias décadas de diferencia.

Fuxindo do seu país Saleh Omar, un comerciante de 65 anos, chega ao aeroporto de Gatwick-Londres cun pasaporte falso baixo o nome de Shaabán, e solicita asilo en Reino Unido. Ven só cunha mochila que contén algunha roupa e un pequeno cofre de caoba cun produto que polo olor parece incenso. É oud-al-qamari. Oud significa madeira en árabe e é un produto moi valioso para os perfumistas. O traballador da aduana, Kevin Edelman, di que ten que envialo a analizar. Shaabán dáse conta de que vai quedar sen o cofre. Sabía que o goberno británico decidira conceder asilo aos que viñeran do seu país e que alegaran que a súa vida corría perigo, pero o traballador (fillo de pais refuxiados de Romanía) non o recibe con agrado. Shaabán, seguindo o consello do que lle vendera o billete de avión, finxe non saber inglés, a pesar de que estudara nunha escola inglesa. A raíz disto os Servizos Sociais, para poder comunicarse con el, recorren a Latif Mahmud, un poeta da mesma nacionalidade, profesor e tamén exiliado en Londres. Cando os dous homes empezan a coñecerse, tras diferentes conversas nunha cidade xunto ao mar, vai aparecendo unha longa historia de amores e traizóns...

Paralelamente a todo isto, tamén conta a historia de Hussein, un mercader persa de Bahréin, que comerciaba con perfumes e incenso. En 1960, Sleh Omar (Shaabán) puxo en marcha un negocio de mobles e antigüidades no seu país. Á súa nova tenda, un día chegou Hussein e interesouse por unha mesa de ébano. Nese momento non fixeron ningún trato, pero continuou indo a miúdo ata que chegaron a un acordo polo prezo da mesa. Unha cantidade pagaríalla en metálico e a outra parte cun paquete de 10 Kg de oud. Cando llo trouxo, entregoulle de agasallo o cofre que lle acababa de levar o traballador da aduana...

Describe a vida en Zanzíbar, pero tamén fala de culturas como a hindú, a árabe, a persa, etc. ao mesmo tempo que vai narrando as vivencias e os problemas dos exiliados.

Unha excelente obra, cunha boa prosa, que presenta os efectos do colonialismo, as diferencias entre culturas e continentes e os sufrimentos dos protagonistas, refuxiados desarraigados que se senten vítimas. Non están integrados en Reino Unido pero tampouco ven posibilidades de volver ao seu país, son estranxeiros no país de acollida e no país de orixe.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

28/7/23

Recomendacións en Radioleiros: 28 xullo 2023

- Infantil (a partir de 8 anos):

O enigma de Mona Lisa, de María Noel Toledo
Galaxia

Versión dixital en GaliciaLe

Mariel explora o faiado dos seus avós na procura dun vestido para unha obra de teatro. Un misterioso retrato e unha carta de amor dan lugar a unha investigación interesante.
 
- Mocidade e persoas adultas:

Babysitter, de Joyce Carol Oates
Alfaguara

Versión dixital en eBiblio

Unha trama negra no Detroit de 1977. Baseándose en feitos reais, a escritora pasea pola cidade xa en decadencia pola crise da industria do automóbil, visitando diversas realidades sociais que conviven no mesmo espazo físico.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

21/7/23

Recomendacións en Radioleiros: 21 xullo 2023

"Por cuatro esquinitas de nada" de Jérôme Ruillier
Recomendacións en Radioleiros: 21 xullo 2023
- Infantil (menores de 6 anos):
"Por cuatro esquinitas de nada" de Jérôme Ruillier. En Juventud.
A Cadradiño encántalle xogar cos seus amigos os Redondiños. Un día Cadradiño atópase cun problema: todos entran na casa grande menos el que non pasa pola porta porque é redonda. Sinxela e preciosa metáfora sobre como deberían realizarse os cambios necesarios para a inclusión de todas as persoas na sociedade.
"Carol" de Patricia Highsmith
- Mocidade e persoas adultas:
"Carol" de Patricia Highsmith. Editado por Faktoría K.
Novela de amor entre mulleres, publicada por primeira vez en 1952 baixo pseudónimo, que desafiou os estereotipos sobre a homosexualidade lésbica e que se le coa mesma fascinada atención que espertan as súas novelas de suspense.

Consulta a dispoñibilidade da adaptación cinematográfica en Bibloleiros.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

19/7/23

O valor social das bibliotecas

O valor social das bibliotecas
A Dirección Xeral de Cultura puxo en marcha un estudo titulado "O valor social das bibliotecas" co obxectivo de coñecer a percepción que ten a cidadanía sobre os servizos bibliotecarios dispoñibles.
Esta iniciativa servirá para coñecer como valora a sociedade o servizo que ofrecen as bibliotecas públicas e como contribúen ao benestar e desenvolvemento da sociedade. Servirá para cuantificar, visibilizar e poñer en valor as achegas das bibliotecas para as persoas usuarias e para a sociedade no seu conxunto, en termos tanto económicos como de benestar colectivo.
Tanto as persoas usuarias das bibliotecas como as persoas que habitualmente non usan este servizo poderán participar a través dunha sinxela enquisa á que poderás acceder escaneando o código QR que atoparás nas bibliotecas, ou clicando nesta ligazón. Se o prefires, na biblioteca tamén dispoñemos de cuestionarios en papel.
A enquisa é anónima e non se recollerán datos de carácter persoal.
Poderás participar ata o 30 de xullo.
Agradecemos de antemán a vosa participación.
Fonte: xunta.gal

17/7/23

Cecilia Monllor recomenda... neste verán 2023!

Presentámosche as recomendacións literarias de Cecilia Monllor, xornalista e coordinadora dos clubs de lectura da Rialeda e de Santa Cruz desde hai 25 anos.

La autopista Lincoln, de Amor Towles
Versión dixital en eBiblio
Audiolibro en eBiblio
POR QUE? Porque é un libro de aventuras, de valores, de momentos para repensar a ética e porque este autor asegura a diversión do público lector, sempre.
  
La casa de caramelo, de Jennifer Egan
POR QUE? Porque o tema é moi novidoso e a súa autora pon o foco no mundo dixital e nas redes sociais e cóntanos a historia de diversos personaxes na procura dunha conexión real nun mundo cada vez máis dixitalizado e hiperconectado. E xenerou unha conversa arredor da súa novela, o cal é para ter en conta. Ademáis Jennifer Egan gañou o premio Pulitzer cunha novela anterior.
 


Los ecos del pantano, de Elly Griffiths
Versión dixital en eBiblio
POR QUE? Porque imos coñecer a Ruth Galloway, unha peculiar arqueóloga forense que amosa a súa pericia para entretecer o pasado e o presente nos casos que se lle presentan.
 


Flores en el infierno, de Ilaria Tuti
Versión dixital en eBiblio
POR QUE? Porque estamos ante unha ópera prima de éxito inmediato en Italia non só literario senón tamén audiovisual. Ademáis, o  verán é sempre un tempo ideal para ler novela negra.
 


Libre, de Lea Ypi
POR QUE? Porque precisamos memoria e esta moza escritora albanesa apórtanola. Para amantes das novelas de experiencias persoais. Esta é fresca, divertida e lévanos a Albania, un país nada coñecido e con moita historia ás costas.
 


Madres e hijos, de Colm Toibín
Versión dixital en eBiblio
POR QUE? Porque é dos autores con voz propia que non defraudan.
 


 Middlesex, de Jeffrey Eugenides
Versión dixital en eBiblio
POR QUE? Non é novidade e iso importa menos que nada pois pode atoparse en librerías e bibliotecas. Eugenides prantexa a mutación dun xen en tres xeracións dunha familia grega. É incríble, orixinal na súa exposición e no seu fondo. Unha novela inesquecible e impactante.
 


Los misterios de la taberna Kamogawa, de Hisashi Kashiwai
Versión dixital en eBiblio
POR QUE? Porque queremos ler historias cheas de tenrura e esta cumpre o requisito. Os protagonistas son unha parella de detectives formada por pai e filla do Kamogawa Shokudo, un restaurante agochado en Kioto, que sempre está cheo. O éxito entre a clientela radica en que este dúo singular especializase en preparar exactamente o prato que o público anhela e lembra do seu pasado e non é quen de reproducir ou atopar.
 


No hablemos más de amor. de Hervé Le Tellier
POR QUE? Porque resulta interesante, aínda que nalgúns momentos teña un argumento enredado. Nas antípodas de "La anomalía", en canto á posibilidade de ser programas replicados. Aquí hai un universo pechado e moi do gusto do público amante das novelas de psicoanálise e dramas psicolóxicos.
 


Pequeñas desgracias sin importancia, de Miriam Toews
POR QUE? Porque garda un equilibrio perfecto entre o drama e a comedia, entre o entrañable e o arrepiante e porque as historias de familias resúltanos moi atractivas.
 


Los perseguidos, de Fernando Benzo
POR QUE? Porque é unha novela negra sobre as segundas oportunidades, con personaxes de trasfondo moral nun mundo corrupto e violento.
 


Siempre hemos vivido en el castillo, de Shirley Jackson
POR QUE? Porque a señora Shirley Jackson é toda unha personaxe que inqueda. É verán e queremos tamén durmir a siesta e ter doces... ou non tan doces soños.
 


El tiempo de las moscas, de Claudia Piñeiro
Audiolibro en eBiblio
POR QUE? Porque é coma unha vella amiga á que xa limos. Ademáis o tema resulta curioso: a vinganza das mulleres... Oh, ah, vaia! «Mujeres estafadas por un hombre hay muchas, pero repudiadas por la madre como por la hija, no tantas». Ohhhhhh.

Feliz verán!!!


Prezado Agustín

Prezado Agustín
"Se tivese que definirme en poucas palabras, diría que son unha persoa que atopa pracer en inventar historias e contalas por medio da escritura. Un contador de historias, aínda que isto sempre debería colocalo en segundo lugar, porque o que de verdade me gusta é ler o que escriben outras persoas. E ler e escribir, como ben sabemos, son as dúas caras dunha mesma moeda. As historias, os libros: o fío invisible que nos une a todas as persoas do planeta."
Un autor que recibiu numerosos premios, entre os que podemos destacar o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil pola fermosa obra “O único que queda é o amor”. Un referente ético para todas-os, unha persoa que sempre defendeu a lingua galega, fomentou a lectura e destacou o seu compromiso polo ensino público. 
Hai sete anos do pasamento de Agustín Fernández Paz. O seu falecemento deixounos a todas-os un pouco orfas-os, mais como “escritor galego para a humanidade” como a el lle gustaba definirse, deixa un brillante ronsel que durará sempre xa que “os libros son imprescindibles para axudar a soñar e a vivir”. Queremos adicar unha exposición ao autor de Vilalba na Biblioteca Central Rialeda (Perillo) ao autor de, entre moitas obras, “Contos por palabras”, un dos escritores máis recoñecidos da literatura galega, máis lidos, máis estimados polas-os lectoras e lectores e máis recomendados na emisora municipal Radioleiros (105.5 FM) que deixa unha obra literaria fundamental. Poderían ser moitas as exposicións e homenaxes adicadas a Agustín. Desta volta escollemos, da súa fecunda colleita literaria, títulos orientados ao lectorado desde os 6 anos ata a xuventude. Fermosas narracións para o seu querido público infantil e a mocidade!!!

14/7/23

Recomendacións en Radioleiros: 14 xullo 2023

"Perdido?" de Oliver Jeffers
Recomendacións en Radioleiros: 14 xullo 2023- Infantil (menores de 6 anos):
"Perdido?" de Oliver Jeffers. Editado por Patasdepeixe.
Conta a historia dun neno que atopa un pingüín, de semblante moi apenado, na porta da súa casa. Convencido de que a súa tristura é pola morriña do seu fogar, o neno decide axudalo a voltar coa súa familia. Cando chegan ao seu destino, teñen que despedirse. O neno pensa que unha vez na súa casa, o animal saltará de emoción e ledicia pero a verdade é que aínda semella máis tristeiro. Esta historia está baseada nun feito real. A dun neno que, durante un paseo polo zoo de Belfast, entrou no recinto dos pingüíns e, sen que ninguén se decatase, levou un bebé pingüín.

"Lejos" de Rosa Ribas
- Mocidade e persoas adultas:
"Lejos" de Rosa Ribas. En Tusquets.
A escritora catalana está considerada unha das mellores escritoras de novela negra de España. Pero esta vez, con "Lejos", cambia de rexistro. Todo transcorre nunha urbanización no medio da nada. Unha desas chamadas “esqueletes arquitectónicos”, unha desas moitas que se construíron en España hai anos, durante a burbulla inmobiliaria. Alí, estableceranse dúas comunidades: a oficial, a das colonias de residentes e a clandestina, a da okupación. Dous mundos separados por unha valado, tanto físico como social.

Dispoñible en eBiblio

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

12/7/23

Milan Kundera, 1929-2023: a arte de mesturar ficción e ideas, fondura e lixeireza

Milan Kundera, 1929-2023: a arte de mesturar ficción e ideas, fondura e lixeireza
Foi un dos últimos xigantes da literatura do século XX. Milan Kundera faleceu aos 94 anos. Entre os seus libros máis destacados están "La insoportable levedad del ser", título do que vendeu millóns de exemplares en todo o mundo a mediados dos 80 e "El arte de la novela". Sempre tivo unha complexa relación coa súa Chequia natal. De pasado estalinista, acabou sendo represaliado e o rexime comunista chegou a prohibir os seus libros. Abandonou o seu país e refuxiouse en París. Despois de ter recibido a cidadanía checa en 2019 e tras vivir 40 anos no exilio, o autor de "La insoportable levedad del ser" achegouse ás súas raíces coa doazón da súa biblioteca e arquivo á súa cidade natal, Brno.
"La fiesta de la insignificancia" foi unha lectura recomendada en Radioleiros.
A obra "La ignorancia" foi obxecto de análise nas tertulias literarias.
Títulos de Kundera dispoñibles en eBiblio
Visita a expo de Kundera que temos para ti no vestíbulo da Biblioteca Central Rialeda (Perillo).