2/9/22

Recomendacións en Radioleiros: 2 setembro 2022

- Xuvenil (a partir de 10 anos):

As músicas viaxeiras, de Ramón Caride. Ilustracións de Dani Padrón
Xerais

Versión dixital en GaliciaLe

Un libro de aventuras que trata da igualdade de xénero e da ruptura de estereotipos.

En tempos remotos, cando a xente aínda tiña medo das cousas que andaban de noite, dos meigallos, cando non había redes informáticas nin intelixencias artificiais, nun reino que ninguén lembra había un rei que quería casar a súa filla, Albaflor, co príncipe herdeiro do reino veciño, que lle dobraba a idade e ao que ela non coñecía.
Albaflor debaixo da súa aparente submisión alentaba un espírito rebelde, e non entendía como os homes podían ir a onde quixeran e as mulleres non, o motivo polo que tiñan que pasar a vida no interior dos pazos. Decidiu escapar. Na fuxida atopouse con outras tres mulleres, que se dedicaban a cantar. Como ela tamén cantaba ben, propuxéronlle que as acompañara indo de feira en feira e de romaxe en romaxe, tocando e cantando coplas...

A través da cantiga tradicional as mulleres tiñan un pequeno espazo de liberdade e podían expresar a súa rebeldía. Moitas das cantigas populares teñen un dobre sentido: parece que falan dunha cousa, cando en realidade están contando outra que non se podía falar en público.


Como nos di o seu autor, esta publicación fai “unha revisión dos contos tradicionais actualizados desde o punto de vista das súas protagonistas femininas” e tamén é a continuación dun libro seu anterior Andanzas de Xan Farrapeiro, cunha neta dese personaxe, María Farrapeira, unha das catro músicas viaxeiras, pero é un libro que se pode ler de forma independente.

Unha divertida historia, con princesas rebeldes e músicas ventureiras que nos lembran que non todos os contos son exactamente como nolos contaban.

- Mozas/os e adultas/os:


Pequena Inglaterra, de Ioanna Karistiani
Hugin e Munin

Por esta obra, a autora recibiu o Premio Nacional de Literatura de Grecia. Publicada por primeira vez en Atenas en 1997, desde ese momento sucedéronse as reimpresións e as traducións a diversas linguas. En español está publicada na editorial Lengua de Trapo. En galego publicouse en Hugin e Munin en 2018.

Pequena Inglaterra é o nome que os armadores do Exeo lle deron á illa de Andros, que é a máis septentrional das Illas Cícladas.

A novela desenvólvese na primeira metade do século XX (principalmente entre os anos vinte e os corenta), co mar Exeo e a illa Andros de marco, presentando a forma de vida desta comunidade composta principalmente por familias de mariñeiros.
Narra a vida dunha familia, xunto coa de diversos habitantes, principalmente de mulleres que, ao tempo que administran a casa e crían os fillos, agardan a chegada dos seus homes que están embarcados.
Savvas é un capitán da mariña mercante que pasa a maior parte do tempo navegando polos mares de todo o mundo e ven ver a súa familia cada dous ou tres anos. A súa muller, Mina, de carácter forte, fría e calculadora, goberna a familia segundo a tradición, aumenta o patrimonio mercando propiedades, concerta os casamentos das súas fillas Orsa e Moscha sen contar coa opinión delas, etc., pero non sempre acontece como ela quere...
Orsa era introvertida, solitaria, soñadora, fermosa, calada...
Moscha, a irmá pequena, era rebelde, inconformista, mandona, máis autónoma e independente, sociable, que sentía envexa da súa irmá maior porque era a preferida do pai e que non quería casarse cun mariño...

Asistimos á vida no mar, desgracias, amores cruzados, vodas... Todo isto complicarase coa chegada da Segunda Guerra Mundial...


Os sentimentos e as relacións humanas é o verdadeiramente importante nesta obra. Di a autora “Las entrañas de los seres humanos son los sentimientos y la fuerza de estos sentimientos es atemporal”. O amor, a perda, as renuncias, o mar e a dura paisaxe das Cícladas serán os principais temas polos que xirará esta narración. Vemos as relacións de poder, a xerarquía, a obediencia aos proxenitores, a falta de comunicación dentro da familia, a vinganza, os celos, a soidade, a forza do amor...
Ao estilo das traxedias gregas clásicas, estamos ante unha traxedia moderna de amores segredos na Grecia dos anos 30.

Magníficamente levada ao cine en 2013, polo director Pantelis Voulgaris e con guión da propia Karystiani.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

26/8/22

Recomendacións en Radioleiros: 26 agosto 2022

- Infantil (a partir de 8 anos):

Historias da Fraga Revirada, de Xosé Tomás
Galaxia

Versión dixital en GaliciaLe

Cando chegamos á Fraga Revirada é como se nos adentráramos nun mundo máxico onde cada animal ten unas cualidades propias e excepcionais, un mundo onde o máis importante para todos é o coidado do medio no que conviven, pero tamén a fraga é un canto á diversidade e ás diferencias.

- Mozas/os e adultas/os:

 
Adiós, Hemingway, de Leonardo Padura
Tusquets

Unha novela negra que ten como foco da historia os últimos meses do escritor Ernest Hemingway na cidade da Habana, pouco antes de regresar a Estados Unidos. Mario Conde, o investigador protagonista das novelas policíacas de Padura averiguará a identidade dun cadáver descuberto na antiga casa habaneira do escritor norteamericano, corenta anos despois de que este morrera.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

19/8/22

Recomendacións en Radioleiros: 19 agosto 2022

- Infantil (primeiras/os lectoras/es):

Un paseo en barca, de Sergio Ruzzier
Liana

Unha boa opción para introducir ás crianzas na lectura de cómic debido á disposicións das imaxes e pola sinxeleza da estrutura. Ademáis posúe unhas acertadas doses de humor xa que se trata das aventuras de dous amigos moi especiais, o raposo Fox e o poliño Chick. Dous protagonistas case antagónicos pola súa natureza pero que saben levarse ben simplemente porque son amigos e se entenden. Chick é nervioso, inquedo, está a preguntar constantemente. Fox, pola súa banda, é tranquilo, aleccionador e con moita paciencia.

- Mozas/os e adultas/os:

La isla de las mujeres del mar, de Lisa See
Salamandra

Versión dixital en eBiblio

A historia do libro recupera a figura dunhas mulleres excepcionais, as “haenyeo”, as mulleres buceadoras da illa de Jeju en Corea do Sur. A novela abarca gran parte do século XX, de 1938 a 2008. Céntrase na vida de Young-sook e a súa amiga Mi-Ja, ambas buceadoras aínda que de aldeas e antecedentes familiares diferentes. Haenyeo ven significar “mulleres do mar” e bucean en apnea (a pulmón). A súa tradición remóntase alomenos ao século XVII.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

12/8/22

Recomendacións en Radioleiros: 12 agosto 2022

- Infantil (a partir de 6 anos):

Salvaje, de Emily Hughes
Libros del Zorro Rojo

Historia dunha nena que vive feliz e libre na natureza criada polos animais do bosque. Un día, a familia dun famoso psiquiatra acolle á nena pero, tras estudar o seu comportamento, queda claro para todas e todos que non se pode domar algo tan felizmente salvaxe.

Álbum con exuberantes e expresivas ilustracións que sorprenderá a primeiras/os lectoras/os e que nos invita a reflexionar sobre o que consideramos bo ou malo na educación e nas normas sociais.

- Mozas/os e adultas/os:

La señora March, de Virginia Feito
Lumen

Versión dixital en eBiblio
Audiolibro en eBiblio

A señora March é unha muller adiñeirada, que vive nun exclusivo barrio de Manhattan, e que está casada cun famoso escritor de éxito chamado George. Todo cambia para ela cando, unha mañá calquera, a dependenta da pastelaría insinúalle que a protagonista do novo libro de George parece inspirada nela. Este comentario fai saltar todo polos aires e confirma os medos e inseguridades da señora March que entra nunha espiral de obsesión e paranoia que a fai desconfiar de todo e de todos…

Primeira novela de Virginia Feito na que a autora explora a fraxilidade da identidade e o peso das expectativas nun mundo marcado polas apariencias.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

5/8/22

Recomendacións en Radioleiros: 5 agosto 2022

- Infantil (nenas-os menores de 6 anos):

"¡A jugar fuera!" de Laurent Moreau. En Plataforma Editorial.
Premio UNICEF de Literatura Infantil. Categoría 3-5 anos. Edición 2020
Un fermoso álbum ilustrado que fai un canto á imaxinación e á riqueza e diversidade da natureza.
Unha nai cansa do ruído que fan os fillos na casa, dilles: parade un rato!, porque non saídes a xogar fóra. Hoxe vai un día precioso, en vez de estar dando voltas en redondo na habitación, saíde ao xardín, veredes que tamén é divertido.
Nas primeiras páxinas acompañan ao texto unhas sinxelas ilustracións que lembran os debuxos infantís, con pouca cor e nas que predomina a páxina en branco, pero nas seguintes failles distintas propostas e xa van estar cheas de figuras e colorido: Podedes ir ao horto a regar as fresas, ou recoller flores para facer un novo ramo, ou tombarvos na herba e adiviñar a forma das nubes, ou xogar ao pilla-pilla, ou, coa imaxinación, recorrer o mundo como grandes aventureiros, imaxinades que embarcades nun gran veleiro e facedes unha viaxe moi longa, etc. Son páxinas que presentan unha natureza desbordante e nas que figuran multitude de animais diversos.
Os nenos fanlle caso e atopan un mundo imaxinario enorme que deciden mostrarlle...
Recorrendo as diversas paisaxes do mundo: desertos, montañas, ríos, selvas, etc. descobren máis de 250 especies que en 8 páxinas figuran clasificadas pola súa orixe e o seu nivel de perigo de extinción. Por exemplo, o orangután de Indonesia e Malasia está en perigo crítico de extinción, o loro gris de cola vermella é unha ave de África que está en perigo, ou o guepardo de África e Oriente Medio está en situación vulnerable, etc.
Un libro, cun divertido final, que recomendamos para nenas-os menores de 6 anos, nunha lectura acompañados dun adulto ou adulta, pero que tamén lles vai gustar ás nenas-os maiores desas idades e que lles axudará a coñecer mellor diferentes animais.
- Mozas-os e adultas-os:
"Hamnet" de Maggie O’Farrell. Editado por Libros del Asteroide.
Women’s Prize for Fiction
 National Books Critics Circle Award
 Mellor novela do ano 2021 segundo El País
Unha emotiva obra de ficción inspirada na breve vida dun neno de 11 anos de idade, que faleceu en Stratford, no verán de 1596, e que se supón que era fillo de William Shakespeare.

Partindo da historia familiar de Shakespeare, e mesturando ficción e realidade, descríbenos a vida nunha Inglaterra rural, no século XVI. Preséntanos a Agnes, unha moza diferente, gran coñecedora das herbas medicinais, que casa cun preceptor de latín e se traslada a vivir a unha minúscula casa situada ao lado da dos sogros. No seu matrimonio teñen tres fillos: Susanna, a maior e os xemelgos Judith e Hamnett...
Asistimos á dificultade da vida nesta época, á dureza dos invernos, ao negocio da fabricación de luvas do pai de Shakespeare, ás penosidades para dar a luz e ao medo que o parto producía, ao contaxio da peste, ao que lle chamaría a atención nalgunhas rúas de Londres a unha persoa que non vivise alí e fose por primeira vez, á descrición de como era un corral de comedias, etc.
A mala relación entre Shakespeare e seu pai, e porque a el non lle interesaba continuar co negocio do pai, fai que marche para Londres a abrirse camiño como autor teatral e montar un corral de comedias.
Segundo varias entrevistas que lle realizaron á autora, o obxectivo que persegue é: dignificar e amplificar a vida dese neno que foi esquecido, escribir sobre a vida dun home ao que lle faleceu o fillo, ademais de mostrar que (ao seu parecer) a súa muller non foi como nos contaron.
Unha reflexión sobre a fraxilidade da vida, a dor e a perda, ao mesmo tempo que afonda no coñecemento da vida familiar nun entorno rural da Inglaterra no século XVI.
Unha novela moi ben escrita, conmovedora, que transmite unha gran sensibilidade, que confirma a O’Farrell como unha das voces máis brillantes da literatura inglesa actual.
 
Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

3/8/22

AVISO: o luns 8 de agosto 2022 a Biblioteca Manuel María (Oleiros) abrirá ás 11:00

A Biblioteca Municipal "Manuel María" (Oleiros) abrirá o luns 8 de agosto ás 11:00 h. O horario de atención ao público será de 11:00 a 13:30 h.

Pregamos desculpen as molestias

29/7/22

Recomendacións en Radioleiros: 29 xullo 2022

- Infantil (a partir de 4 anos):

O Maio: versos de Manuel Curros Enríquez ilustrados por Blanca Millán
Galaxia

Unha festa visual que fai deste clásico da literatura galega un pracer estético. Edición ideal para agasallo cun magnífico traballo plástico.

- Mozas/os e adultas/os:

Una educación, de Tara Westover
Lumen

Versión dixital en eBiblio

Texto autobiográfico dunha nena que medra nas montañas de Idaho sen ir á escola nen ter médico. Unha historia extraordinaria de superación que fomenta a reflexión e formula unha chea de preguntas.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.