5/8/22

Recomendacións en Radioleiros: 5 agosto 2022

- Infantil (nenas-os menores de 6 anos):

"¡A jugar fuera!" de Laurent Moreau. En Plataforma Editorial.
Premio UNICEF de Literatura Infantil. Categoría 3-5 anos. Edición 2020
Un fermoso álbum ilustrado que fai un canto á imaxinación e á riqueza e diversidade da natureza.
Unha nai cansa do ruído que fan os fillos na casa, dilles: parade un rato!, porque non saídes a xogar fóra. Hoxe vai un día precioso, en vez de estar dando voltas en redondo na habitación, saíde ao xardín, veredes que tamén é divertido.
Nas primeiras páxinas acompañan ao texto unhas sinxelas ilustracións que lembran os debuxos infantís, con pouca cor e nas que predomina a páxina en branco, pero nas seguintes failles distintas propostas e xa van estar cheas de figuras e colorido: Podedes ir ao horto a regar as fresas, ou recoller flores para facer un novo ramo, ou tombarvos na herba e adiviñar a forma das nubes, ou xogar ao pilla-pilla, ou, coa imaxinación, recorrer o mundo como grandes aventureiros, imaxinades que embarcades nun gran veleiro e facedes unha viaxe moi longa, etc. Son páxinas que presentan unha natureza desbordante e nas que figuran multitude de animais diversos.
Os nenos fanlle caso e atopan un mundo imaxinario enorme que deciden mostrarlle...
Recorrendo as diversas paisaxes do mundo: desertos, montañas, ríos, selvas, etc. descobren máis de 250 especies que en 8 páxinas figuran clasificadas pola súa orixe e o seu nivel de perigo de extinción. Por exemplo, o orangután de Indonesia e Malasia está en perigo crítico de extinción, o loro gris de cola vermella é unha ave de África que está en perigo, ou o guepardo de África e Oriente Medio está en situación vulnerable, etc.
Un libro, cun divertido final, que recomendamos para nenas-os menores de 6 anos, nunha lectura acompañados dun adulto ou adulta, pero que tamén lles vai gustar ás nenas-os maiores desas idades e que lles axudará a coñecer mellor diferentes animais.
- Mozas-os e adultas-os:
"Hamnet" de Maggie O’Farrell. Editado por Libros del Asteroide.
Women’s Prize for Fiction
 National Books Critics Circle Award
 Mellor novela do ano 2021 segundo El País
Unha emotiva obra de ficción inspirada na breve vida dun neno de 11 anos de idade, que faleceu en Stratford, no verán de 1596, e que se supón que era fillo de William Shakespeare.

Partindo da historia familiar de Shakespeare, e mesturando ficción e realidade, descríbenos a vida nunha Inglaterra rural, no século XVI. Preséntanos a Agnes, unha moza diferente, gran coñecedora das herbas medicinais, que casa cun preceptor de latín e se traslada a vivir a unha minúscula casa situada ao lado da dos sogros. No seu matrimonio teñen tres fillos: Susanna, a maior e os xemelgos Judith e Hamnett...
Asistimos á dificultade da vida nesta época, á dureza dos invernos, ao negocio da fabricación de luvas do pai de Shakespeare, ás penosidades para dar a luz e ao medo que o parto producía, ao contaxio da peste, ao que lle chamaría a atención nalgunhas rúas de Londres a unha persoa que non vivise alí e fose por primeira vez, á descrición de como era un corral de comedias, etc.
A mala relación entre Shakespeare e seu pai, e porque a el non lle interesaba continuar co negocio do pai, fai que marche para Londres a abrirse camiño como autor teatral e montar un corral de comedias.
Segundo varias entrevistas que lle realizaron á autora, o obxectivo que persegue é: dignificar e amplificar a vida dese neno que foi esquecido, escribir sobre a vida dun home ao que lle faleceu o fillo, ademais de mostrar que (ao seu parecer) a súa muller non foi como nos contaron.
Unha reflexión sobre a fraxilidade da vida, a dor e a perda, ao mesmo tempo que afonda no coñecemento da vida familiar nun entorno rural da Inglaterra no século XVI.
Unha novela moi ben escrita, conmovedora, que transmite unha gran sensibilidade, que confirma a O’Farrell como unha das voces máis brillantes da literatura inglesa actual.
 
Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario