13/11/20

Recomendacións en Radioleiros: 13 novembro 2020

- Intantil (a partir de 10 anos):
"Plan de rescate" de Antía Yáñez. Ilustracións de Xiana Teimoy. Editado por Xerais.
Premio Agustín Fernández Paz pola Igualdade 2019 convocado polo Instituto de Estudos Chairegos, o Concello de Vilalba e a editorial Xerais.
Un libro de aventuras sobre o asalto a un colexio por uns encapuchados con escopetas. Encerran no comedor ao alumnado e ao profesorado, excepto a uns poucos alumnos e alumnas que estaban nunha clase de apoio pero que os secuestradores non o sabían.
Estes alumnos e alumnas son:
Xeila, guapa e fachendosa, cun pelo louro sempre perfecto, á que lle custa pronunciar os erres e os eses, a pesares de ser moi faladora.
Heitor, ten varios tics e a veces dálle un mal o que lle provoca que se mova de xeito incontrolado.
Aldán, un neno que ten dificultades para expresarse e utiliza pictogramas.
A narradora, Noela, anda nunha cadeira de rodas.
Cando estaban na clase oíron un estrondo enorme, polo que a profesora Xoana foi ver o que pasara. Como tardaba tanto, Noela decidiu acender o ordenador da clase e aí saben que na radio están falando do seu colexio, ao que acudiu a policía, e xa len “Posible asalto ao CEIP O Horreo”. Ante isto, urden un plan para axudar aos seus compañeiros e compañeiras e ao profesorado.
Unha obra que nos fala de amizade, de compañeirismo e a importancia de traballar por un mundo máis inclusivo.
 
- Mozas-os e adultas-os:
"Stoner" de John Williams. Editado en Baile del Sol.
Versión orixinal en inglés.
Para diversos críticos literarios e escritores “Stoner” é unha obra mestra que estivo ignorada durante algún tempo. Cunha  excelente narración, descríbenos a vida do profesor William Stoner. Naceu a finais do século XIX nunha pequena granxa no Misuri Central. Desde pequeno tiña que axudar na granxa familiar. Aos 17 anos os seus ombreiros comezaron a encurvarse polo peso das duras tarefas que desenvolvía nunha casa solitaria, onde el era o fillo único dunha familia metodista. Cando acabou a secundaria pensaba que tería que facerse cargo dos traballos máis duros, pero, grazas a que un representante do condado foi falar co pai, ese outono puido comezar os seus estudos de agricultura na universidade. Vivía na casa dun primo de súa nai, na que tamén tiña que traballar para poder pagar o aloxamento e a manutención.
No segundo curso vai desenvolver unha paixón pola materia de literatura inglesa, baixo a mestría dun profesor temido e aborrecido pola maioría dos seus alumnos. A causa disto, no segundo semestre interrompe os seus estudos na facultade de agricultura e cambia para os de literatura. Esta decisión cambiaría a súa vida, converténdose, nun futuro, en profesor de literatura da Universidade de Misuri-Columbia, onde levaría unha vida dedicada totalmente a este traballo, pero equivocándose na súa vida familiar.
Asistiremos a intrigas académicas, a un matrimonio desgraciado, unha filla moi querida pero pola que non loitou para educala el directamente e que acaba converténdose nunha muller infeliz, un amor extramatrimonial...
Cunha fermosa e precisa prosa, e un espléndido estilo, directo e convincente, estamos ante un libro que fala da cultura do esforzo, do amor pola literatura, da rectitude no exercicio da súa profesión e de non deixarse corromper.
 
Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.


12/11/20

En Bibloleiros celebramos os 100 anos de Gianni Rodari!

Celebramos o centenario do nacemento deste marabilloso escritor italiano sendo 2020 o ano no que se cumpren ademáis os 40 anos da súa morte e 50 da obtención do Premio Hans Christian Andersen, o galardón máis prestixioso da literatura infantil. Rodari foi xornalista, escritor, militante político, mestre, pedagogo, gramático da fantasía e "matemático" creador dos binomios máis imaxinativos da literatura infantil. Agasallounos con obras inolvidables (consulta a dispoñibilidade dos títulos que temos en Bibloleiros nesta ligazón) e a máis bela e revolucionaria das verdades: a imaxinación nos libera!
Le esta interesante conversa imaxinaria con Agustín Fernández Paz e visita a bonita web adicada ao seu centenario!
Bibloleiros únese a esta celebración con exposicións bibliográficas nas nosas bibliotecas. Visítaas! #bibliotecasegura #culturasegura

6/11/20

Aviso: Suspensión de actividades nas Bibliotecas Municipais

En cumprimento da Orde do 4 de novembro de 2020 (DOG nº 223, de 4 de novembro de 2020) pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e en aplicación das medidas de prevención específicas nos concellos a que se refire o número catro do punto segundo de dita orde, temos que suspender, desde o día 9 de novembro, as actividades programadas nas Bibliotecas Públicas Municipais, como son as sesións da Hora do conto e as Tertulias literarias.

Recomendacións en Radioleiros: 6 novembro 2020

 - Xuvenil (a partir de 10 anos):

Xelís, o guieiro das botellas de mar, de Rosa Aneiros, con ilustracións de Andrés Meixide
Xerais, 2019

Versión dixital en Galiciale

Xelís tenta impedir unha marea de plásticos que ameaza a illa de Otlic. Para iso conta coa axuda de Ilva, o avó Jónas e a súa extraordinaria fábrica de luz. Un libro con conciencia ecolóxica que potencia a autoestima.

- Moz@s e adult@s:


Las cartas de Chawton, de Jane Austen
Alba, 2019

Versión dixital en Galiciale

Esta escolma de Kathryn Sutherland permítenos coñecer o ambiente familiar no que vivía Jane Austen xunto a ideas, inquedanzas e as negociacións cos editores encargados da súa obra. Un documento de grande valor literario, social e histórico dunha muller que abriu camiños.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

4/11/20

Centenario do nacemento de Miguel Delibes en Bibloleiros

Infancia. Morte. Natureza. Castela. Mundo rural... eis os principais leitmotiv da obra literaria de Delibes. Temas recorrentes debatidos nas tertulias literarias das nosas bibliotecas e suxeridos nas Recomendacións en Radioleiros. O 17 de outubro de 2020 celebrouse o centenario do nacemento de Miguel Delibes. Bibloleiros súmase ao conxunto de institucións que conmemoran o nacemento do escritor nado en Valladolid e nas bibliotecas municipais de Oleiros ofrecémosche exposicións bibliográficas adicadas á obra do autor valisoletano. Entre moitas entidades que podes visitar vitualmente, a Fundación Miguel Delibes, a Biblioteca Nacional, o xornal El norte de Castilla, impulsan unha serie de actividades destinadas a divulgar aspectos da súa vida e da súa obra. Tamén podes gozar en GaliciaLe das seguintes obras: "La bruja Leopoldina y otras historias reales", "Cinco horas con Mario", "Siestas con viento sur", "El hereje", "Los niños", "El camino" e "Vivir al día". Na Rede hai moitos recursos audiovisuais sobre Miguel Delibes, seleccionamos para ti: "La voz de Delibes", "Delibes, la X de Max", "Miguel Delibes a fondo", "Miguel Delibes, 100 años", "Delibes a los cien".

2/11/20

Javier Reverte: sempre no camiño...

 Deixounos Javier Reverte, xornalista e escritor, pero sobre todo: viaxeiro.

“Un buen libro, como un buen viaje, es aquel que te cambia”

“Me gusta ser extranjero; así se analizan mejor las cosas"


“Deambular es la mejor manera de viajar”

"El viaje es, sobre todo, una aventura sensual y sentimental"


Foi corresponsal de prensa e subdirector do xornal "Pueblo", guionizou programas de TVE... e finalmente dedicouse con éxito á literatura, a cal non abandonou ata o final.

Escribíu máis de 20 libros de viaxes xunto con novelas, memorias, biografías e obra poética.
Na planta baixa da Biblioteca Rialeda expoñemos unha ampla selección da súa obra.

Nestes tempos pouco propicios para desfrutar de novas experiencias, achégate á Biblioteca Rialeda e emprende a viaxe... polo planeta Javier Reverte.

30/10/20

Ler conta moito e a Hora do conto: 3 a 6 de novembro 2020 #bibliotecasegura #culturasegura

Biblioteca Pública Municipal Manuel María (Oleiros)
Martes 3 de novembro, ás 18:30
Para nenas-os a partir de 6 anos Aforo completo!!!
CONTACONTOS: Fátima Fernández
TÍTULO: “A miña familia animal”

Biblioteca Pública Municipal Rosalía de Castro (Santa Cruz)
Mércores 4 de novembro, ás 18:30
Para nenas-os a partir de 6 anos (imprescindible reservar praza, tlf.: 981 626 338)
CONTACONTOS: Paula Carballeira
TÍTULO: “Contos de bruxas e curuxas”

Biblioteca Central Rialeda (Perillo)
Xoves 5 de novembro, ás 18:30
Para nenas-os a partir de 6 anos (imprescindible reservar praza, tlf.: 981 639 511)
CONTACONTOS: Ramiro Neira
 TÍTULO: “Re-contos”

Biblioteca Pública Municipal Ánxel Fole (Nós)
Venres 6 de novembro, ás 18:30
Para nenas-os a partir de 6 anos Aforo completo!!!
CONTACONTOS: Soledad Felloza
TÍTULO: “Os esqueletos divertidos e outras historias”                                                        
AVISO

Atendendo á razón de interese esencial no ámbito específico da saúde pública e coa finalidade do seguimento e vixilancia epidemiolóxica do COVID-19, será necesario notificar os datos persoais das/dos participantes ao persoal da biblioteca que coordine a organización do evento.

Recomendacións en Radioleiros: 30 outubro 2020

- Infantil (a partir de 4 anos): 

"Ata 10" de Laura Titimoki. En Galaxia.

Procedente da escola do “Garaxe Hermético” de banda deseñada, esta ilustradora tráenos unha proposta didáctica para ensinar a contar a nenas e nenos. Un libro imaxinativo que mestura a calidade das ilustracións con textos moi traballados.

 - Mozas-os e adultas-os: 

"Economía canalla: la nueva realidad del capitalismo" de Loretta Napoleoni. Editado por Paidós.

O comercio sexual en Europa, as prácticas bancarias, os produtos falsificados por empresas chinesas e a filantropía de famosas-os en África son estudados pola xornalista e economista italiana, experta en lavado de cartos nunha paisaxe máis ampla que permite ter unha mellor perspectiva da economía global.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

27/10/20

Tertulia literaria en Rialeda: 28 outubro 2020 (Grupo B)

Biblioteca Central Rialeda
(Casiña de actividades)
B1: 16:00 a 17:15 h.
B2: 17:30 a 18:45 h.
B3: 19:00 a 20:15 h.

Comentario de Así empieza lo malo, de Javier Marías
Documentación

Seguinte lectura: Vestido de novia, de Pierre Lemaitre

1º trimestre nas Tertulias Literarias de Rialeda

Biblioteca Central Rialeda. Perillo


Programación Grupos A:

- La vegetariana, de Han Kang
        (14 de outubro a 4 de novembro)
- La librería ambulante, de Christopher Morley
        (4 de novembro a 2 de decembro)
- Pensa nao, de Anxo Angueira
        (2 de decembro a 16 de decembro)
- Intemperie, de Jesús Carrasco
        (16 de decembro a 13 de xaneiro)



Programación Grupos B:

- Así empieza lo malo, de Javier Marías
        (14 a 28 de outubro)
- Vestido de novia, de Pierre Lemaitre
        (28 de outubro a 25 de novembro)
- O exército de fume, de Manuel Gago
        (25 de novembro a 9 de decembro)
- Las hijas de Hanna, de Marianne Fredriksson
        (9 de decembro a 20 de xaneiro)

1º trimestre nas Tertulias Literarias de Santa Cruz

Biblioteca e Centro de Documentación da Muller "Rosalía de Castro". Santa Cruz

Programación Grupos A:

- República luminosa, de Andrés Barba
        (27 de outubro a 17 de novembro)
- Unha viaxe pola lírica medieval
        (17 de novembro a 1 de decembro)
- Adiós, Hemingway, de Leonardo Padura
        (1 de decembro a 12 de xaneiro)

Programación Grupos B:

- Paisajes de invierno, de Milagros Frías
        (3 a 24 de novembro)
- Antoloxía do Conto Galego: século XX
        (24 de novembro a 15 de decembro)
- Salir a robar caballos, de Per Petterson
        (15 de decembro a 19 de xaneiro)



23/10/20

Ler conta moito e a Hora do conto: 28 a 30 de outubro 2020 #bibliotecasegura #culturasegura

Biblioteca Pública Municipal Rosalía de Castro (Santa Cruz)
Mércores 28 de outubro, ás 18:30
Para nenas-os de 3 a 5 anos Aforo completo!!!
CONTACONTOS: Fátima Fernández
TÍTULO: “A ron ron o meu neno”

Biblioteca Pública Municipal Xograr Mendiño (Lorbé)
Xoves 29 de outubro, ás 18:30
Para nenas-os a partir de 6 anos Aforo completo!!!
CONTACONTOS: Ramiro Neira
TÍTULO: “Cores”

Biblioteca Central Rialeda (Perillo)
Xoves 29 de outubro, ás 18:30
Para nenas-os de 3 a 5 anos Aforo completo!!!
CONTACONTOS: Charo Pita
TÍTULO: “As apertas”

Biblioteca Pública Municipal Mª José Trincado (Mera)
Venres 30 de outubro, ás 18:30
Para nenas-os a partir de 6 anos Aforo completo!!!
CONTACONTOS: Caxoto
TÍTULO: “Contos para durmir cun ollo aberto"

                                                       AVISO
Atendendo á razón de interese esencial no ámbito específico da saúde pública e coa finalidade do seguimento e vixilancia epidemiolóxica do COVID-19, será necesario notificar os datos persoais das/dos participantes ao persoal da biblioteca que coordine a organización do evento.

Recomendacións en Radioleiros: 23 outubro 2020

- Infantil (a partir de 8 anos):

Vampira de biblioteca, de Ledicia Costas con ilustracións de Víctor Rivas
Xerais, 2020


Eleonora convídanos a visitar a biblioteca na que vive traballando de vampira: é a encargada de papar os insectos que roen as páxinas dos libros. Unha historia divertida que require confianza…

- Mozas/os e adultas/os:

El arte de llevar gabardina, de Sergi Pámies
Anagrama, 2019

Trece contos escritos con sentimento e detalles autobiográficos nos que vemos pasar o século XX: o exilio dos seus pais, a transición española, a caída do muro, os atentados do 11-S, conformando un conxunto orixinal vestido sempre de gabardina.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.