21/10/20

24 de outubro: Día das Bibliotecas "Sempre ao teu carón"

Desde o ano 1997, cada 24 de outubro, celébrase o Día das Bibliotecas, en lembranza da destrución da Biblioteca de Sarajevo, incendiada en 1992 durante o conflito balcánico. Unha efeméride que busca resaltar a importancia que teñen as bibliotecas para a historia como resgardo da cultura e dos seus escritos, e como un instrumento de mellora da formación e a convivencia humana. A partir do ano 2019, o Ministerio de Cultura e Deporte incorporou o lema “Aptas para todos os públicos”.

A edición deste ano é baixo o lema “Bibliotecas, sempre ao teu carón” para destacar o papel das bibliotecas como acceso á cultura, ao coñecemento e ao entretemento en calquera lugar e circunstancia.

Nas Bibliotecas Públicas Municipais de Oleiros, co obxectivo de conmemorar este día, desexamos mostrar os nosos centros como lugares de acceso á cultura, á educación, á formación e ao aprendizaxe, pero tamén como espazos de lecer e de entretemento. Queremos fomentar a lectura e aumentar o préstamo de libros, dvds e cds. Gustaríanos que as nenas e os nenos se divertiran escoitando contos e que os adultos e adultas participen nos nosos clubs de lectura.

A continuación presentamos algunhas das actividades e invitamos a todas as persoas a que nos visiten e leven fondos bibliográficos en préstamo. Levaremos a cabo contacontos, exposicións, mostras bibliográficas, escollas de libros, sopas de letras, etc. durante a semana anterior e posterior a esta data.

Biblioteca Central Rialeda. Perillo  

- Abecedario de sorpresas. Unha escolla de libros e películas para deixarse seducir por lecturas imprevistas. Cada letra do alfabeto lévanos a unha palabra ou a un concepto que nos pon sobre a pista do argumento, tema, idea en torno ao que xira a lectura que se propón.
Descubre historias inesperadas, asómbrate con relatos cos que non tiñas cita.

- Contacontos: 22 de outubro ás 18:30 h. “A noite da visita” con Soledad Felloza (para nenas e nenos a partir de 6 anos)

Biblioteca Pública Municipal "Rosalía de Castro". Santa Cruz

- Exposición “A visión das Bibliotecas no cine". Ao longo dos anos puido comprobarse que a visión das bibliotecas no cine é moi diferente se se trata de cine americano ou de español. Nas películas americanas as bibliotecas aparecen moito máis que na cinematografía española debido a que a/o cidadá/n americano, desde hai moito tempo, utiliza as bibliotecas como un servizo máis, pero tamén é importante ver que biblioteca presentan, como é o local, como é o persoal da biblioteca, etc. porque moitas veces non ten nada que ver coa realidade actual.

- Contacontos: 21 de outubro ás 18:30 h. “Dada o duende” con Eduvía (para nenas e nenos a partir de 6 anos)

Biblioteca Pública Municipal "Mª José Trincado". Mera

- Exposición “Próxima estación”. Libros para todas as idades que invitan a viaxar, a través das súas páxinas, a un lugar, sexa real ou imaxinario.

- Contacontos: 30 de outubro ás 18:30 h. “Contos para durmir cun ollo aberto” con Caxoto (para nenas e nenos a partir de 6 anos)

Biblioteca Pública Municipal "Mª José Ruso". Dorneda

- Exposición “Próxima estación”

- Contacontos: 19 de outubro ás 18:30 h. “Contos de outono” con Soledad Felloza (para nenas e nenos a partir de 3 a 5 anos)

Biblioteca Pública Municipal "Xograr Mendiño". Lorbé

- Exposición "As bibliotecas na literatura". Contos e historias de bibliotecas para todas as idades.

- Contacontos: 29 de outubro ás 18:30 h. “Cores” con Ramiro Neira (para nenas e nenos a partir de 6 anos)

Biblioteca Pública Municipal "Ánxel Fole". Nós

- Exposición "Bibliotecas cheas de libros e libros cheos de bibliotecas". Contos e historias de bibliotecas para todas as idades.

- Contacontos: 23 de outubro ás 18:30 h. "Eu quero" con Ramiro Neira (para nenas/os de 3 a 5 anos)

Biblioteca Pública Municipal "Manuel María". Oleiros

- Mostra "Novidades de Banda Deseñada". O máis recente tanto para público adulto como infantil.

- Contacontos: 20 de outubro ás 18:30 h. "O pirata e o boticario e outras historias de grandes autores" con Soledad Felloza (para nenas e nenos a partir de 6 anos).

#DíaDasBibliotecas #SempreAoTeuCarón #DíaDeLasBibliotecas #SiempreAtuLado

No hay comentarios:

Publicar un comentario