8/1/25

Intelixente. Sensible. Burleiro: centenario do nacemento do naturalista, presentador de televisión e novelista Gerald Durrell (1925-2025)

Intelixente. Sensible. Burleiro: centenario do nacemento do naturalista, presentador de televisión e novelista Gerald Durrell (1925-2025)
Gerald Malcolm Durrell naceu na India o 7 de xaneiro de 1925. A nenez de Durrell transcorreu na India, (aínda pertencía daquela ao Imperio Británico), e dalí é a lembranza da súa primeira visita a un zoo, momento que abre a súa paixón pola conservación da natureza e o amor aos animais.  A partir de 1935, a súa estadía na illa grega de Corfú, foi de grande importancia para a súa formación e foi contada de forma moi ocorrente en parte dos seus libros. Viaxou por todo o mundo para estudar e recoller exemplares para zoolóxicos e acuarios. Estas viaxes convertéronno nun firme defensor da vida salvaxe e comprometeuse en protexela. En 1963, fundou o Durrell Wildlife Conservation Trust en Jersey, nas Illas do Canal, co obxectivo de protexer especies en perigo de extinción. Unha cápsula do tempo soterrada en 1988 no Zoo de Jersey, que forma parte da súa fundación, conserva unha das súas citas máis fermosas: "Agardamos que haxa lucecús na noite para vos guiar e bolboretas nas sebes e bosques para vos saudar. Agardamos que nas vosas alboradas escoitedes unha orquestra de paxaros e que o son das súas ás e a opalescencia da súa cor vos fascinen. Agardamos que siga existindo a extraordinaria variedade de criaturas que comparten o planeta connosco para vos marabillar e enriquecer as vosas vidas como o teñen feito connosco".

Exposición bibliográfica para conmemorar o centenario do nacemento de Gerald Durrell na Biblioteca Rosalía de Castro (Santa Cruz)
A Biblioteca Central Rialeda (Perillo) e a Biblioteca Municipal Rosalía de Castro (Santa Cruz) ofrécenche senllas exposicións bibliográficas para conmemorar o centenario do seu nacemento.

Libros dispoñibles en eBiblio
Libros de Gerald Durrell en Bibloleiros
Ligazóns de interese:

No hay comentarios:

Publicar un comentario