28/9/23

Parabéns, Yolanda Castaño!!!

Parabéns, Yolanda Castaño!!!
Yolanda Castaño
foi galardoada co Premio Nacional de Poesía 2023 do Ministerio de Cultura y Deporte, pola súa obra "Materia". Xa obtivo con "Materia" o Premio da Crítica Española 2022 ao mellor libro de poesía en galego
O xurado destacou a súa obra “pola poderosa proposta poética na que cada estado da materia se expresa nun ton propio, con poemas dunha metafísica doente e orixinal, que apunta tanto á vangarda como á orixe cunha extraordinaria forza evocativa e sensorial”. 
Tamén sinalou que en "Materia", Yolanda Castaño "amosa unha poesía metafórica que dialoga coa memoria persoal e colectiva, á vez, directa, radical e feminista. Explora, de forma non complacente, temas como a maternidade, a familia e os costumes e logra sacar a realidade da súa nebulosa habitual para concretala en materia lingüística, destacando o xogo verbal e rítmico que cuestiona o establecido”. Yolanda Castaño é licenciada en Filoloxía Hispánica pola Universidade de A Coruña, onde tamén realizou estudos audiovisuais. A poeta iniciou a súa andaina literaria a mediados dos noventa, cando publicou poemas soltos e a súa obra debut, "Elevar as pálpebras" (1995). Posteriormente lanzou "Delicia" e "Vivimos no ciclo das erofanías" (1998). "O libro da egoísta" (2003), "Profundidade de campo" (2007) ou "A segunda lingua" (2014) son algúns dos seus títulos.
Máis alló da súa actividade poética, Castaño traballou como xestora cultural independente, chegando a crear a súa propia Residencia para escritoras-es en Galicia. Desde 2009 dirixe festivais, obradoiros de tradución poética e un ciclo mensual de recitais con poetas galegas-os e internacionais.
Nas bibliotecas municipais de Oleiros contamos en numerosas ocasións coa presenza de Yolanda Castaño: no programa de actividades de promoción da lectura que Bibloleiros organiza todos os anos para os centros de ensino do concello co seu "Espectáculo poético visual" e o "Contacontos en verso". O seu libro "Verdedades", ilustrado por Xosé Tomás, foi suxestión de lectura no programa Recomendacións en Radioleiros. Foi a biógrafa de Xela Arias na obra titulada "Xela quixo ser ela: biografía de Xela Arias", presentado no Teatro As Torres (Santa Cruz) en maio de 2021.
Lévate en préstamo os libros de Yolanda que temos ao teu dispor no vestíbulo da Biblioteca Central Rialeda (Perillo).

Parabéns, Yolanda Castaño!!!

No hay comentarios:

Publicar un comentario