23/2/23

23 de febreiro: Día de Rosalía de Castro

23 de febreiro: Día de Rosalía de CastroRosalía ensínanos a mirar e a escoitar...
...Se só cantamos as pombas e as flores, as luces de cores dos nosos autorretratos dixitais, de que teremos a alma? do manifesto Cumpríuse a xustiza de Carme Adán para a AELG.
 
O 23 de febreiro conmemoramos o Día de Rosalía de Castro, data do seu nacemento. Rosalía de Castro é un símbolo para o pobo galego, unha das grandes poetas da literatura galega e española do século XIX e unha das figuras emblemáticas do Rexurdimento galego. Un ano máis, as Bibliotecas Municipais de Oleiros xuntámonos á iniciativa que promove a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega  e celebramos o aniversario do nacemento da autora. A  AELG propón á cidadanía desde 2010 que agasalle un libro en galego e unha flor. O lema escollido para este 2023 foi #cumpriuseaxustiza.
 
En 2023 Carme Adán foi a persoa escollida para a redacción do Manifesto da AELG, que será lido no acto central do Día de Rosalía de Castro, (sábado 25 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, Santiago de Compostela). Podes ler o manifesto nesta ligazón e ao carón da expo adicada á Rosalía de Castro no vestíbulo da Biblioteca Central Rialeda (Perillo). Para as-os máis novas-os, nesta biblioteca, celebraremos a Rosalía de Castro cunha sesión de contacontos, ás 18:30 para nenas-os a partir de 6 anos, a cargo de Trémola Teatro titulada "Rosalía de Castro: a miña historia".

Na Biblioteca Municipal Rosalía de Castro (Santa Cruz) pódese gozar dunha mostra da obra rosaliana: sempre temos as verbas de Rosalía a nosa poeta máis popular, querida e admirada para que se faga xustiza co pobo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario