6/5/22

Recomendacións en Radioleiros: 6 maio 2022

- Xuvenil (a partir de 12 anos):

Ardora, de Beatriz Maceda Abeleira
Urco

A escritora coruñesa Beatriz Maceda cóntanos a historia de Nereida, a protagonista, unha rapaza que vive na Costa da Morte, preto da praia de Soesto, coa súa familia, pouco convencional pero moi feliz. Cando as súas nais marchan a actuar co seu grupo a un festival en Bélxica, os rapaces quedarán a cargo da tía Lola, unha muller moi comprometida co medio ambiente pero moi caótica na súa vida diaria.

A “ardora”, esa fosforescencia mariña que a moita e moitos nos semella máxica, transfórmase aquí nunha historia que ilumina emocional e literariamente.

- Mozas/os e adultas/os:

Que me queres, amor?, de Manuel Rivas
Galaxia

Unha colección de relatos que o propio autor describe como “froito da liberdade e a melancolía”. O Amor é o protagonista indefinido en todas as historias: o amor do pai que vai traballar coa preocupación de non saber como nin onde pasou o seu fillo a noite; o amor á nai, de inefable semellanza, no recordo infantil, á leiteira que pintara Vermeer en 1660; o amor máis carnal de Carmiña, coa incómoda presenza do seu can Tarzán; o amor compasivo que chegan a sentir a lectora e o lector polo vello profesor rural da “lingua das bolboretas"...

Rivas ofrécenos unha interpretación lírica, dura e delicada á vez, dun país habitado polo tempo e por xentes que reclaman o seu dereito a ter unha historia que contar.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario