28/5/21

Recomendacións en Radioleiros: 28 maio 2021

- Infantil (nenas-os a partir de 4 anos):
"Extra!". Texto das cancións e música de Paco Nogueiras. Ilustracións de Marc Taeger. En Kalandraka.
Libro-disco dedicado “aos nenos, nenas e familias que seguen a cantar e a bailar cun sorriso pese a todas as dificultades dos tempos actuais”.
Está formado por 12 cancións. A 1ª titúlase “Extra!”, igual que o libro-disco, nel explica que é un xornal musical para compartir porque cando era pequeno imaxinou facer o seu propio xornal onde se tratasen todos os temas, pero sobre todo con moita música. Presenta noticias con letras, debuxos e sons, porque para el unha publicación entra polos ollos, polas mans e polas orellas.
A segunda é “Dime por que” e coméntanos que ten unha pregunta difícil de explicar:
Por que é salgada a auga do mar?
Como voan os paxaros, co difícil que é voar?
Quen inventou a música e nos puxo a bailar?
A 3ª fala do que se pode facer coa bicicleta.
A 4ª de cando estou enfadado ou enfadada.
A 5ª dos superheroes e das superheroínas.
A 6ª trata da ecoloxía:
Derrétese o xeo, cada vez hai máis calor.
A terra fica cansa con tanta explotación.
...
Con estas cancións convídanos a conectar co mundo e a transformalo pero con alegría.
Invitamos a todas as nenas e nenos a que escoiten o disco, lean as letras e miren as imaxinativas ilustracións. Estamos ante un divertido libro-disco que serve para escoitar pero tamén para aprender, e que sobre todo aporta beleza e diversión.
Algunhas cancións teñen videoclips realizados por José Miguel Sagüillo cos que se pode desfrutar conectándose en www.kalandraka.tv
Pódese gozar en familia, polo que o recomendamos para todas as idades, pero unha orientativa sería a partir de 4 anos.
 
- Mozas-os e adultas-os:
"La edad del desconsuelo" de Jane Smiley. Editado por Sexto Piso.
Trata sobre a vida en parella e a perda da felicidade.
Preséntanos a Dana e a David, dous estudantes de odontoloxía que ao acabar a carreira casan e montan unha clínica dental, pero iso leva consigo unha hipoteca de 2.500 $ ao mes. Non foi fácil cumprir os prazos, pero conseguírono. Cando ía todo encamiñado Dana quedou embarazada. Nuns anos tiveron 3 nenas (Lizzie, Stephanie e Leah). Son unha familia próspera, cunha xornada laboral a tempo parcial que teñen que preocuparse de cuestións de odontoloxía e do coidado, educación e crianza das nenas. Aparentemente todo vai ben, a vida lles sorrí: un apracible matrimonio, tres fermosas fillas e unha próspera clínica dental. Pero un día, Dana di, como falando para si, “Nunca máis volverei a ser feliz”. Dave fai como que non a oíu e convéncese de que Dana se namorou doutro home. Sexa por inseguridade, por covardía ou por manter a estabilidade, decide que a mellor maneira de salvar o matrimonio é que ela non descubra que el o sabe. Decide non falalo, non preguntarlle nada.
Asistimos á narración da vida diaria desta familia ata que chega ese descubrimento que o trastoca todo, e que inflúe na crianza das nenas, porque elas danse conta de que algo vai mal e aféctalles na súa saúde e no seu benestar. É como se houbese unha ameaza no ambiente familiar.
Un libro curto que presenta un bo retrato dunha familia de clase media-alta americana, cuns personaxes moi ben caracterizados e que nos provoca diversas preguntas. Asistimos a unha reflexión sobre a vida en parella, sobre o medo a perder o ser amado e tamén á perda da felicidade.
 
Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.


No hay comentarios:

Publicar un comentario