El monstruo de colores va al cole, de Anna Llenas
Flamboyant
Anna Llenas escribiu co mesmo personaxe El monstruo de colores e El monstruo de colores va al cole.
El monstruo de colores foi o primeiro álbum que asinou como autora e ilustradora e é un dos principais libros cos que se traballa a educación emocional (alegría, tristeza, ira, nerviosismo, etc.) nas nenas e nenos máis pequenos.
O monstro de cores é un simpático monstro que lle gusta ao público infantil, que cambia de cor en función das emocións. Se está tranquilo adquire a cor verde, se está contento ponse amarelo, etc.
No título que recomendamos, ao principio o monstro está de cor verde porque está en calma pero unha nena chamada Nuna dille que hoxe vai ser o seu primeiro día de colexio, polo que o monstro vólvese de todas as cores, debido a que esta acción provócalle nerviosismo, medo, alegría, etc. Que será iso do cole?, pregúntase.
Nuna acompáñao e móstralle a súa clase. O monstro agáchase detrás dunha cortina. Vai cambiando ao presentarlle os compañeiros e compañeiras, ir a clase de música, saír ao patio, xantar, etc. O cole non está tan mal e o monstro pasouno ben, está alegre polo que o vemos de cor amarela.
Obra ideal para ler e mostrar aos máis pequenos, principalmente ao comezar o cole ou se non lles gusta moito. Se os nenos e nenas xa coñecen o primeiro libro, mellor, porque así vanse fixando de que cor está o monstro. No caso de que non o coñezan é necesario explicarlles o que lle vai acontecendo, o motivo polo cal vai cambiando de cores.
- Mozas/os e adultas/os:
 La mujer del pelo rojo, de Orhan Pamuk
La mujer del pelo rojo, de Orhan PamukPenguin Randon House
Orhan Pamuk foi Premio Nobel de Literatura no ano 2006.
Tráxica novela contemporánea que explora temas como a culpa, o desexo e a paternidade baixo mitos e lendas que chegaron ata os nosos días.
Nos arredores de Istambul, un mestre poceiro e un aprendiz novo son contratados para atopar auga nun terreo bastante estéril. Mentres escavan sen sorte, nace entre eles un vínculo case paterno-filial, unha dependencia mutua que se ve alterada cando o adolescente se namora dunha misteriosa muller de pelo vermello que é moito maior ca el. Sinte por ela unha gran atracción, síguea ata que descobre que é actriz dun grupo de teatro que está de paso e comparte con ela unha noite de amor. Será un primeiro amor que marcará o resto dos seus días.
Volve ao traballo. Están a 25 metros de profundidade e seguen sen atopar auga, pero un descoido do mozo fai que o poceiro teña un accidente no fondo do pozo. Cem (o mozo), desesperado busca axuda, pero como non a atopa, marcha abandonando a Mahmut (o poceiro) no fondo do pozo. Non sabe se só está ferido ou se xa está morto. Escapa para a capital. Anos despois, está xa casado e cun negocio inmobiliario, pero segue arrastrando a culpa de deixar abandonado o poceiro...
Segundo imos lendo esta historia veremos como se vai transformando e cambiando Turquía.
Unha obra de amor e misterio na que se mestura a intriga, a fábula e a traxedia e profundiza en temas como a familia ou a figura paterna.
Segundo o Financial Times “promove que sempre debemos interrogar polo pasado, pero nunca negalo ou enterralo”.
Cunha escritura maxistral, como nos ten acostumados este autor, esta novela atrapa ao lector ou lectora e reafirma a Pamuk como un dos grandes escritores da actualidade.
Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.


 
No hay comentarios:
Publicar un comentario