20/12/19

Recomendacións en Radioleiros: 20 decembro 2019

https://youtu.be/cnvgt4dCQAY
https://catalogo-rbgalicia.xunta.gal/cgi-bin/koha/opac-detail.pl?biblionumber=1531202&branch_group_limit_txt=Oleiros%20-%20Biblioteca%20Central%20Rialeda&branch_group_limit=branch%3AOLE1 - Xuvenil (maiores de 10 anos):
"Versos e viceversos" de Antonio García Teijeiro e Juan Carlos Martín Ramos. Ilustracións de Juan Ramón Alonso. En Kalandraka.
Deliciosa obra de poesía, escrita conxuntamente por dous poetas. Formada por 30 fermosos poemas, sen título, que constan dunha entrada que vai alternando o idioma galego e o castelán. Hainos dedicados ao mar, ao mundo, ao caderno do poeta...
Di a editorial que “son versos do norte e do sur que van e veñen como as ondas do mar, que testemuñan un intercambio literario e lingüístico”.
Todos os poemas están acompañados dunhas delicadas ilustracións en tons azuis e grises.
Magnífica obra, con poesías en diversos estilos, que falan de natureza, que condenan a guerra e a destrución do planeta.


https://catalogo-rbgalicia.xunta.gal/cgi-bin/koha/opac-detail.pl?biblionumber=1424725- Mozas-os e adultas-os:
"Pequeño país" de Gaël Faye. Editado por Salamandra.
Sinxela, pero ao mesmo tempo, emotiva e desgarradora novela que trata sobre as infancias rotas e os estragos da guerra, presentándonos con nostalxia esa felicidade desaparecida.
O protagonista, Gabriel, ten 10 anos, é fillo dunha ruandesa tutsi e dun empresario francés instalado en Burundi. Vive feliz e pasa os días co seu grupo de amigos polas rúas de Buyumbura. Todo comeza a romperse primeiro coa separación dos pais e despois coa irrupción da guerra en Burundi... Teñen que exiliarse e dúas décadas máis tarde, xa adulto, regresa e lembra a súa infancia e os tempos felices vividos, ata que os seus habitantes tiveron que tomar partido por un ou outro bando, e aniquilarse mutuamente ou exiliarse.
Gabriel iranos narrando os acontecementos dunha forma sinxela e nun ton cercano, desde a visión dun neno protexido polo pai para que lle afecten o menos posible estes sucesos.
Unha obra da que van máis de 700.000 exemplares vendidos que segundo a editorial é “un canto de amor ao país perdido”.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario