
A
Biblioteca Central Rialeda (Perillo)
elabora para este Nadal unha serie de recomendacións bibliográficas de
libros, DVD e CD dirixidas a un publico infantil, xuvenil e para adult@s
que se pode ver a través da
web municipal e do
blog
das bibliotecas municipais. Nelas preséntanse obras literarias (contos,
historias e albumes ilustrados infantís e xuvenís, narrativa e poesía
para moz@s e adult@s) así como obras de coñecementos para diferentes
idades (de historia, botánica, zooloxía, cociña, viaxes, etc.).
Realízase esta selección cun dobre obxectivo: mostrar obras de calidade
literaria, artística ou científica para animar a súa lectura, visión ou
audición e lembrar que un libro, un DVD, ou un CD son tamén un bo
agasallo. Esta escolla foi realizada polo persoal desta biblioteca e
nela poderán atopar publicacións moi diversas. Trátase dunha selección
de creacións de autoras e autores galegos, españois e internacionais,
para distintos gustos, intereses, preferencias e idades. Boas
historias e bos libros para ler, observar ou mirar, películas ou discos
para gozar e compartir.
Con todos os libros, CD e DVD destas
recomendacións realizaranse exposicións bibliográficas en distintas
salas da Biblioteca Rialeda para que os poidan ver e, se o desexan, que
os leven en préstamo para as súas casas.
Na
Biblioteca Pública Municipal Rosalía de Castro (Santa Cruz)
levarase a cabo a actividade
“Decoramos co Nadal”. Consiste en
proporcionarlles ás nenas e nenos recortables con motivos do Nadal para
que podan colorear e ir decorando con eles as distintas salas da
biblioteca favorecendo a creación dun ambiente navideño.
Nas
Bibliotecas Públicas Municipais
Mª José Trincado (Mera),
Mª José Ruso (Dorneda) e
Xograr Mendiño (Lorbé) construirase unha árbore de Nadal
con cartolinas e, as nenas e nenos realizarán bolas e diferentes adornos
do Nadal, que colorearán e recortarán, para posteriormente colocalos na
árbore ou distribuílos pola biblioteca.
Nas sete bibliotecas
municipais realizaranse
exposicións bibliográficas de
libros con temática do Nadal: contos, historias e álbums ilustrados que lles
presenten a nenas e nenos personaxes como o Apalpador, Papá Noel ou os Magos de Oriente, obras literarias (novela, poesía e teatro) ambientadas no
Nadal, libros de arte sobre esta temática, obras de decoración navideña,
libros de cociña con alimentos e pratos típicos desta época, etc.,
xunto con películas ambientadas na época do Nadal e CD de panxoliñas.
Así mesmo, en todas as bibliotecas as nenas e os nenos poderán colorear
diversas ilustracións desta temática.
Animamos a todas as persoas que
vaian facer algún regalo por estas datas de Nadal ou Reis, que
obsequien aos seus seres queridos cun libro, ao mesmo tempo que lles
lembramos da importancia da lectura na formación integral da persoa.
Desde
as
Bibliotecas Municipais de Oleiros desexamos transmitir os nosos
mellores desexos de saúde, felicidade e prosperidade, que o vindeiro ano
traia boas novas e un mundo de ilusións convertidas en realidade.